"¿Qué opino del gallego? Mi marido no trabajó por otra cosa"

A viúva de Manuel Regueiro Tenreiro defende o papel do seu home á  fronte da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O Colectivo Egeria reuniu nun libro de homenaxe 80 textos de escritores, docentes e amigos sobre quen foi profesor en Lugo.
Valentín García, xunto a Javier Arias, á súa chegada ao acto. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Valentín García, xunto a Javier Arias, á súa chegada ao acto. VICTORIA RODRÍGUEZ

María Teresa Pérez foi a primeira doutora que houbo en Lugo e a pioneira no ámbitos da anestesia. "Dejé Salamanca en 1977 porque me trajeron a Lugo. Vine por mi marido cuando todas las mujeres tiran para lo suyo", bromea con soltura. Manuel Regueiro Tenreiro formouse como teólogo e filósofo, e sobre todo deu un pulo determinante ao galega como director de Política Lingüística entre o 1989 e o 2000, e director do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. O Colectivo Egeria dedicoulle un libro entre a biografía, a crónica e a amizade baixo a coordernación de Xulio Xiz. Oitenta escritores, profesores e admiradores achegan textos sobre o homenaxeado, que foi presentado onte en Lugo.

O seu fillo Fernando destaca "a preocupación pedagóxica" do seu pai, no que coincide co profesor Miguel Ángel Martínez, que cadrou co homenaxeado ambos dando clase de Filosofía no instituto Ánxel Fole de Lugo. Fernando considera que "como pai foi exemplar, dialogante. Nunca foi de reñer, senón de argumentar". Recoñece que o vían pouco durante a súa etapa na Xunta porque vivían en Lugo e "el marchaba ás seis da mañá e volvía ás nove da noite. Se volvía, porque ás veces quedaba a durmir en Santiago". A lingua foi a gran preocupación de Manuel Regueiro. A súa viúva, castelá, remárcao. Cando se lle pregunta pola opinión sobre o galego, afirma con ímpetu que "deberían convivir" os dous idiomas. "¿Qué quiere que opine del gallego si mi marido no trabajó por otra cosa?".

A súa motivación era "explicar  ética ás novas xeracións" para que aprendesen os conceptos de "liberdade e democracia"

O ensino estivo xunto o idioma nas preocupacións do protagonista do libro. Miguel Ángel Martínez destaca que "era moi bo pedagogo". En 2008 empezou a dar clases no Ánxel Foles, onde xa traballaba Regueiro Tenreiro "con toda a experiencia". A súa motivación era "explicar ética ás novas xeracións" para que aprendesen os conceptos de "liberdade e democracia".

Martínez destaca que "conectamos moi ben" e que estiveron "interesados en dotar de ferramentas para a vida en democracia" aos alumnos. Xuntos asinaron o libro Ser cidadán, "a pesar de que eramos de escolas filosóficas distintas". "El era humanista cristián e eu son postestruralista", pero iso non foi obstáculo "porque tiña unha mentalidade aberta".

Comentarios