‘As que limpan’ foi a triunfadora dos premios María Casares ao conseguir catro galardóns

A cidade de A Coruña viviu o xoves a gran festa do teatro galego, nunha gala no Rosalía de Castro que reuniu unhas 500 persoas. A montaxe de O porco de pé obtivo tres distincións
As integrantes de A Panadaría, o xoves na gala. LADIAPO
photo_camera As integrantes de A Panadaría, o xoves na gala. LADIAPO

As que limpan, de A Panadaría, foi a triunfadora dos XXVII Premios de Teatro María Casares, entregados o xoves na Coruña, ao conseguir catro galardóns: espectáculo, actriz protagonista (Noelia Castro), dirección e texto orixinal (nestes dous apartados recoñécese de forma conxunta a Areta Bolado, a Ailén Kendelmán e a Noelia Castro).

Os premios estiveron organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) coa colaboración de institucións e entidades como a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Fundación AISGE, a Fundación SGAE, o Padroado de Cultura do Concello de Narón e Gadis.

O porco de pé, montaxe de Producións Teatrais Excéntricas, conquistou tres galardóns (adaptación- tradución para Quico Cadaval e Pepe Sendón, vestiario para Carlos Alonso e actor secundario para Evaristo Calvo), mentres que Smoke on the water, de Ibuprofeno Teatro, se fixo con dous (espazo sonoro para Mon Orencio e actor protagonista para Josito Porto).

Outros dous María Casares acadou Ás oito da tarde, cando morren as nais, do Centro Dramático Galego (espazo escénico para Blanca Añón e dirección de movemento para Rut Balbís, este último ex aquo).

O deus do pop, de Diego Anido, tamén acadou dous galardóns (Iluminación para Montse Piñeiro, Raquel Hernández e Pedro Fresneda e dirección de movemento para o propio Diego Anido e Guillermo Weickret, este último ex aquou).

Tïteres Cachirulo coa súa obra Xela contra o dragón Traga-Verbas gañou na nova categoría de monicreques, obxectos e figuras animadas.

No apartado de espectáculo infantil, foi a compañía Caramuxo Teatro quen triunfou coa súa obra A nena que vivía nunha caixa de mistos. A relación de espectáculos premiados completouse con dúas obras que gañaron un galardón cada unha: Papagena, de Butaca- Zero (maquillaxe para Diego Valeiras) e A peste, do Centro Dramático Galego (actriz secundaria para María Roja).

O teatro Rosalía Castro da Coruña acolleu a gala, á que asistiron unhas 500 persoas

O teatro Rosalía Castro da Coruña acolleu a gala, á que asistiron unhas 500 persoas. Entre os convidados, atopábanse a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, (Agadic), Jacobo Sutil; a subdelegada da Goberno, María Rivas; o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto; os concelleiros do grupo municipal do Partido Popular Miguel Lorenzo e Roberto Coira, os concelleiros do grupo municipal de Marea Atlántica María García e Iago Martínez, os concelleiros do grupo municipal do BNG Francisco Jorquera e Avia Vieira, ou o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez.

O presidente da AAAG, Xosé Barato, iniciou a súa intervención saudando a profesión escénica que se reunía no teatro Rosalía Castro no gran festa do teatro galego e tamén ao público que seguía a gala dende os seus fogares. Barato lamentou que a TVG levara cinco edicións sen retransmitir os premios María Casares.

"Un dos obxectivos desta asociación é a mellora dos convenios que nos rexen", sinalou Barato no seu discurso.

Comentarios