'As que limpan' e 'Ás oito da tarde, cando morren as nais' lideran os María Casares

Unha quincena de producións competirán nos galardóns que se fallarán o vindeiro día 30 no Teatro Rosalía de Castro de A Coruña

Festa dos finalistas dos María Casares 2023. LA DIAPO / AAAG
photo_camera Festa dos finalistas dos María Casares 2023. LA DIAPO / AAAG

As que limpan e Ás oito da tarde, cando morren as nais son as obras con maior número de nomeamentos, nove cada unha, na XXVII edición dos Premios de Teatro María Casares, na que un total de 15 espectáculos competirán por facerse con algún dos 16 galardóns que se entregarán na gala do próximo 30 de marzo no Teatro Rosalía Castro de A Coruña.

Así, son tres as obras nomeadas na categoría de Mellor espectáculo: As que limpan, da Panadaría; O Deus do pop, de Diego Anido; e O Porco de pé, de Producións Excéntricas. As nomeadas a Mellor Actriz Protagonista son Belén Constenla por Smoke on the water (Ibuprofeno Teatro), Melania Cruz por Continente María (Ainé Producións e A Quinta do Cuadrante), Noelia Castro por As que limpan e Patricia Vázquez por O Porco de pé.

Na categoría a Mellor Actor Protagonista están Anxo Outumuro polo seu traballo en Ragazzo (Barrosanta), Diego Anido por O Deus do pop, Josito Porto por Smoke on the water e Víctor Mosqueira de O Porco de pé.

A Mellor Actriz de Reparto foron nomeadas Ailén Kendelman e Areta Bolado pola súa interpretación en As que limpan, Camila Bossa por Ás oito da tarde, cando morren as nais, así como María Roja por A Peste (Centro Dramático Galego).

Na categoría de Mellor Actor de Reparto compiten Adrián Ríos (Smoke on the water), Evaristo Calvo (O Porco de pé), Toni Salgado e Xosé Manuel Esperante (Ás oito da tarde..’). As que limpan compite tamén en Mellor Dirección polo traballo de Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman. Marta Pazos (Ás oito da tarde...) e Tito Asorey (Continente María), son as outras dúas finalistas desta categoría.

As dúas producións con máis nomeamentos están entre as elexidas a Mellor Dirección en movemento polo labor de Clara Ferrão (As que limpan) e Rut Balbís (Ás oito da tarde, cando morren as nais). Tamén compiten Guillermo Weickret e Diego Anido por O Deus do pop.

En Mellor Tradución os finalistas son Cándido Pazó (A Peste), Quico Cadaval e Pepe Sendón (O porco de pé), así como Lali Álvarez, Xavier Castiñeira e Anxo Outumuro (Ragazzo).

A meniña que vivía nunha caixa de mistos, Ninja e Wombo Combo de Caramuxo Teatro, Teatro Ghazafelhos e Galeatro, respectivamente, son as tres representacións en Mellor Espectáculo Infantil. Mentres, a Mellor Espectáculo de Monicreques están nomeadas A Barca Do Inferno, da compañía Nauta Teatro; Raio the Loubican, de Mircromina; e Xela contra o Dragón Tragaverbas de Monicreques Cachirulo.

Comentarios