Os pioneiros da placa de cristal

As horas do día non eran abondas para O Armeiro. O fotógrafo dos Vilares (Guitiriz) percorría A Terra Chá en bicicleta cunha cámara que o gobernador civil só lle autorizaba a usar a el. O agobio viña provocado porque O Armeiro amañaba armas, era barbeiro, extractor de moas, ebanista e xoeiro. A fotografía pagaba o equipo e algo máis
Praza Maior de Lugo, fotografía de Maximino Reboredo Blanco (Arquivo Julio Reboredo Pazos)
photo_camera Praza Maior de Lugo, fotografía de Maximino Reboredo Blanco (Arquivo Julio Reboredo Pazos)

Unha revista de París publicou unha fotografía en 1910. "Un xeneral español toma o sol en Lugo", dicía o texto explicativo. Aparecía un home xa maior, levemente cheposo, pero cunha levita e unha botonadura en ouro que lle devolvían toda a dignidade aínda que non fose xeneral. Nin sequera era militar, era un conserxe da Audiencia Provincial.

Eduardo Ochoa explica que era habitual que as imaxes estivesen mal documentadas. Aclarar quen fixo as fotografías é un dos problemas que atopou para escribir o libro Orixes e consolidación da fotografía en Lugo (Fonmiñá), un ensaio que comeza cos primeiros traballos feitos na provincia de Lugo e que se adentra longamente no século XX.

Lavanderas, unha fotografía de Loty (1920-1936), no Arquivo Histórico Provincial de Lugo

O autor sinala que os pioneiros son "franceses e ingleses que están facendo o Grand Tour", que era unha viaxe dun ano por Europa que se permitían os fillos dos ricos con demasiado ocio que distraer. "A primeira fotografía de Galicia faina un suízo en 1843". O autor foi o ourive Enrique Luard Falconier, que comprara unha máquina de daguerrotipos.

Pasarían catro décadas, ata 1880, para que se fixese a primeira imaxe en Lugo. Ochoa advirte de que coa fotografía "nunca se sabe porque poden aparecer fotos das que non sabiamos, como pasou con Maximino Reboredo en 1997".

As primeiras imaxes de Lugo son de 1880, corenta anos máis tarde de que o suízo Luard quitase a primeira imaxe de Galicia

Tras os primeiros ociosos hai profesionais que percorren o país en burro ou bicicleta, deténdose nas feiras, que é "onde poden gañar algo porque a xente está de bo humor" e máis animada a abrir a carteira de coiro marrón. "Ás veces se establecen nalgún sitio porque coñecen a alguén e casan, e outras son do lugar, como os Ínsua de Viveiro", apunta Eduardo Ochoa.

Praza do Campo de Lugo, fotografiada por Juan José Vivancos (Arquivo Histórico Provincial)

                               O oficio de pasearse cunha cámara ten máis de fascinación que de beneficio. Moitos pintores que vive de retratar persoas de reloxo de ouro ou gargantiña con perlas vense na obriga de deixar o cabalete e comprar unha cámara porque a nova arte rebaixa os prezos notablemente.

Aínda así, hai que non renuncia a darse importancia. Ramón Sánchez Navarro, con estudo en diferentes partes de Lugo -na rúa de Cruz entre 1885 e 1887-, anunciase como "fotógrafo da Casa Real". Resulta improbable que Alfonso XII tivese un fotógrafo en Lugo cando en Madrid vivían figuras como o francés Jean Laurent, que fotografou os cadros do Museo do Prado con delicados negativos de colodión húmido. Máis estrano facíase que a institución monárquica tivese concedida a credencial preceptiva.

Eduardo Ochoa sospeita que o mesmo acontecía con Antonia Santos (1831-1905), quen presumía de que Juan Carlos de Borbón y Braganza, Juan III, entrara no seu atelier da rúa das Angustias en Mondoñedo para que o inmortalizase como aspirante carlista ao trono de España. O autor do ensaio sospeita que presentaba como propio un retrato comprado.

O día 6 de outubro de 1908 retratouse un touro mestizo, que El Progreso, fundado tres meses antes, considerou tan portentoso que publicou a primeira fotografía da súa historia

Ochoa recoñece que a excepcionalidade de que unha muller mantivese un estudo fotográfico, cando máis que fosen dúas, como se daba en Mondoñedo. Filomena Díaz (1850-1913) retrataba na rúa de Padilla.

Sobre o modelo de negocio, apunta que había empresarios con libros de contabilidade voluminosos, como Loty ou o propio Laurent. "Venden material e ensinan a utilizalo" nun campo de negocio que se estende á edición de postais e mesmo a emisión de cromos, como unha colección que estivo distribuíndo El Progreso ata o ano en que toda alegría quebrou, 1936.

O día 6 de outubro de 1908 retratouse un touro mestizo, que El Progreso, fundado tres meses antes, considerou tan portentoso que publicou a primeira fotografía da súa historia. A excepcionalidade do feito veu remarcada porque non volveu aparecer outra ata cinco anos máis tarde. O tema, gandeiro outra vez, foi un embarque de vacas e touros.

Eduardo Ochoa fala con curiosidade e leve nostalxia sobre Maximino Reboredo (1876-1899), a quen resalta como o fotógrafo máis interesante dos primeiros tempos en Lugo pola beleza e a variedade temática das súas imaxes: militares, familias, procesións, edificios,... formaban un arquivo dun artista que faleceu aos 23 anos. A súa memoria, en placas de cristal, quedara esquecida tras un teito de escaiola nun ático.

Comentarios