martes. 19.11.2019 |
El tiempo
martes. 19.11.2019
El tiempo

Prieto López opta aos FAD cunha escola como "un folio para que os nenos pinten"

Escola de Vegadaña, en Mos, que foi galardoada. EP
Escola de Vegadaña, en Mos, que foi galardoada. EP

O arquitecto de Vilalba é finalista dos premios, que se fallan o vindeiro mércores, por un edificio que deseñou en Mos

Juan Prieto López (Vilalba, 1981) é experto nunha materia tan pouco inocente como o uso que os comunistas rusos fixeron do teatro a partir da Revolución de Outubro do 1917, pero, asemade, é quen de entregar "un folio en branco" a uns nenos "para que eles o colonicen cos seus debuxos".

created by dji cameraO folio é o edificio dunha escola infantil que deseñou en A Vegadaña (Mos) que está entre os finalistas dos Premios FAD de Arquitectura tras ser recoñecido o ano pasado como Equipamento nos galardóns que entrega o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (Coag).

Prieto López —xunto con Faustino Patiño e Estefanía Grandal— foi o responsable de facer unha escola para nenos de seis unidades nunha parcela de Mos na que non cabería engadir unha dificultade: "A parcela estaba no borde do polígono industrial, no sitio máis complicado, e tiña unha xeometría irregular; ao lado de casas rurais pequenas e entre a vexetación autóctona; xunto a vías de elevado tránsito, ao Camiño de Santiago procedente de Portugal, e nunha zona inundable".

Como punto de partida e base para poder ordenar tantos elementos que se estorbaban optaron pola xeometría máis sinxela e pura, por un trazado infantil: un círculo "no que se inscriben todas as funcións da escola e dous paralelepípedos que regulan os accesos ao exterior". O resultado foi "unha xeometría regular e recoñecible".

Os problemas de humidade solucionáronse "elevando o edificio da cota da parcela cunha lousa voada de formigón", sen deixar de "permitir que a vexetación da zona" invadise todo o chan "deixando unha sombra" a respecto do edificio.

"A escola orienta os seus ocos principais ao sur nunha secuencia de ventás e lucernarios protexidos da radiación directa dos meses de verán por voladizos pronunciados, permitindo simultaneamente a radiación nos meses máis fríos", indica Prieto López.

A apariencia da escola "é a dunha masa sólida" feita cos mesmos "materiais das naves industriais próximas para dialogar co existente", de xeito que se envolve "os nenos nunha tea metálica" iluminada tanto por lucernarias como por microperforacións na chapa exterior "que permiten que se poida ver dende dentro, pero non ao revés".

Juan Prieto López apunta que elixiron o branco para o edificio "para resvolver o conflito co Camiño de Santiago e cunha casa de pedra, que está pintada desa cor".

"Non queriamos un edificio con patio pechado por un valado, como se fai habitualmente. Todo queda delimitado con ese círculo", indica o arquitecto chairego, quen apunta que o seu proxecto "segue a tendencia actual" dunha arquitectura "austera, sinxela e ecolóxica" respondendo principalmente, ás esixencias "dun custo menor —600.000 euros— dun prazo de execución máis breve" —15 meses— que os habituais".

O xurado tivo en conta as dificultades que representaba o emprazamento, no extremo dun polígono industrial

O xurado dos premios FAD argumentou que a escola da Vegadaña era finalista porque "la intervención se presenta en un polígono industrial de entorno complejo y conflictivo, en una parcela irregular, con elevado nivel freático".

Os seus integrantes destacaron que o edificio se integra no entorno "por intermedio de una geometría particular alejándose de las geometrías tradicionales de los pabellones industriales a la vez que dialoga con ellos utilizando sus mismos materiales". Conclúen defendendo que "en su mundo interior, protegido, la obra crea su propio universo e imaginario para los niños".

O proxecto fora xa premiado o pasado marzo polo Coag "pola aparente sinxeleza do esquema en planta, baseado nun círculo cortado por unha secante que delimita o patio. Enriquécese notablemente no tratamento da sección, as condicións de iluminación e o uso dos materiais, que compoñen un edificio luminoso e optimista".

"O acerto no uso da escala e a disposición do edificio, como un oasis nunha contorna certamente difícil, fan desta obra modesta unha brillante lección de arquitectura", salientaron os membros do xurado galego.

Prieto López opta aos FAD cunha escola como "un folio para que os...
Comentarios