Os premios Díaz Jácome sitúan a Mondoñedo na elite literaria

A primeira premiada ten a idade dos galardóns, 18 anos, e o terceiro colabora co xornal El Progreso

Premiados y autoridades en los premios Díaz Jácome. I.G.
photo_camera Premiados y autoridades en los premios Díaz Jácome. I.G.

Os galardóns de poesía dedicados ao escritor mindoniense José Díaz Jácome cumpriron este sábado 18 anos —a mesma idade que a primeira das galardoadas, Belén Senín—. E fixérono de novo cunha lembranza especial ao seu fillo Juan Ramón, quen dirixíu xornais coma El Ideal Gallego. Ademais de familiares, estaban presentes amigos e compañeiros de profesión, coma o director de El Progreso, Lois Caeiro. O certame poético volveu demostrar, coma sinalou o crítico literario mindoniense, Armando Requeixo, que a vila está á vangarda das letras e exemplo diso é o recente nomeamento da escritora Marina Mayoral como académica de honra da Real Academia Galega (RAG).

Requeixo quixo tamén mencionar a Margarida Ledo, de Castro de Rei, por ser a primeira muller en gañar o Otero Pedrayo e lembrou —perante o presidente honorífico da RAG, Xosé Ramón Barreiros— que, tanto Díaz Jácome, coma Álvaro Cunqueiro, foran tamén académicos.

Os premios son, como sinala Requeixo, "unha pequena milagre, unha festa da palabra", que non sería posible sen a colaboración da familia e das administracións


A primeira clasificada, a pontevedresa Belén Senín —utilizou o pseudónimo de Medea e gañou 1.500 euros—; a segunda, Iris Carro, nada en Rianxo, e o terceiro, o santirseño, asiduo colaborador de El Progreso, Héctor Acebo, súmanse á lista dos "primeiros espadas da poesía galega contemporánea, que os Días Jácome aportan á literatura, con nomes que hoxendía os filólogos seguen especialmente, coma Estíbaliz Espinosa, Elías Portela ou Adrián Maceiras". Así o subliñou Armando Requeixo que tamén é membro do xurado dos galardóns xunto con Araceli Ramil, Xosé María Felpeto e Gilberto Ares como secretario— este sábado precisamente el non puido guiar o evento por un andazo de gripe—. Eles leron atentamente os 20 orixinais achegados ao certame.

Os premios son, como sinala Requeixo, "unha pequena milagre, unha festa da palabra", que non sería posible sen a colaboración da familia e das administracións, como a Xunta, representada pola delegada de cultura e tamén filóloga, María José González, e a Deputación de Lugo, coa presencia de Pilar García Porto, para quen "o espírito de Díaz Jácome esta máis vivo que nunca en Mondoñedo". Tamén a alcaldesa, Elena Candia, sumóuse á festa literaria lendo parte dun poema de Jácome atopado recentemente: "Que a luz de Nadal alume por sempre o voso fogar. Longa vida á poesía que sabemos que en Mondoñedo durará mil primaveras máis", apostillou.


Armando Requeixo leu un poema breve sobre o escritor, a súa amizade con Cunqueiro e a súa morriña sobre a ‘Venecia’ mindoniense coma se lle coñece ao seu barrio rodeado de ríos, o dos Muíños, e a súa ermida, construída no XVII por outro Jácome.

Comentarios