miércoles. 18.05.2022 |
El tiempo
miércoles. 18.05.2022
El tiempo

"Pintamos unha fouce e un martelo no coche dun profesor; nunca faría algo así"

Xesús Rabade
Xesús Rabade. PEPE FERRÍN (Agn)
O escritor de Seixas (Cospeito) Xesús Rábade Paredes publica 'A luz co tempo dentro', un libro con apariencia de ensaio que identifica como "unha novela de aprendizaxe", onde traza un arco que nace no lugar de Vilaouriz, na Terra Chá, e alcanza Rianxo dando teito a unha voda, docencia, poesía, narrativa, premios e unha finca "de máis de mil metros"

Xesús Rábade pensa que a súa muller, Helena Villar, se move pouco. Non sabemos se fala con obxectividade ou por comparación. "Eu non podo parar. Teño moito que facer coa finca. Teño que podar. Estou autoabastecido todo o ano. Teño maciñeiras, pereiras, laranxas,...; pero en Rianxo tamén se dá a froita tropical: aguacates, feixoas,...".

Fálame de traballos de erguer un pouco os brazos. E sachar?
Tamén sacho! Cultivo leitugas, tomates, pementos... Sacho por convición e oficio. Veño de poñer o rego á plantación. En Rianxo plantamos un mes antes que en Sistallo. O clima xa está igualado.En Sistallo non se daban os nésperos. Levei uns para a casa e adáptanse. A temperatura subiu uns grados. Este ano é seco, non choveu agora, que é cando debería, e en Rianxo teño que regar.

Onde aprendeu a sachar?
En Vilaouriz, Seixas, parroquia de Cospeito; que é o meu lugar. De neno aprendín a sachar e a estar coas vacas. Deixei a escola con 10 anos, como faciamos todos. Traballei ata os 14, durante catro anos, no campo. Podo contarlle unha cousa?

Diga.
Era desviado, diverxente. Non me gustaba ir ás festas, prefería ler. Era raro nunha aldea.

Contáronme de vostede que cantaba nos bailes da parroquia e que, grazas ao seu éxito, moceaba sen paradura.
Cantaba nos bailes porque me levaban as miñas irmás! Elas eran mozas e querían que animase os bailes. Un escritor debe saber cantar, ter bo oído. Cantaba por Manolo Escobar, Juanito Valderrama, Pepe Mairena, Antonio  Molina.

Agora canta?
Cólleme vostede cun catarro terrible. Pensei que era covid. Gústame a música, pero xa non canto máis que en reunións. Algunha canción sei...

Algo cantará na horta...
Canto en voz baixa para que non me tomen por tolo. Vostede vive en Lugo?

Vivo en Lugo. Para vostede Lugo é importante. En A luz co tempo dentro conta que pensaba que o mundo era a Terra Chá ata que descubriu Lugo.
A terra onde nacín é importante, pero hai que coñecer o mundo.

Xan Branco era o fogueteiro da rodeada. Teño pasado mañás enteiras con el mentres prensaba na pólvora

De rapaz resistíase a coñecelo. Non quixo ir ao seminario de Mondoñedo.
Son ateo dende os 15 anos. Acabei farto de todo iso. Axudaba na misa e lía o rosario na igrexa e nos velorios ata que me neguei cando morreu o meu tío Ramón. Queríao moito e non quixen ver o corpo. Os meus irmáns non estudaron, pero a miña nai animoume a facelo. Era a miña confidente.

Dedica poucas páxinas do libro ao seu pai.
Era reservado. Empecei a falar con el catro anos antes de morrer, cando tiña noventa e pico. Con 14 anos empecei o bacherelato en Lugo. Fun a unha pensión de mala morte na rúa de Calvo Sotelo.

A cambio, tiña como profesora a María Victoria Moreno.
Foi fundamental. Correxiu os meus primeiros textos e deume a ler os libros que publicaba Losada, que era de esquerdas.

Falamos da ditadura, dos anos 60. Xan Branco e O Roxo xa lle falaran da República. 
Xan Branco era o fogueteiro da rodeada. Teño pasado mañás enteiras con el mentres prensaba na pólvora.

Xan fumaba?
Fumaba. Xa lle explotara o local dúas veces. Era practicante de abortos. O Roxo era tío meu. Ía pola súa casa buscar o correo cando o meu pai, que era carteiro, non podía. A taberna do Roxo estaba vixilada. El andara escapado. Participara en política, penso que no Partido Socialista. Cando falaba de política pasábase ao castelán. Era raro.

A Alonso Montero non lle deixaban dar Literatura. Puxeron un andaluz que era moi antigalego

Tivo unha bolsa de estudos importante.
Comíanma os amigos falanxistas da residencia Eijo Garay. Quedaban con todo. Voulle contar unha cousa que nunca conto.

Adiante.
Negueime a vestir o uniforme da Falanxe, que era obrigatorio. Vestía de paisano. Chamáronme ao despacho do director. Botáronme unha bronca, pero consentíamo porque era un bo estudante. Tamén souberon das relacións de café con Alonso Montero.

Tomaban café?
No Méndez Núñez e no Monterrei. A Alonso Montero non lle deixaban dar Literatura. Puxeron un andaluz que era moi antigalego. Tino Cabanas, que despois sería locutor, e maís eu rebentabamoslle as clases. Ao final de COU os dous organizamos unha homenaxe a Alonso Montero no Monterrei. Todo foi ben. Alonso Montero marchou para a casa. Apareceu o comisario Silvosa. Leváronnos a Tino e a min a comisaria. Os interrogatorios duraron toda a noite. A única pintada que fixen foi no coche do profesor andaluz. Nunca faría algo así, pero estabamos moi enfadados polo da comisaría e sospeitabamos do profesor andaluz. Sabiamos onde aparcaba o Seat 600. Era amarelo. Unha noite pintámoslle unha fouce e un martelo no capó. Tino e máis eu estabamos mortos de medo.

O paso pola comisaría custoulle unha bolsa para estudar Historia en Santiago. Non lle deron a prórroga de estudos e tivo que ir ao servizo militar.
Foi raro. Ata aos comunistas lle daban a prórroga. Supoño que foi polo da comisaría. Na mili souben que me andaba detrás o Servicio de Investigación Militar. A través dun amigo tiven  acceso á miña ficha. Poñía: "Galleguista separatista comunista". Nos anos 70 era mortal porque a ditadura estaba nos seu estertores. 

"Os máis radicais da miña xeración están todos no Partido Popular ou no PSOE"

A falta de cartos tras a mili levouno a emigrar a Suíza. Fregaba pratos un aeroporto de Xenebra.
Necesitaba cartos para estudar a carreira. Foron tres meses. Fun sen papeis, como todo deus; a pesar do que dicían. Á volta entrei a traballar na Gran Enciclopedia Galega de Silverio Cañada. El era do Partido Comunista. Eu non quixen. Opositei a Lingua e Literatura Galegas, casei e tiven fillos. A luz co tempo dentro é un libro xeracional. Da miña xeración derivan moitos de agora. Os que parolaban sobre ser o mellor líder dos partidos máis radicais están todos no Partido Popular e no PSOE. Podo darlle os nomes un por un. Cando nomearon conselleiro a Jesús Pérez Varela chamoume. Fóramos compañeiros na Eijo Garay. Díxenlle: "Non vou ir con vós. Prefiro conservar a nosa amizade".

"Pintamos unha fouce e un martelo no coche dun profesor; nunca...
Comentarios