domingo. 05.12.2021 |
El tiempo
domingo. 05.12.2021
El tiempo

Os Premios Youtubeiras pechan este venres o prazo de inscrición para a quinta edición

Presentación de Youtubeiras 2021. EP
Presentación de Youtubeiras 2021. EP

Os gañadores levarán premios de ata 1.000 euros

Os Premios Youtubeiras, organizados polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, das tres universidades e da Deputación da Coruña, pechan este venres, 22 de outubro, ás 23.59 horas, o prazo de inscrición para a súa quinta edición. Estes galardóns, que teñen como finalidade ser acicate da creación en Youtube con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar  as/os youtubeiras/os en galego, divídense nun total de 12 categorías: canle, vídeo, youtubeiro/a, calidade lingüística, impacto, calidade técnica, comunicación, creatividade, musical, didáctico, pioneiro e premio do público.

Os tres primeiros acompañaranse cunha dotación económica de 1.000 euros, mentres que os nove restantes chegarán aos 500 euros. Como gran novidade e co obxectivo tanto de fomentar a creación coma o mantemento de canles, non se poderán presentar vídeos illados como en anos anteriores.

Así, poderán aspirar a gañar os galardóns nesta ducia de categorías todas as persoas creadoras de contidos en lingua galega maiores de catorce anos con canles de Youtube, autoproducidas e que teñan polo menos cinco vídeos publicados con data posterior ao 23 de outubro de 2020.  

O XURADO. Once das doce categorías nas que se dividen os Premios Youtubeiras serán decididas por un xurado profesional que analizará todas as propostas recibidas. O sociolingüista Fernando Ramallo, o xornalista Adrián Lede, a profesora de lingua galega Noemí García, a realizadora e coordinadora do Carballo Interplay Sonia Méndez e Esther Estévez, xornalista e responsable do #DígochoEu da Televisión de Galicia, conformarán o xurado que, a partir da próxima edición, incluirá a persoa gañadora do premio ao mellor Youtubeiro/a.  

No caso do premio do público, publicarase o próximo 25 de outubro un formulario de votación (na plataforma Easypromo) con todas as propostas recibidas que se difundirá a través das redes sociais de Youtubeiras e que estará habilitado até o 3 de novembro ás 23.59 h. Os tres vídeos que reciban máis votacións nese prazo pasarán ao xurado dos premios, que ratificarán a votación do público, tendo en conta que o vídeo máis votado cumpra as bases xerais. 

Os Premios Youtubeiras pechan este venres o prazo de inscrición...