lunes. 17.02.2020 |
El tiempo
lunes. 17.02.2020
El tiempo

Pilocha prepara un musical con Romasanta e un amante doído

Pilocha. XESÚS PONTE
Pilocha. XESÚS PONTE
A cantante de Lugo está montando unha obra "entre zarzuela e opereta" ambientada na véspera do Apóstolo 

Pilocha recibiu con sorpresa a noticia de que suprimirán os fogos do Apóstolo na praza do Obradoiro, en Santiago, tras séculos. Cadrou que traballa nun musical que transcorre na noite anterior ao Día de Santiago.

A peza, Unha lúa para Belido, desenvólvese no recibidor do Hostal dos Reis Católicos. "Hai dúas xemelgas que traballan no hotel e as coñecen como As Dimasas, por San Dimas, unha especie de Robin Hood á galega. Van chegando unha serie de personaxes fantástasticos da cultura galega, como son o lobishome Romasanta, Detritus —o gran cacique— e Belido, que é un amante abandonado". A época na que suceden os aconteceres "é principios do século XX", un detalle que se pode supoñer polo vestiario, "pero tanto ten".

Esta trama, que Pilocha cualifica de "moi imaxinativa e divertida",  foi ideada polo psiquiatra Ramón Area, que traballou en Lugo e a agora exerce en Santiago. Houberon de facer varias versións do seu libreto "para que funcionase a dramaturxia".

Como tamén ten que funcionar a música, Pilocha incorporou a Vadim Yukhnevich, un bielorruso que ascendeu das rúas aos conservatorios no par de décadas que leva en España.

Unha lúa para Belido ten a súa orixe remota nas clases de canto que Pilocha imparte no Centro de Música Fingoi. "Cada ano montamos un pequeño musical", como foi La verbena de la Paloma, interpretada por ducias de persoas. Como acontece neste tipo de montaxes, foi "una vez y no más, Santo Tomás", bromea a cantante, pensando, talvez, que o espectáculo brilou como un fogo de artificio na praza compostelá do Obradoiro.

Pilocha xa fixera a versión da zarzuela La verbena de la Paloma coa participación dos seus alumnos


A directora conta coa colaboración de Esperanza Iglesias, directora do coro de Rábade, e Marcos Fernández, director do Orfeón Lucense. Ambos estudaron con Pilocha e forman parte da primeira promoción de estudos de canto en Lugo.

Nesa escola tamén é docente Vadim Yukhnevich. A maiores, o músico bielorruso colabora con compañías de teatro, aínda que ese aspecto será deseñado coa colaboración que lles presta a actriz María Barcala, quen achega a experiencia e o saber estar en escena que adquiriu en Teatro do Atlántico. Pilocha xa fixera a versión da zarzuela La verbena de la Paloma coa participación dos seus alumnos. Con esa experiencia, decidiuse agora por impulsar un proxecto orixinal.

Non sabe onde situalo en canto a xénero. Pode considerarse unha zarzuela ou unha opereta, con toques de música popular galega. "Á diferenza da ópera, ten partes máis próximas á zarzuela; pero non é pura opereta. Os personaxes falan como se fose teatro, ten máis teatralidade que na opereta", segundo explican Pilocha e Vadim, nun intento por meter Unha lúa para Belido nun molde de xenéro.

Os actores serán nove alumnos e seis profesores do Centro de Música Fingoi, que tocarán violín, piano, clarinete, contrabaixo e percusión

Vadim Yukhnevich apunta que está sendo un proceso creativo longo e laborioso. "Eu pensaba tocar o piano e facer voces, pero desistín porque teño que dirixir os músicos". 

Os actores serán nove alumnos e seis profesores do Centro de Música Fingoi, que tocarán violín, piano, clarinete, contrabaixo e percusión.

Pilocha indica que a maior dificultade "é coordinar tanta xente" porque todos teñen que buscar ocos para ensaiar nas súas ocupacións profesionais. "A música soará a fins do século XIX e principios do XX, con ecos de Stranvinski, Carl Orff ou Satie", detalla o músico.

Pilocha prepara un musical con Romasanta e un amante doído
Comentarios