El Progreso repartirá o sábado un CD cos mellores sons do Eixo Atlántico

O disco inclúe unha hora de pezas clásicas interpretadas polos finalistas da pasada Mostra Musical de Galicia y Norte de Portugal

Grabación del disco en abril de 2016 en Vilagarcía
photo_camera Grabación del disco en abril de 2016 en Vilagarcía

Franz Schubert, Brubeck, Frederic Chopin ou Edvard Grieg son algúns dos compositores clásicos que asinan as pezas interpretadas por promesas mozas de Galicia e o Norte de Portugal no disco Mostra Musical do Eixo Atlántico que repartirá o sábado o xornal El Progreso.

Trátase dun álbum gravado os días 23 e 24 de abril de 2016 no Auditorio de Vilagarcía de Arousa, durante a celebración da última Mostra Musical do Eixo Atlántico, un evento bienal que a fin de semana que vén -os días 5 e 6 de maio- festexará a súa primeira década cun certame na localidade portuguesa de Vila Real.

Polo que respecta ao disco do que poderán gozar o sábado os lectores de El Progreso, inclúe once cortes e unha hora completa de música, tocada por mozos das dúas beiras do Miño ao fagote, trombón, piano violín ou percusión. Trátase dos finalistas na categoría de solistas e grupos da edición de 2016.

Un deses mozos finalistas é o monfortino Lucas López López, que no disco Mostra Musical do Eixo Atlántico transforma no piano o Nocturno Op. 54, número 4 de Edvard Grieg. A outra finalista galega da escolma de 2016 é a ferrolá Noreia Hermida Pérez, tamén pianista, que elixiu para o certame o Impronptu Op. 142, número 3 de Franz Schubert.

Nemesio García Carril será homenaxeado na vindeira edición da Mostra Musical, que se celebrará en Vila Real os días 5 e 6 de maio

O Estudo Op. 109, número 15 de Burgmüller e o valse Op. 64, número 1 de Frederic Chopin, ambas as pezas a cargo do pianista de Braga Máximo Klyetsun; o Concertino de F. David, pola fagotista de Vila Nova de Gaia Bruna Filipa Ramos Carvalho, acompañada ao piano por João Queirós, ou a Sugaria de E. Sammut, pola percusionista Sofia Carvalho Costa, igualmente de Vila Nova de Gaia, forman parte deste disco.

Así mesmo, o fagotista de Mirandela Patrick Gabriel de Oliveira interpreta o Solo de concerto Op. 38 de G. Pierné, co acompañamento pianístico de Eva Gÿorgy, mentres que o seu veciño e trombonista Diogo Alexandre Taveira Silva fai o propio co Concerto para trombón e orquestra de C. Brubeck.

A nómina de solistas complétase coa violinista Maria de Portugal da Silveira Ribeiro Ferreira, unha moza de Penafiel que elixiu Variacións sobre un tema orixinal de H. Wieniawski, acompañada ao piano por Isolda Crespi.

No apartado de pezas grupais, o disco que entregará o sábado El Progreso inclúe Sete velhos corais portugueses de E. Carrapatoso, e Polish Dance de E. Severn, executados en ambos os casos polo Cuarteto de Cordas do Conservatório Regional de Vila Real.

CELEBRACIÓN. A Mostra Musical do Eixo Atlántico celebra neste 2018 a súa primeira década como certame plenamente consolidado para a promoción dos novos artistas de Galicia e o Norte de Portugal. O seu obxectivo reside en poñer en valor os músicos dos conservatorios e escolas de música municipais, axudándolles a aqueles mozos que poidan contribuír á difusición do gusto pola música clásica e o jazz.

Para a organización da Mostra Músical o Eixo Atlántico conta coa colaboración da Casa de Música do Porto e da Xunta, a través da Secretaría Xeral de Cultura. Nesta edición, a cita será en Vila Real os días 5 e 6 de maio coa cifra récord de máis de 300 participantes, que case que duplica aos da primeira edición, celebrada en Vilagarcía en 2008.

Durante a vindeira edición, a Mostra quere recoñecer a figura dun persoeiro relevante da música clásica ou jazz da Eurorrexión e deste volta o escollido é Nemesio García Carril, natural de Sobrado dos Monxes e que foi mestre director da catedral de Santiago.

Comentarios