lunes. 13.07.2020 |
El tiempo
lunes. 13.07.2020
El tiempo

A poetisa ribadense Luz Pozo Garza falece aos 97 anos

Luz Pozo Garza, nun acto da RAG. EFE
Luz Pozo Garza, nun acto da RAG. EFE
Publicou en 2019 o seu último libro, 'Pazo de Tor', en homenaxe ás súas raíces familiares

A poetisa, ensaísta e catedrática de literatura de ensino medio Luz Pozo Garza faleceu este luns aos 97 anos na Coruña, onde residía desde finais da década dos 80, informa a Real Academia Galega (RAG).

A RAG lamentou nun comunicado o falecemento da académica, membro da institución desde 1950, tras unha longa enfermidade que non lle impediu publicar o ano pasado o seu último libro, Pazo de Tor, en homenaxe ás súas raíces familiares.

A decana da poesía galega (Ribadeo, Lugo, 1922) é unha das voces esenciais das letras galegas da segunda metade do século XX, con obras nas que o amor e a sensualidade, así como a luz como elemento simbólico central, foron protagonistas sobre un fondo de lirismo e diálogo intertextual íntimo coa tradición poética galega e universal.

Luz Pozo Garza, licenciada en Filoloxía Románica nos anos 60 e profesora en institutos de Corcubión, A Coruña e Vigo, pertence á Promoción de Enlace, entre a xeración do 36 e a primeira de posguerra.

A súa madurez poética chega nos anos 80, con máis dunha ducia de poemarios

O primeiro escenario vital da autora foi o da Mariña lucense; despois, pasou a guerra civil entre Lugo e Marrocos, pois o seu pai foi encarcerado pola súa condición de militante republicano.

Publicou as súas primeiras creacións nas Ribeiras do Eo e, en 1949 viu a luz o seu primeiro libro, Ánfora, escrito en castelán, con grandes loas; en 1952 publicou o seu primeiro volume en galego, O paxaro na boca, lingua na que empezou a escribir definitivamente nos anos 70 cando publicou Últimas palabras/Verbas derradeiras, sobre o desamor, a soidade, a dor, a angustia e a morte.

A súa madurez poética chega nos anos 80, con máis dunha ducia de poemarios traducidos ao portugués, catalán, francés, inglés, alemán, xaponés, ruso e húngaro.

Inaugurou a década Concerto de outono (1981), seguido de Códice Calixtino (1986); en 1992 publicou Prometo a flor de loto, dedicado á memoria do seu compañeiro Eduardo Moreiras (1914-1991) e merecedor do Premio Miguel González Garcés da Deputación da Coruña.

Despois chegarían Vida secreta de Rosalía (1996) en homenaxe á obra da gran poetisa galega que tamén protagonizou o seu discurso de ingreso na RAG como académica de número con Diálogos con Rosalía.

Medea en Corinto (2002) e As arpas de Iwerddon (2005) son as súas primeiras obras de principios do século XXI, seguidas de As vodas palatinas (2005), Deter o día cunha flor (2009), Sol de medianoite (elexía á súa neta Natalia) ou Rosa tántrica (2016).

Ademais da súa obra, Luz Pozo Garza cofundó e codirigió en 1975 con Tomás Barros a revista Nordés, e vinte anos despois dirixiu desde a súa fundación Crave Orión.

Como académica de número da RAG foi a segunda muller, tras Olga Galego, en ocupar unha cadeira no seu pleno e a primeira en ter un posto de dirección, como vicesecretaria entre 1997 e 2001.

Entre outras distincións, recibiu a Medalla Castelao (1995) e o Premio Laxeiro (2013), e en xaneiro deste ano foi recoñecida como filla predilecta da súa Ribadeo natal. 

 

Pesar do Concello de Ribadeo
O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, expresou en nome de toda a corporación local "o pesar" deste municipio polo falecemento de Luz Pozo Garza.
O rexedor local quixo trasladar ese sentimento a toda a familia de Pozo Garza, unha "gran poetisa e unha gran defensora do seu vínculo con Ribadeo, vila na que naceu en xullo de 1922".
Lembrou, así mesmo, que a escritora fora nomeada "recentemente" Filla Predilecta de Ribadeo, municipio en cuxa capital municipal unha rúa xa levaba o seu nome.
Na esquina desa vía coa Rúa Virxe do Camiño tamén foi instalado un monólito cun poema seu, a iniciativa da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega.

A poetisa ribadense Luz Pozo Garza falece aos 97 anos
Comentarios