Guadi Galego: "Queda máis da pianista que da gaiteira que fun algún día"

Con 50 anos recén cumpridos, a artista fálanos da madurez no seu novo espectáculo, 'Síntese horizonte'. A cita é este venres en Santiago e o sábado, en Ferrol.
G
photo_camera Guadi Galego. LAVANDEIRA JR

Volve aos escenarios galegos despois de ano e medio e faino coa mesma ilusión que tiña cando empezou, hai xa máis de media vida. Guadi [Guadalupe] Galego regresa cun espectáculo, Síntese horizonte, centrado na madurez e na amplitude de ollada que dá sempre a vida xa vivida.

Como se sente ante esta volta aos escenarios galegos despois de ano e medio de ausencia?
Síntome contenta. Tiña ganas de volver. Tiña que ter volto xa en novembro pero atrasei dous meses máis. Estou contenta de dar un pasiño máis con este espectáculo, ‘Síntese horizonte’, que fago cun equipo moi grande, unha luz moi determinada... É un espectáculo pensado para teatro, conceptual, feito para isto.

Por que 'Síntese horizonte'?
O último disco chamábase Roibén, que é a luz vermella que se ve ao abrente ou ao solpor. Entón busquei algo que sintetizase a luz e fose máis aló. E pensei no horizonte, nese límite que varía se o ves no mar, na terra... E tamén pensei en síntese como resumo dese horizonte, que pode ter cores e formas diferentes. Un resumo vital, en suma.

Por que só tres concertos: en Santiago e Ferrol (coas entradas xa esgotadas) e Pontevedra (o 13 de abril, no Teatro Principal)?
Iso me pregunto eu: por que só tres concertos? Estou desexando poder levar este espectáculo a todos os teatros galegos e agardo que chegue algún máis. 

Nestes concertos, soarán por primeira vez en Galicia os temas de 'Roibén', que sacou hai máis dun ano. Por que non se tocaron ata agora por aquí?
Pasei case tres anos e medio nos escenarios sen parar e enganchei dous discos seguidos así que tocábame descansar e tamén que descansasen de min.

E faille especial ilusión agora estrear esas cancións na súa terra?
Cada vez que estreas algo é ilusionante. Pero tamén o vivido para facer este espectáculo, ata o momento, foi moi potente.

No escenario contará coa colaboración das cantantes de De Vacas. É só por esta vez ou haberá máis?
Estarán no espectáculo Paula Romero, Faia Díaz e Inés Salvado pero como cantoras individuais, non como parte de De Vacas, formación na que estiveron. Xunto con elas tamén haberá outra cantora máis, Rocío Giménez.

Un dos seus últimos traballos foi 'Oda', que é toda unha declaración de intencións...
A letra dío todo. Fala da aceptación da madurez, da aprendizaxe, de abrazar a vida vivida.

É autobiográfico?
Non, aínda que varias das miñas cancións estean escritas en primeira persoa non son referencias á miña vida exclusivamente, tamén se fala doutras mulleres. Vénse de estrear o tema que canta con Rozalén, ‘Todo esto te daré’.

De onde saiu esta colaboración?
O tema xa o tiña feito para unha ficción sonora, en Audible, sobre o libro ‘Todo esto te daré’ de Dolores Redondo, que leva o mesmo título, e ocurríuseme sacalo como canción coa voz de Rozalén e falei con ela. Díxome que se lle gustaba a canción, o faría. Gustoulle e aí está. 

Dixo de Rozalén que a súa voz leva a canción "a un lugar marabilloso". Como definiría esa voz?
A súa voz é moi máxica. Ten moita presenza e personalidade. Fai todo moi propio cando canta.

A canción acompáñase dun 'lyric video' que se pode ver en YouTube. ¿En que consiste o 'lyric video'?
É un vídeo que inclúe a letra da canción, no que se lle dá máis forza á letra cá imaxe.

Satisfeita desa experiencia de facer unha banda sonora para a novela de Dolores Redondo?
Si, foi un encargo. Gustoume facela porque te saca do teu xeito de escribir e tes que ambientarte no guión e no libro.

Cumpriu esta semana os 50, dos cales máis da metade vencellada á música...
Levo máis da metade da vida dando concertos. A primeira vez foi con 23 anos pero empecei coa música xa de nena. Síntome afortunada de poder dedicarme a isto toda a vida. Custa pero recompensa moito tamén.

Que queda daquela rapaza que foi cantante de Berrogüetto, ademais de pianista e gaiteira?
Da gaiteira, queda pouco. Só toco unha vez ao ano, como un ritual, na romaría de patrona de Cedeira, Santa María do Mar. Pero pianista sigo a ser porque compoño con ese instrumento. O mellor de todo é que teño a ilusión intacta despois de tantos anos, con ganas de seguir aprendendo.