Que é o pop?

As miñas visitas á redacción de El Progreso son do máis entretido que fago, sobre todo cando discuto coa miña compañeira de Táboa Marta Veiga, que se atopa na miña antípoda cultural

AS MIÑAS VISITAS á redacción de El Progreso son do máis entretido que fago, sobre todo cando discuto coa miña compañeira de Táboa Marta Veiga, que se atopa —comodamente instalada, supoño— na miña antípoda cultural. Non chegamos aos pedantes debates propios da prensa da capital, coas súas armas antigas e iso, pero ímola virando.

As conversas máis divertidas para min son as que tratan sobre música, porque ela sabe moito máis ca min e a base de malleiras vou aprendendo a desprazar os meus prexuízos. Porén, non sempre consegue convencerme cos seus argumentos, algo que sucedeu esta semana co gallo da publicación de ‘Yeah! Yeah! Yeah!’, unha historia do pop moderno escrita polo músico e xornalista Bob Stanley e que vén de editar Turner.

A análise da obra ten dúas dimensións: a idea ou tese que a vertebra e o seu contido enciclopédico. Este segundo aspecto admite moi pouca recriminación: Bob Stanley realizou unha obra pioneira —como ben remarca na ‘Introdución’— na que aporta unha cantidade de información verdadeiramente impresionante. A pesares de utilizar como guía as listas de éxitos de Estados Unidos e o Reino Unido logra que o libro non se converta nunha sucesión de nomes e datas sen máis explicación e iso xa é moito. As súas reflexións son breves —co seu criterio selectivo, que agora comentaremos, unha análise longa faría que estivésemos diante dunha obra en varios volumes— pero ben fundadas, aínda que supoño que un musicólogo ou alguén con máis coñecementos ca un servidor podería sacar punta ás súas apreciacións.

É na tese da obra no que xorde a polémica musical e mesmo cultural. O autor aposta por un concepto de pop maximalista e, polo tanto, afastado dos matices, tanto no musical coma no cultural. En poucas palabras: todo é música pop xa que non é música culta —enténdase como tal ‘clásica’— e todo é pop porque esta música non existe per se senón que é, na práctica, un modo de produción. No fondo, estamos ante un traslado do eterno debate sobre os xéneros literarios no eido da literatura.

Os conceptos culturais —os conceptos, en xeral— son elementos flexíbeis e quen os manexa ha de selo tamén. Dende logo, se entendemos pop como unha simple abreviatura de ‘popular’ sostense con facilidade a dualidade que enfronta esta co ‘culto’. Non podemos dicir que sexa unha falsa oposición pero si que non atende en absoluto aos detalles por ser excesivamente xeral. E basear un libro nunha selección feita sobre esa base é, como pouco, un risco.

Máis complexo resulta aínda o segundo argumento. Ao considerar pop, por exemplo, o mesmo a Michael Jackson que a Sam Cooke, Tupac Shakur ou Bob Dylan adóptase unha perspectiva contraintuitiva de máis. ¿Se o rap, o blues e o folk son pop... entón que sucede coa idea estendida de pop que representa, por exemplo, Madonna? Non fai falla ser musicólogo nin ter fondos coñecementos de música para apreciar que cada un destes artistas ten un son diferente, ata o punto de que cada un pode representar un xénero distinto. Para soster un argumento deste tipo, Bob Stanley precisaría máis páxinas e máis reflexión... Se Marta puido facer que eu pensase, de seguro que o autor podería facelo con máis motivo aínda, pero iso probablemente espantaría a un lector calquera que buscase un ensaio que mesture análise e referencia.

Como poden ver, non é mal libro aquel que fai que un reflexione a fondo sobre realidades culturais presentes na nosa vida. A isto tamén contribúe unha acertada decisión de Turner: deixar o libro na súa versión orixinal. En obras deste tipo moitos sucumben á tentación de facer unha edición con material extra relativo ao país no que se publica, neste caso España. Se xa é difícil facer taxonomía nun libro centrado esencialmente en Inglaterra e Estados Unidos, imaxinen se entrase na ecuación o extravagante panorama español, cos seus Canto del Loco e Camela e o relativo descoñecemento de bandas e solistas moi populares no resto de Europa. Se xa non é sinxelo saber que é o pop, se anda algo español polo medio, aínda peor. Coma case que sempre.

Comentarios