lunes. 21.09.2020 |
El tiempo
lunes. 21.09.2020
El tiempo

Pepe Vaamonde: "Como perdas a música de raíz, perdes a identidade"

Pepe Vaamonde. MIGUEL VIDAL
Pepe Vaamonde. MIGUEL VIDAL
Despois de toda unha vida adicada á música, o gaiteiro lucense prepara o lanzamento dun novo disco que incluirá pezas cantades de composición propia, conservando a esencia da música tradicional

Gaiteiro, frautista e compositor, Pepe Vaamonde mestura a súa faceta artística coa docencia no Centro de Música Fingoi, en Lugo. A súa visión propia da música do país levouno a recibir numerosos premios. Dende 2001, plasma as súas inquedanzas creativas en Pepe Vaamonde Grupo, con catro discos publicados e participacións en festivais tan importanes coma o Intercéltico de Lorient.

O confiamento obrigou aos artistas a paralizar moitos traballos, como viviu eses meses? 
Houbo dúas facetas. Na educativa adaptámonos rápido e apenas perdín alumnos. Foi complicado cos nenos que tiñan pais teletraballando. Nese senso estamos preparados para calquera escenario. Na parte dos concertos cancelouse todo e houbo que reprogramar cara ao outono. Fomos tocar este mes a Cee e ás Festas da Peregrina, dous concellos que apostaron por programar. En Pontevedra foi espectacular. Trece escenarios e moita xente con todas as medidas de seguridade. Se se quere, con esforzo, pódese facer.

Durante ese tempo aproveitou para compoñer? 
Algo si, aínda que eu vou por etapas. Durante o confinamento adiqueime sobre todo a aprender a facer palletas. Non foi un momento no que estivera moi lúcido para compoñer porque caeron todas as oportunidades para tocar, e sen metas non me motivo demasiado. A iso uniuse que o teletraballo foi moi sacrificado e a mente non estaba relaxada.

Agora que se retomaron algunhas actividades, aproveitou para continuar algún proxecto? 
Si, estou traballando nun novo disco de Pepe Vaamonde Grupo, para o que teño case as melodías elaboradas.

Pode adiantar algo deste traballo? 
Non quero que se saiba moito aínda, pero unha clara novidade é que haberá algunha peza cantada de composición propia. Sempre fixemos pezas cantadas tradicionais e apetecíame facer algo composto.

"O noso pobo sempre foi moi cantareiro, de sufrimento nos labores de campo, pero que sabía aproveitalos para xuntarse e festexar"

Falando do panorama da música galega, cales cre que son as claves para que siga tan viva, mentres que noutras rexións como Euskadi quedou reducida a eventos?
Hai algo moi importante, que ten as súas vantaxes e desvantaxes, e é que Galicia está nun extremo, en Fisterra. Sempre estivemos máis illados. Cataluña e Euskadi están pegados a Francia, a Europa, e perderon a súa esencia antes, aínda que agora loitan por conservala. Por outro lado, penso que o noso foi sempre un pobo moi cantareiro, de sufrimento nos labores do campo pero que sabía aproveitar esas circunstancias para xuntarse e festexar.

Cre que dende os gobernos se chegou a fomentar esa conservación? 
Non creo que teña que ver. A dereita galega non pasa do rexionalismo e non creo que faga unha maior aposta da que faría calquera outro partido. Aínda que se gobernase o BNG creo que si cambiaría moito o conto. Claro que hai subvencións da Xunta á nosa música, e artisas doutros xéneros quéixanse ás veces, pero se non a subvencionamos nós, quen o vai facer?

Ao falar da nosa música escoitáse folk galego e música tradicional, existe algún matiz? 
A música tradicional é como a matemática pura, é a esencia. Sempre hai que conservar o tradicional, ao que se está indo agora. O folk sempre foi tratar de levar a música de raíz a instrumentos máis modernos e espectáculos máis grandes, para que chegue a outro tipo de xente. Loxicamente, como perdas esa esencia da música de raíz e difumines ese tránsito do tradicional ao folk, podes perder identidade, que é onde está a graza. Eu sempre apostei por iso, por compoñer cousas novas pero conservando sempre a esencia da música tradicional galega.

Combinala con outros xéneros contribúe a estendela entre a xente nova? 
Si, hai que facer folk e hai que facer fusións, pero tamén ten que estar viva a música de tradición. En Galicia sempre nos caracterizamos por ter unha gran variedade estilística e por ser personalistas. Un gaiteiro das terras de Melide non se parecía nada a un da Fonsagrada. Noutras rexións, como Asturias, son moito máis homoxeneos e a música tradicional e o folk soan bastante parecidos.

"En Galicia sempre nos caracterizamos por ter gran variedade estilística e ser moi personalistas"

Xabier Díaz afirmou que o trap e o reguetón desaparecerán pero a música popular seguirá viva, está de acordo? 
É complicado de saber. Ja, ja, ja. Dende logo a música tradicional é algo identitario, pero non teño a certeza de que non desapareza porque tampouco a teño de que non desapareza o idioma. O reguetón leva bastantes anos aquí, podería ser un lugar de paso, ou non. 

Falando da nosa gaita, vostede foi un dos inventores do punteiro afinable, quédalle por evolucionar ao instrumento? 
Si, pero ten que ser un evolucionar de varias persoas involucradas. Hoxe hai moito interese pola técnica expandida da gaita, tocar músicas do barroco e doutras épocas. É un camiño a continuar para evoluir o instrumento. O noso invento simplemente buscaba resolver a problemática que tiñamos nos concertos ao tocar con instrumentos de afinación fixa, como o acordeón, e cunhas condicións climáticas adversas.

Que opina do lema "Oito nacións, unha cultura"? Sente esa conexión celta? 
É un xeito de agrupar un estilo musical, a música atlántica, máis que música celta, que é algo etéreo. Pode ser un xeito de darlle marca a unha cultura. Indo a festivais, coma o de Lorient, daste conta de que hai unha conexión a través da gaita. Aquí é algo que non se ve. Ás veces en clase poño gaitas doutras partes do mundo, sobre todo Francia e Reino Unido, e a xente non coñece para nada esa música porque non soa en ningunha radio.

Alí está máis respetada que aquí a música tradicional? 
Está moi viva. É clarísimo. Un festival como o de Lorient,o maior festival de calquera tipo de música en Europa, non se fai sen que a música sexa moi respetada. Eu estiven en Irlanda tocando en vilas de mil persoas e chamoume moito a atención que non hai ningún pub que pinche música enlatada, hai música en directo todos os días. Poderíase dicir que alía está viva como estaba aquí hai 70 anos, en vez de nun pub nunha aira.

Imos rematar cun tema polémico, que postura adopta respecto da gaita marcial? 
Eu creo que forma parte do pasado porque non arraigou unha verdadeira escola interesante. Era algo que non formaba ao alumno nun espírito crítico. Creo que cas subvencións que se deron se podería facer algo máis aproximado á música tradicional. Podes ter unha banda de cen gaiteiros sen necesidade dunha gaita marcial, que non deixa de ser algo máis parecido á gaita escocesa.

Pepe Vaamonde: "Como perdas a música de raíz, perdes a identidade"
Comentarios