III Encontro Escolar Galego de Xogos Tradicionais, en Pereiro de Aguiar

As instalacións do Complexo Deportivo Monterrei, na localidade ourensana de Pereiro de Aguiar acollen hoxe o III Encontro Escolar Galego de Xogos Tradicionais. O evento está organizado por  Brinquedia, Rede Galega do Xogo Tradicional, coa colaboración da Dirección Xeral para o Deporte.

Segundo explicou o coordenador do Encontro, Xabier López, pola mañá os rapaces e rapazas tomarán parte en vinte e tres xogos tradicionais; despois do xantar, que será nas mesmas instalacións do Complexo, realizaranse exhibicións por parte persoas maiores que practican no seu día a día estes xogos de forte arraigamento na nosa cultura.

Xabier López destacou que, ademais, "este tipo de actividades fomentan as relacións entre persoas de edades distintas, permitindo que os nenos e nenas recollan a bagaxe cultural dos nosos maiores".

Brinquedia, Rede Galega do Xogo Tradicional, é unha asociación na que teñen cabida distintas entidades que traballan a prol da recuperación e da actualidade dos deportes e xogos tradicionais galegos. O seu presidente, Lois Pardo, lembrou que esta será xa a terceira edición (as dúas primeiras desenvolvéronse en Santiago e A Coruña), que contará co apoio da Dirección Xeral para o Deporte e a Secretaría Xeral de Igualdade. Neste senso, Pardo afirmou que "comezamos a acreditar nun proxecto que agora conecta co país, coa súa realidade social e coa propia administración".

Comentarios