Pía Piadosa: "Uso varias ferramentas na arte para falar do que me interesa"

A artista multifacética lucense abriu este xoves 22 en Santiago a súa segunda exposición individual, onde presenta distintos traballos de téxtil, cerámica e pintura xunto con collages e ilustracións

G
photo_camera Pía Piadosa, na exposición de Santiago. PEPE FERRÍN

Nada é casualidade en Pía Piadosa. Esta artista lucense, de 33 anos pero xa cun longo periplo que a levou de Barcelona a Panamá, inaugurou este xoves a segunda exposición da súa obra multifacética e fíxoo pola porta grande: en Santiago e na fundación Eugenio Granell. Alí, baixo o título, Un latexo, unha dentada, un eructo, poderá verse unha parte desa creatividade que Pía Piadosa amosou xa aos poucos anos de nacer. Unha mostra, comisariada por María Moreno Bueno, que estará aberta ata o 21 de abril. 

"Meus tíos tiñan moita relación con Granell. E teño eu fotos, de nena no museo. Por iso, esta exposición faime ilusión. Síntome feliz por esta oportunidade", di.

Esta lucense elixiu o camiño da arte de forma instintiva, xa de nena. "Non podo dar unha data de inicio da miña faceta artística porque sempre a tiven. Xa de nena debuxaba moito, era das que vían sempre o programa Art Attack. E, máis adiante, en vez de comprar a revista Superpop, compraba outra, ¡Dibus!, de banda deseñada. Así que non lembro nunca facer outra cousa que non estivese realizada coa arte", comenta.

Sempre o tivo claro e, por iso, buscou un nome artístico. Non tanto por facerse chamar dalgunha maneira senón para enmascarar a súa identidade.

"O meu nome real é Natalia Pía Conde Díez, pero fágome chamar Pía Piadosa porque cando empecei a amosar o que facía —principalmente, as viñetas e debuxos— dábame vergoña asinar co meu nome e sentíame máis cómoda usando un seudónimo. Así que fixen un xogo de palabras. Pía xa era de segundo nome e o de Piadosa vén polo imaxinario relixioso do cristianismo, que me gusta especialmente. E deste xeito, sen perder o meu nome, era eu tamén", conta a artista.

Percorrido
Cunha vocación tan clara, Pía Piadosa decidiu estudar Belas Artes e marchou para Barcelona, pero non rematou porque non lle gustaba.

"Pasei dous anos sen facer nada ata que marchei para Panamá, onde tiña unha curmá, e alí descubrín o mundo underground dos fanzines e a autoedición. Tamén estudei Dirección de Arte para cine e traballei en varias películas, adentrándome tamén en publicidade. Despois, volvín a Lugo e aquí estudei Cerámica Artística", sinala.

Esta nova faceta entusiasmoulle e, por iso, se ten que definirse dalgunha maneira, diría que era ceramista.

"Si, son ceramista pero tampouco entendo unha cousa sen a outra: sen a autoedición, sen os fanzines. Son todas diferentes ferramentas para falar do que me interesa", subliña.

Por iso mesmo, na exposición de Eugenio Granell se pode ver algo de todo. "Hai desde téxtil ata escultura en cerámica, pintura, ilustración, collage... Toda é obra que fixen desde 2019 ata agora", conta Pía Piadosa, sobre a súa segunda exposición individual.

Pero a cerámica está aí, como referente. De feito, xermola agora un proxecto propio no que ela, unha vez máis, moldeará a súa creatividade en barro.

Comentarios