"O profesor de 'Rapa' investiga o asasinato da alcaldesa porque atopa tintes novelescos"

O interese profesional de Pepe Coira (Rábade, 1963) é imaxinar crimes en lugares afastados, sexa a illa de Hierro ou a costa galega. Neste segundo ámbito desenvólvese a súa nova serie, 'Rapa'
Pepe Coira. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Pepe Coira. VICTORIA RODRÍGUEZ

Pepe Coira é O home tranquilo, a película favorita do seu pai, quen lle aprendeu a amar o cinema. O coguionista das series ‘Hierro’ e ‘Rapa’ é irreprochable. Chega con puntualidade á cita, escoita as preguntas e sorrí.

Voulle facer unha entrevista benevolente.
E iso?

Se son incisivo contestará con elegancia e non saberei seguir. Así que evitarei incomodalo. Agora fai cine, pero empezou como crítico.
Estaba estudando Xeografía e Historia en Santiago. Quería ir gratis ao cine. Escribín dúas críticas e leveinas a El Correo Gallego. Colléronme. Estiven un tempo facendo crítica. Un día o director, José Manuel Rey Nóvoa, convocoume no seu despacho para anunciarme que non me pagaría máis por facer crítica. De repente, púxome diante a contraportada do xornal daquel día e díxome que buscase erratas. Atopei 42. Rey Nóvoa quedou sorprendido porque el atopara a metade. Contratoume como corrector. Estiven traballando diso dous anos, ata que acabei a carreira.

A historia segue...
Pasei a ser redactor. Unha vez estaba tomando algo cuns xornalistas nunha terraza da Porta Faxeira cando empezou unha pelexa nun canellón que estaba ao carón. Había navalladas e todo. Cando me dei de conta quedara eu só na mesa, de que marcharan todos cubrir a información. Ese día fun consciente de que non tiña instinto xornalístico.

Pero non se despediu.
Non. Estaba de garda unha fin de semana. Quedara eu só. José Luis Alvite, que xa fichara por La Voz de Galicia, non estaba en Santiago eses días, así que non tiña competencia. Houbo un crime en Roxos. Fun para alí co fotógrafo, Blanco. Era nunha feira. Estaban recollendo os tenderetes. Xa levaran o morto. Quedaba un charco de sangue. Tivemos sorte porque había unha señora que era a nai e muller dos asasinos, e sobriña do asasinado. Non había caso. Eu estaba morto de medo mentres falaba con ela porque Blanco non paraba de facer fotos coa cámara escondida e soaba todo o tempo o clic.

"O meu primeiro traballo comor redactor dun xornal foi cubrir un asasinato. Soamente escribín un folio"

Chegou ao xornal coa exclusiva.
Si, o redactor xefe deixárame varias páxinas porque, como dicía, Alvite marchara. Escribín un folio. Non dei escrito máis.

Un folio non dá nin para media páxina das que debía encher.
Non usei adxectivos. Aínda continuei no xornal ata que me dixeron que tiña que aparecer diante da cámara en televisión.

Hoxe en día daría feito unha serie a partir dese folio.
Non o sei. Non había caso. Todas as series comezan por escribir a historia nun folio.

Fáleme da primeira idea de Rapa.
Paso uns días do verán en Cedeira dende hai seis ou sete anos. Vixía Herbeira é un sitio máxico. Vou moitas veces, é un sitio ao que me gusta ir habitualmente.

"Queriamos ambientar 'Rapa' en Cedeira por esa mestura de urbano e rural que ten"

Vai só? Busca ese illamento?
Non, non. Vou con alguén. A imaxe da que nace Rapa é un home camiñando por Vixía Herbeira cun reloxo deses modernos nesa contorna misteriosa e rica, con cabalos salvaxes e o mar batendo. Atopa unha muller agonizando. Queriamos ambientar ‘Rapa’ en Cedeira por esa mestura de rural e urbano tan galega. A garda civil protagonista vive en Cedeira e traballa en Ferrol, e o profesor vive en Ferrol e traballa en Cedeira.

Puxeron a investigar un profesor.
Temos a figura canónica que nos vén do cinema americano do detective ou o policía que investigan. En Hierro era esa figura singular do sistema español que é o xuíz instrutor. Tomás ama a literatura, pero non os seus alumnos; polo que é un mal profesor. É testemuña dun crime con tintes novelescos. Atopa un estímulo para erguerse polas mañás.

O profesor é Javier Cámara.
Facíalle ilusión porque nunca fixera xénero negro. É alguén que está canso da vida, con moitas zonas de sombra e con dificultades para empatizar. Fai aceptables os defectos do personaxe.

A vítima é unha alcadesa.
O poder local é grande en Galicia. Ten moitas derivadas políticas, económicas e sociais. Un alcalde ten influencia sobre as vidas. Hai o clientelismo e o paternalismo do poderoso que fai favores, interesada ou desinteradamente.

O espectador xa sabe ao principio quen a matou.
Non é unha serie de intriga nese senso. O espectador quere saber por que a matou. A alcaldesa ten moitos vínculos.

"A morta é unha alcaldesa porque ten moitas derivadas políticas, económicas e sociais. Ten influencia sobre as vidas"

"Cando che din que viron dunha sentada a serie é duro"

Os irmáns coira, Pepe e Jorge, non saben se haberá unha segunda parte de Rapa. Están esperando pola resposta de Movistar.

Canto tardan en facer unha tempada?
Ano e pico. Con Hierro empezaramos cinco anos antes. A ti lévache unha chea de tempo escribila e alucinas co rápido que vai a rodaxe, que tarda unhas cinco semanas. Nunha semana eles rodan o que nós tardamos dous ou tres meses en escribir. Hai xente que che di que viu a tempada dunha sentada, como é o caso de Rapa. É duro porque ven en horas o que tardaches meses en escribir.

Vostede non ve os capítulos consecutivamente?
Non son capaz. Prefiro ver un capítulo cada día, aínda que ás veces me faga trampa.

Non vai pasear só, tampouco ve series só?
Véxoas con Rosa, a miña muller. O que vexo só son as películas, que as poño para camiñar nunha cinta.

A maiores do criterio de Rosa, de que se fía?
O importante das series é quen chas recomenda. É raro que me meta ver unha serie se non ma recomendou alguén.

Que serie está vendo?
Eu? Ningunha. Non teño paciencia para ver series.

Ningunha? Non pode ser. Nunca viu unha serie?
Los Soprano.

Enteira?
Dúas temporadas. É o meu récord.

Non coñece The Americans?
Gustoulle á miña muller, pero deixamos a súa paixón polas series.

Sigamos coa entrevista. Recuperou o cine negro para camiñar na cinta?
Estou vendo cine negro francés, que é magnífico, e cine mudo, que é outra liga en canto a cine depurado e exquisito. As películas mudas son modernísimas porque están esquecidas.

Inflúe en Rapa?
O cine que ves e as novelas que les inflúen. Sobre Rapa e Hierro din que teñen unha certa calidade literaria.

Como descubriu o xénero negro?
O profesor Gonzalo Allegue, que daba clase no instituto Masculino de Lugo, dera unha lista de libros a uns compañeiros meus. Pasouma Antón Dobao. Esa lista é decisiva.

Consérvaa?
Penso que non. Hai un libro que me marcou, Cuento de hadas en Nueva York, de Patrick Donleavy. É una mezcla de comedia e drama. É habitual que en situacións dramáticas, de morte dun ser querido, por exemplo, haxa unha situación ridícula que fai máis auténtica a dor que sentes.

A vostede pasoulle?
Pasoume.

Como aplicou esa mestura na escrita do guión?
Funciona cando definiches unha escena e toca detallala. Nese detalle hai que ver o que pasa e contalo. Cando os personaxes están en conflito é cando aparecen os mellores diálogos, que son os espontáneos.

Ese detalle ten que ser percibido por un equipo que pode ser de cincuenta ou sesenta persoas.
As películas teñen varias vidas: guión, rodaxe e montaxe. Debes imaxinar a serie e poñela no papel. O equipo aplica unhas cousas e outras non.

Traballou vostede en Hierro e en Rapa cun premio Goya en Montaxe, o seu irmán Jorge. Atrévese a discutirlle?
Discutimos moitas cousas cando estamos escribindo o guión, así que tamén as discutimos cando están montando. Ás veces corriximos o guión. Dicimos: "Conviría que este personaxe dixese isto ou que dixese isto neste momento" e aproveitamos unha escena na que o personaxe está de costas para meter a frase.

Un dos personaxes de Rapa, Maite, está encarnado por Mónica López. Recuperárona de Hierro.
O seu papel en Hierro era breve. Foi peliagudo atopar unha actriz que empatizase co espectador en pouco tempo. Ela ten iso.

Como se identifica ese poder nun cásting?
Un cásting é moi cruel. Máis alá da técnica e o aspecto tes que empatizar co actor. Mónica López conseguiuno.

"O meu irmán Jorge e máis eu discutimos cando estamos escribindo o guión da serie e cando estamos montándoa"

"Aprobei un exame da carreira sen estudar, polo que vira no cine"

No trasfondo de Rapa está o interese por amosar o xeito de vida galego. Por que tiñan ese obxectivo?
Eu aprendín moito como espectador. Aprobei un exame de Xeografía que non estudara por cousas que aprendera vendo cine. Caeran os climas de América e as exportacións de Escandinavia.

Que descubriu en Rapa?
O traballo cos besteiros para facer unha rapa. Non coñecía o tempo para reunir os cabalos salvaxes nin como funciona unha rapa. Ao meu irmán Lilo gústalle moito o monte e unha amiga súa é experta en cabalos salvaxes. Sabía que en Europa quedan en poucos sitios?

Confeso que non tiña idea.
Pois si. Viamos películas de vaqueiros e policías, pero non pasaban en Galicia. Os galegos eramos tremebundos ou galeguiños simpáticos.

Os vaqueiros americanos son gandeiros galegos con pistola.
Xa, pero hai cousas... Estamos afeitos a que nos miren por riba do ombro. Pensamos: "A ver que hai aquí de interesante". Encántame meter gastronomía. Hai unha escena na que Javier Cámara coce unhas nécoras na casa. Dixéronnos que era tipismo, pero eu fago iso ás veces. Compro unhas nécoras no mercado e cózoas. É como unha escea tomando tapas. Non é habitual.

Comentarios