Primitivo Lareu: "A la gente debía darle algo menos de vergüenza comprar piezas de arte"

Ao carón dos ríos Miño e Sil habitan numeros autores que xuntaron os seus traballos nunha exposición colectiva que estará dispoñible ata finais de agosto no Centro do Viño de Monforte. Lareu é un chantadino polifacético e conta cunha nutrida traxectoria no eido artístico.
Primitivo Lareu, coa peza da exposición no Centro do Viño
photo_camera Primitivo Lareu, coa peza da exposición no Centro do Viño

LAREU É un dos moitos artistas que garda a Ribeira Sacra, unha terra que teñen en común os 18 autores que participan na colección ‘Creacións Interiores: Artistas da Ribeira Sacra’, que se pode visitar ata o día 30 de agosto no Centro do Viño, en Monforte. Primitivo Lareu (Sabadelle, Chantada, 1970) participa por segunda ocasión neste encontro no que creadores de diversos eidos poñen en común os seus traballos ao mesmo tempo que os amosan aos máis curiosos. O chantadino participa nesta edición cunha escultura de madeira, mentres que na vez pasada o fixo cunha pintura. Lareu di que eventos coma este son especiais porque para el «é un orgullo compartir exposición con artitas tan destacables da zona». Ademais, non quixo pasar por alto «o gran detalle que tivo Humberto Loureiro organizando o encontro». Que nome ten a peza que amosa no Centro do Viño?

Non ten nome, non lle chamei de ninguha maneira porque forma parte dunha colección na que aínda estou traballando. Esta peza en concreto fíxena no 2014. Agora estou nunha etapa na que volvo recuperar o formato da madeira, que é no que comecei nos 90. Logo tamén traballei pedra, ferro e pezas de aluminio en función dos intereses que fun tendo e pasei do pequeno ao gran formato, coma é o caso desta peza.

Que quixo reflectir nesta gran peza de madeira?

Semella un home bastante forzudo que sostén un paxaro. Quixen reflexar a delicadeza, a pesar do aspecto forte do home erguendo o brazo e a textura tosca que implica a madeira pouco rematada. Gústame a nivel artístico.

Ademais da escultura en madeira e pedra tamén pinta.

Pintar pinto pouco ultimamente. A miña formación é a nivel escultórico mais si que fixen cousas de pintura e de feito na anterior exposición de artistas da Ribeira Sacra participei cunha delas, pero non me considero pintor.

"Dalgunha maneira, facer esculturas e elaborar viño son artes. Ás dúas cómpre darlles moitos aloumiños"

Cunha traxectoria coma a súa, como definiría o panorama artístico actual na Ribeira Sacra?

Atopo que hai unha chea de artistas de moi variadas disciplinas. Hoxe hai máis xente adicándose a isto, cando eu comecei traballábase principalmente a pintura e a escultura. Neste momento a Ribeira Sacra ten autores de nivel internacional, xente moi potente e moita variedade de traballos. Hai creadores que se adican exclusivamente a isto e outros que o compaxinamos con outras actividades.

Custa vivir da arte?

É complicado vivir dela, pero non penso que sexa imposible.

Está a poboación educada para consumir arte?

A poboación polo xeral non está acostumada. Hai, ao mellor, a idea errónea de que a arte é cara, pero moitas veces son cousas accesibles, sobre todo a estes niveis dos que estamos falando.

Aínda partindo de que hai arte para todos, non é un pouco elitista?

Si se pode identificar con certo elitismo, pero en absoluto está deseñada para isto. Á xente debía darlle un pouco menos de vergoña mercar pezas de arte porque hai para todos os estilos e gustos, podo aseguralo.

Lareu tamén fai viño na súa adega, en Sabadelle.

Dalgunha maneira tamén é arte, facer esculturas e elaborar viños son cousas que están preto unha da outra. Ás dúas cómpre darlles aloumiños.

Cando descubriu esta outra faceta?

Hai 15 anos que comecei co proxecto da bodega. É unha adega pequena e como a produción non é moi grande participo en todos os traballos que supón facer o viño. En Sabadelle teño todo, a casa, a bodega e o taller, así que cando me aburro dunha actividade axiña mudo para outra.

A adega é un chisco especial.

É coma case todas as modernas e pouca diferencia pode haber entre elas, o que pasa é que quixen conservar unha parte da adega antiga, e este si que é o atractivo. Quixen mesturar as dúas cousas e así poder amosar á xente o traballo tradicional da elaboración do viño. Cando comecei coa bodega quería que se respectara o pasado por iso a mantiven así.

A Ribeira Sacra, o viño e a súa paisaxe foron protagonistas dalgún dos seus traballos?

Moitas veces. O entorno sempre inflúe naquilo que fas, sexa o que sexa, ademais das correntes artísticas predominantes nese momento. Algunha das pezas desta colección de esculturas de madeira na que estou a traballar leva tamén algo de aquí, xa que fixen unha vendimadora. O entorno sempre marca e tamén os propios materiais. Gústame traballar con madeiras de árbores de aquí, como carballo, castiñeiro ou ameneiro.

Comentarios