martes. 15.06.2021 |
El tiempo
martes. 15.06.2021
El tiempo

¿Que poesía len os nosos políticos?

Xela Arias, Lorca e Manuel María. ARQUIVO
Xela Arias, Lorca e Manuel María. ARQUIVO
Feijóo, Pontón, Caballero e Román Rodríguez citan os seus autores ou versos favoritos en vésperas das Letras Galegas 2021

Dicía (ou escribía) Xela Arias, logo de declararse inconforme, que a poesía é "unha táboa de salvación no naufraxio das razóns estritas" e, neste mar de incertezas no que navegamos todos, a ninguén lle vén mal un rescate, nin sequera aos políticos.

Aínda que uns máis mirados ca outras á hora de dicilos, todos e todas teñen algún poema de cabeceira, algúns versos favoritos aos que recorrer cando chegan tempos de máis sentimento e menos razón.

Para o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, son as poesías de Federico García Lorca do libro Seis poemas en galego, do que escollería "calquera" porque cre que "amosan ben a capacidade de irmandamento entre linguas", e o valor que lle concede á lingua "como expresión do ser dun pobo e riqueza común dos españois".

Pero a paternidade tamén deixou a súa pegada no líder político e, agora que coñece a poesía para nenos, sabe que "hai cousas realmente fermosas" neste eido, entre as que cita Os días lebre, de Clara López, e, como non, os poemas que Xela Arias adicou ao seu fillo Darío.

De Darío a diario, Núñez Feijóo escolle o titulado Instantánea da túa visión, e os que comezan con aquilo de "Imos, meu ben, camiñar sereno..." ou "Dis ma-ma-má...".

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, decántase por un clásico, a poesía de Rosalía de Castro, mesturado co toque actual da autora ourensá Alba Cid, premio Nacional de Poesía Joven o ano pasado pola obra Atlas, o que apela directamente á súa formación de xeógrafo e á súa "especial querenza polos mapas".

De Rosalía escolle Na Catedral, incluído no libro Follas Novas, que amosa a admiración da poetisa ante o Pórtico da Gloria, e de Alba Instrucións para arrolar o canón do Sil que lle parece "particularmente fermoso".

Ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, tíralle así mesmo a súa formación como licenciado en Ciencias Físicas á hora de escoller poema. Un da escritora e cantante lírica coruñesa Estíbaliz Espinosa, da que destaca que é "galega curiosa" e "astrónoma aficionada", titulado Entrelazamento cuántico, no que fala de cousas como a "timidez botánica" ou as "neuronas irmás".

No debate parlamentario pode parecer que hai pouco espazo para poesía, pero os deputados levan algún que outro verso no corazón. Empezando polo presidente do Parlamento, Miguel Santalices, que di que hai moitos poemas que lle marcaron "profundamente" ao longo da súa vida, aínda que ten un vencello moi persoal con Bande que Celso Emilio Ferreiro lle dedicou ao seu pai: Pra Alfonso Santalices, meu vello amigo.

Para a líder da oposición, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, a elección vén marcada pola súa condición de nai xunto coa data que se celebra este luns –na que reivindicar a Xela Arias "como esa muller feminista adiantada ao seu tempo"– e opta por un poema de Darío a diario.

En concreto o que comeza "Nada que ver coa posesión...", porque "exemplifica moi ben o sentimento" que naceu nela coa chegada da súa filla, algo que lle fai empatizar "moito" con todo este poemario.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, coincide con Santalices en apostar por Celso Emilio. No seu caso por Longa noite de pedra, do que destaca que "representa a dureza da represión durante o franquismo".

A preferencia por Ferreiro repítese no portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, quen do mesmo poemario quédase coa poesía Non pola súa mostra de "inconformismo e ironía", explica, algo que cre que "toca nestes momentos da vida".

Hai quen destaca nos poemas o seu ton reivindicativo, como a viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, con Derradeira vontade de Marica Campo, que xa lle encantou dende o instituto porque "é sinxelo, pero moi contundente" e constitúe "unha declaración de amor á lingua galega".

Ou a portavoz de Cultura, Mercedes Queixas, quen prefire Vencerse é cousa de se tratar, de Xela Arias, porque é "como un berro de resistencia colectiva contra o inconformismo, como un alento sementeira de autoestima rebelde, como unha vacina protectora contra calquera derrota".

E hai quen apunta a cuestións máis persoais, como a portavoz de Cultura do PSdeG, Noa Díaz, que viu no poema de Olalla Cociña Non me dis onde me dis que estás... unha representación "do momento" emocional que estaba pasando cando o leu e un xogo de palabras que, para ela, "esconde un temor recorrente".

O viceportavoz parlamentario do PSdeG, Pablo Arangüena, prefire o contundente Poderíano escoller como epitafio, de Lois Pereiro, a quen se lle adicou o Día das Letras de 2011, porque atopa nel unha "invitación a superar calquera límite".

Para outros o que tira é a terra, polo que o portavoz de Cultura do PPdeG, Ovidio Rodeiro, escolle os versos de Xosé Neira Vilas Desta Terra adicados ao Val do Ulla, onde se criou e reside, mentres que a súa compañeira Sandra Vázquez, portavoz de Lingua, prefire Galicia de Manuel María.

Vése que na vida política hai oco para a poesía, que aínda segue sendo a irmá menor do Día das Letras Galegas. O balance para as mulleres é aínda peor, Xela é só a quinta en recibir esta homenaxe, que principiou por Rosalía de Castro.

Nesta época na que tan menosprezada está a política e tan esquecida a poesía igual é bo que se reivindiquen mutuamente. Porque calquera das dúas pode contribuír a facer un mundo mellor e, como dicía Xela, "só é poesía aquela que non busca vitorias, só será poesía aquela que non afogue nas derrotas". Así que, máis rimar e menos rifar.

¿Que poesía len os nosos políticos?
Comentarios