"A posguerra española foi unha longa note en todos os sentidos, a metáfora faise clara"

A película Longa noite é a historia dun fuxido da Guerra Civil que atravesa a provincia de Lugo de volta á casa, nalgún lugar indeterminado da Terra Chá. O director, Eloy Enciso (Meira, 1975), intenta explicarse a crise política actual con esa viaxe a ningures premiada pola asociación de críticos de Locarno e que estreou onte no Festival de Cine de Sevilla
Eloy Enciso. AEP
photo_camera Eloy Enciso. AEP

ANXO PERDEU a guerra, pero trata de gañar a batalla de recuperar o tempo en que a súa vida era cotidiana. Na primeira parte de Longa noite vemos o seu regreso no medio do horror. Despois, Celsa faise co discurso nun soliloquio extenso. No derradeiro terzo, o retornado adéntrase no bosque da longa noite de pedra. A película chegará o día 5 do mes vindeiro aos cines Númax de Santiago e está previsto que se proxecte en Lugo despois.

Esta filme levouno por Locarno (Suíza), Toronto, New York, Chile, Alemaña, Lisboa e Viena. Agora está en Santiago, na casa.
A recepción foi boa. Confirma a idea de que o local serve para un público universal. Non se ve como localista.

Un señor que vende zapatos en Toronto pode entender unha película sobre a posguerra española?
Non é unha película histórica, non é de feitos; senón de como funciona unha sociedade totalitaria como a franquista, o fascismo é algo universal. Os métodos son similares en todo o mundo. Por iso chega.

Interesáballe falar da etapa posterior a unha guerra?
Falar desa etapa represiva é interesante e necesario.

Pero esa non era a súa intención primeira.
Empecei en 2014. O meu interese daquela non era tan cinematográfico como persoal. España estaba en crise económica e política. Eran momentos de inestibilidade laboral. Estaba todo moi parado. Na miña familia, nos meus amigos, había xente que marchaba a Europa, a Arxentina, para poder traballar.

"Quería un texto que estruturase a película pero non atopei. O franquismo fixo o traballo de impedir publicar"

Presentara ‘Arraianos’ en 2012. Pasaran dous anos.
O cinema estaba moi mal nese momento. Eran os primeiros anos de Montoro. O cinema sufriu moitos recurtes. A perspectiva de levantar un proxecto era malísima e non había visos de que fose mellorar. Para entender o momento que estaba vivindo empecei a ler sobre a Transición, que é o momento fundacional en España moderna. Seguir mirando para atrás e todo tiña sentido. Todo falaba do presente.

A consecuencia desas lecturas decide rodar unha película. Buscou un texto no que apoiarse.
Quería ter un texto para estruturar, como en Arraianos; un texto que falara do día a día sobre como se vivía contado pola xente da rúa. Non atopaba nada. Fun falar con especialistas da USC, dixéronme que era difícil mesmo para eles. Unha catedrática díxome que o franquismo fixo ben o seu traballo porque non se podía publicar. Non se escribía e o que se escribía tardaría moitos anos en publicarse. Non quixen facer a película con xente de fóra. Hai escritos, pero están moi fragmentados xeograficamente. Foron publicados na fin do franquismo e no principio da democracia.

A falta dunha historia que lle dese unidade afectou á escrita do guión?
Saía unha mirada caleodoscópica. Deime de conta de que tería que reconstruíla coa trama e os actores. Non quería un punto de vista unívoco, senón unha historia colectiva de persoas e actos. Anxo é un recolector de historias. Na viaxe de volta atopa diferentes puntos de vista: uns pobres, un comerciante nun bus que quere irse, unha muller que espera un fillo que non volveu da guerra...

Longa noite. Celso Emilio.
Ese poemario tivo unha influencia importante. Facíaseme clara a metáfora. Foi unha longa noite en todos os sentidos.

"Non hai alternativa á submisión. Deben aceptar as cousas como son, o determinismo de clase e pensamento"

Os compañeiros de Anxo no monte escapan ao estranxeiro. El queda. Por coherencia ou por candidez?
Non o xulgo. Recolle historias, non a súa. Non ten saída. Era tempo de apandar, como titulou Valenzuela unha novela.

Hai unha situación nova que esixise sometemento.
Deben aceptar as cousas como son. Non hai alternativa á submisión. Deben aceptar o determinismo de clase e de pensamento. Na segunda parte cóntase o que pasa coas persoas que non aceptan iso.

Anxo é submiso.
Non é submiso. Volve á aldea, onde non saben o que foi del; se está desaparecido ou morto. Hai unha nova paz social e Anxo contradí iso. Daquela soamente podía haber un bando. O outro estaba agochado ou represaliado.

Vostede dálle voz.
Teñen voz os dous bandos. Hai un bar no que falan os vencedores; hai un obreiro descontento co traballo,pero debe facelo. É unha sociedade na que non pode haber diversidade.

Comentarios