"Percorrín toda a Galicia rural, non fixen o Camiño pero case"

A musicóloga suíza Dorothé Schbarth chegou de nova a O Courel de vacacións e ficou 8 anos en galicia prendada pola riqueza do seu folclore, que recolleu no Cancioneiro popular galego
Dorothé Schubarth (Basilea, 1944), no instituto da Lingua Galega, onde recibiu a El Progreso. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Dorothé Schubarth (Basilea, 1944), no instituto da Lingua Galega, onde recibiu a El Progreso. PEPE FERRÍN (AGN)

Dorothé Schubarth é suíza, pero falando con ela calquera diría que é da Fonsagrada. Ou da Estrada ou da Costa da Morte. O seu galego é unha mestura moi melódica de todas as variantes que foi colleitando durante a súa viaxe pola comunidade, tras o que deu a luz o Cancioneiro popular galego, considerado a biblia da música folclórica da terra. Porque no seu periplo de oito anos por Galicia -entre 1978 e 1986- Dorothé adicouse, ante todo, a escoitar, tanto a fala da xente como as cantigas e as gaitas, é dicir, a música do pobo galego; ese que lle agradece o seu labor nomeándoa Mestra da Memoria, un galardón que a musicóloga recolle este venres en Lugo e quere "compartir con todas as persoas que fixeron posible o Cancioneiro".

Adóitase dicir que nada mellor que alguén de fóra para apreciar o noso, e iso é exactamente o que pasa con Dorothé. Ninguén soubo captar con tanta sensibilidade e acerto o noso folclore coma ela, que cando chegou á comunidade a finais dos setenta era unha rapaza de longa cabeleira loira que, a pesar de non entender nin pinga de galego, recorda que se movía con decisión polos "camiños e corredoiras" dunha Galicia que ía con retraso nunha España que naquela comezaba a espertar tras a ditadura. E recordemos que a vida da musicóloga non se desenvolvía en A Coruña ou Vigo, senón nas aldeas de Mazaricos ou Ribeira de Piquín. Pero ela non se apouvigarba porque era unha muller de mundo, algo no que quizáis infuíra que nacera en Basilea, enclavada nun vértice entre Suíza, Alemaña e Francia.

"Notei que en Galicia a música seguía máis arcaica que noutors sitios, máis evolucionados, e iso fai máis sinxelo que poidas chegar ás raíces"

Dorothé fala baixiño e pausado, e non é unha referencia á súa profesión senón unha verdade dicir que a súa entonación é moi musical. O seu sorriso ilumínase cando recorda a súa estadía en Galicia, onde chegou de vacacións nun percorrido por España tras deixar atrás Andalucía e Valencia. "Algo distinto viu aquí para que se quedase oito anos, non?", pregúntalle un servidor. "As raíces", contesta. E explica: "Notei que en Galicia a música popular seguía máis arcaica, menos influenciada por outras músicas posteriores. Nun lugar máis evolucionado é máis difícil chegar ás raíces".

"Detrás de 'Cancioneiro' hai moitísimas xente á que lle adico o premio e todos os méritos que acade o libro"

Dorothé era nova -tiña pouco máis de trinta anos cando chegou-, pero non se pode dicir que fose inexperta en musicoloxía, pois xa ocupaba a cátedra de harmonía e contrapunto na Academia de Música de Lucerna, e percorrera boa parte dos Balcáns e o Cáucaso estudando o seu folclore. Así que pensou en facer o mesmo en Galicia, que recoñece que xa lle chamaba a atención de antes por ser «o rincón ao final do mundo vello».

E arrincou o seu periplo pola provincia de Lugo, concretamente na parte más alta e oriental: a serra do Courel. Desde alí penetrou cara ao corazón de Galicia -pasou unha longa tempada en O Deza- como a música das cantareiras adentrábase nos seus oídos e na cinta da súa gravadora. En total, chegou a recopilar arredor de 5.000 letras distintas que non podería ter transcrito de non ser pola axuda do fonsagradino Antón Santamarina, catedrático de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago (USC) que axudou a Dorothé a entender aquelas voces que escoitaba, pero que moitas veces non comprendía. Non en van, o nome deste filólogo -"e amigo" seu, apunta- figura como o de coautor do Cancioneiro, que no seu día foi deitado co mecenazgo da Fundación Barrié.

OS CATRO COSTADOS DE LUGO. A musicóloga percorreu "moitos quilómetros" por Galicia, "ás veces en bus, outras en tren e tamén en coche cando me podían levar, pero sobre todo camiñando. "Non fixen o Camiño, pero case", bromea. En Lugo transcorreron os compases iniciais da súa viaxe e alí voltou despois de coñecer outros rincóns da comunidade. Visitou a provincia polos catro flancos, desde Viveiro a Carballedo e desde Palas de Rei ata Pedrafita do Cebreiro.

Tamén visitou O Vicedo, Xove, Pastoriza, Castro de Rei, Pol, Ribeira de Piquín, A Fonsagrada, Chantada, O Saviñao, Paradela, O Incio e As Nogais.

O resultado da viaxe foi moi satisfactorio, pois atopou "máis riqueza na música popular" da que se esperaba "nun principio". "Todas as zonas" sorprendéronlle, se acaso "algo menos" a provincia de Pontevedra, "aínda que ten lugares con moita tradición oral como A Estrada ou Cuntis", subliña. Todas as gravacións realizadas atópanse almacenadas en 248 cedés no Arquivo Galego da Música, ás que calquera pode adicar unha escoita máis que recomendable. Unha achega á labor a Dorothé é coñecer o noso pasado, indispensable para saber cara onde ir.

"A tradición oral estase a perder nos tempos que corren"

A música popular como a que Dorothé recompilou nos seus oito anos en Galicia está en risco de desaparecer, se mesmo algunha non o fixo xa. Iso é o que sostén a musicóloga, que admite que "nos tempos que corren, en que lemos todo e escribimos, como pasa en internet, cada vez hai menos tradición oral, e iso é moi negativo para a música tradicional".

Schubarth concorda en que as novas formas de comunicarse, como as redes sociais, non maridan ben cos relatos e cancións que, cada vez menos, pasan dos avós aos netos.

De feito, asegura que na música popular galega xa se perdeu "a entonación que a caracteriza, cun certo tono de tristeza e tamén algúns ritmos que xa case non se usan", se ben di que "aínda estamos a tempo de recuperalos".

Unida a Galicia
A día de hoxe Dorothé reside na súa Suíza natal, pero case unha década en Galicia esperta certa morriña, que ela cura voltando con asiduidade. Onte visitou Santiago e hoxe tócalle a Lugo, onde conserva moitos amigos.

Comentarios