viernes. 22.11.2019 |
El tiempo
viernes. 22.11.2019
El tiempo

Pilar García Negro reúne toda a obra teatral de Manuel María nun libro

María Pilar García Negro. EP
María Pilar García Negro. EP

O volume será presentado o vindeiro sábado na casa museo dedicada ao escritor

O teatro galego estará de celebración o vindeiro sábado, día 6 de outubro, na Casa Museo Manuel María de Outeiro de Rei. Por fin, as 33 obras de teatro que deixou escritas o escritor chairego veranse reunidas nun único volume de setecentas corenta páxinas, en capa dura. A edición da obra estivo a cargo da luguesa María Pilar García Negro, profesora da Universidade da Coruña e estudosa do teatro de Manuel María.

Segundo explica nun comunicado a Casa Museo Manuel Manuel, todo o traballo dramático do escritor a quen lle foi dedicado o Día das Letras de 2016 queda neste monumental libro "a disposición do público lector e das compañías de teatro para a súa representación".

Moitas das pezas que se recollen no volume "eran inéditas ou de difícil localización" e, no seu conxunto, dan boa mostra da "salientábel e importante achega" ao teatro galego e o "lugar sobranceiro" que a dramaturxia ten na obra literaria de Manuel María, engaden as fontes anteriormente citadas.

Alberte Ansede, secretario da fundación Manuel María, e María Pilar García Negro, responsábel da edición, serán as persoas encarregadas de presentar o volume ás 18.00 horas no auditorio da Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei.

A presentación encádrase na xuntanza anual, coincidente co aniversario do escritor, que celebran as amigas e amigos da fundación Manuel María, amplo grupo de persoas que ao longo do ano colaboran económica e organizativamente coas actividades da casa museo erixida na vivenda natal do autor para preservar a súa memoria.

MAXIA. Co motivo da efeméride, a Casa Museo Manuel María reinicia, tamén este sábado, tras o parón vacacional, a súa programación cultural e faino coa presentación, ás 19.00 horas, do último espectáculo co que o Mago Antón está a percorrer o país. A través do seu Magomóbil, un camión de 17 metros de longo e 6 de ancho, que estará estacionado perto da Casa Museo Manuel María, o Mago Antón ofrecerá unha sesión de maxia para todos os públicos.

As persoas interesadas en asistiren a este espectáculo poden reservar a entrada (billete: 2 euros até os doce anos e 5 euros persoas maiores de 12 anos), quer escribindo a ao enderezo electrónico [email protected], quer chamando ao 698.177.621.

Pilar García Negro reúne toda a obra teatral de Manuel María nun libro
Comentarios