Presentados un total de 23 traballos ao I Premio Agustín Fernández Paz

Xerais editará a obra gañadora do certame de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade. O Iescha e o Concello de Vilalba promoven este concurso en lembranza do escritor

Un total de 23 traballos compiten na primeira edición do Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade, convocado polo Instituto de Estudios Chairegos e o Concello de Vilalba en lembranza do finado e recoñecido escritor vilalbés, gañador en 2008 do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil.

A presidenta do Iescha, Marisa Barreiro, amosou a súa satisfacción pola boa participación rexistrada nesta primeira convocatoria, cuxo prazo para presentar orixinais se pechaba o pasado 12 de xullo -as datas pretenden ser fixas, ábrese a recepción polo Día do Libro e cérrase na data do pasamento do autor-. "Estamos contentos. Por referencias que temos doutros premios, é un número importante de obras, sobre todo ao ser o primeiro ano e ter unha temática concreta", indica, ao tempo que adianta que esta boa acollida lles dá azos para continuar convocando o premio.

"O noso obxectivo é consolidar o premio e que chegue a ser un referente en Galicia", avanza Barreiro sobre unha convocatoria cuxo gañador nesta primeira edición se fará público a finais de outubro. O xurado, formado polos escritores Xavier P. Docampo e Marica Campo e o director de Xerais, Manuel Bragado, tres persoas de recoñecido prestixio cultural e vencelladas con Fernández Paz, xa ten os traballos candidatos nas súas mans.

Unha vez emitido o fallo, organizarase un acto público no mes de novembro, nunha data aínda por concretar, no que, ademais da entrega do recoñecemento ao gañador, se programarán outras propostas que sirvan para lembrar e honrar a importante figura de Agustín Fernández Paz.

O autor da narración gañadora farase cunha recompensa económica que ascende a 3.000 euros, achegada conxuntamente polo Iescha e o Concello de Vilalba. Ademais, Edicións Xerais publicará a narración, cunha tirada inicial de 1.500 exemplares.

Segundo as bases do certame, os traballos candidatos, presentados por persoas de calquera nacionalidade e idade, podían ter unha extensión libre, pero debían estar escritos en galego e dirixidos ao público infantil e xuvenil, cunha temática vencellada ao compromiso pola igualdade de xénero, raza, nacionalidade...

Comentarios