Miércoles. 17.10.2018 |
El tiempo
Miércoles. 17.10.2018
El tiempo

Pepe Carreiro: "Os autores en galego estamos sempre como xogando en Terceira"

Pepe Carreiro. AEP
Pepe Carreiro. AEP

Dirixiu dúas revistas, adicouse ao humor gráfico e á publicidade e publicou varios cómics, pero é más coñecido por ser o creador da familia Bolechas

Como xorden Os Bolechas?
Xorden no ano 2000. Quería facer unha familia destinada ao público infantil, que tivesen aventuras divertidas e cotiás, sen fantasías. Aí naceu unha familia pouco normal hoxe en día, porque son seis irmáns e un can. Pouco a pouco comezaron a medrar, primeiro cos libros de aventuras, e despois con coleccións máis didácticas.

Os Bolechas teñen máis de 500 títulos publicados. De onde se obtén a inspiración para crear tantas aventuras?
A verdade é que non o sei. Levo 18 anos debuxándoos e moitas veces non mo explico. Aínda así non me canso. Os debuxantes temos unha especie de tolería, podemos estar repetindo o mesmo durante anos sen cansarnos. Cando me poño diante dun libro chego a gozar como o primeiro día.

Os Bolechas é unha serie que non só entretén aos nenos, senón que tamén son historias didácticas. Sinte que ten moita responsabilidade ao escribir para os máis pequenos?
A miña preocupación principal é a de entreter os nenos. Se consigo iso, o meu obxectivo está cumprido. Tiven máis responsabilidade cando me din conta de que era unha forma de facer chegar o galego a moitas casas onde o idioma nin se coñecía. Así que fun coidando máis os textos e a lingua.  

Eu creo que certo humor negro na dose adecuada é moi ben recibido polos nenos

Cada ano as novas xeracións vanse enganchando ás aventuras da familia Bolechas. Como se explica este éxito?
Nunca hai fórmulas para que unha cousa funcione. Nós temos un mercado pequeno e non vivimos de grandes campañas de márketing, polo que é relativamente máis fácil aguantar, porque temos un público próximo. Eu visito moito os colexios e bibliotecas e temos unha relación directa cos lectores. Outro factor fundamental é facer as cousas con ganas.

De momento, os Bolechas chegan xa ás librarías e á televisión portuguesas, ademais de varias canles públicas españolas. Gustaríalle que que chegaran a máis países?
Si, cantos máis nenos poidan seguir a serie moito mellor. Pero para min os libros son o fundamental, máis que o formato audiovisual, aínda que todos os medios son bos. Non teño unha ambición persoal por chegar a todo o mundo, para min chegar ao pé da casa xa é suficiente. Eu o que quero é que os nenos gocen cos libros.

Cal é o seu libro favorito dos Bolechas?
É difícil escoller, porque entre tantos hai libros cos que me divertín moitísimo, ou que me gusta o resultado que acadei, e outros menos. Pero non hai un específico que me guste máis que o resto.

Os cativos son un público máis esixente que o adulto?
Son un público inocente, collen as cousas con toda a apertura do mundo. Pódense sentir defraudados, pero para que iso non suceda o autor tense que implicar moitísimo. Eu emprego o humor e a comicidade tanto para o público adulto como para o infantil, e penso que iso atrae aos nenos. Por iso sempre intento meter algunhas doses de humor nos libros dos Bolechas. Ademais, os personaxes son moi simples, pero pretendo que teñan a súa personalidade e profundidade. Penso que cando un neno ve un personaxe dos Bolechas, pode ver a alguén que ten sentimentos, non ven só un debuxo.

Leva moitos anos xa no negocio do debuxo e a ilustración. Era máis difícil que hoxe en día?
Foi moi complicado ao principio. En Galicia había moi poucas editoriais, e as coleccións infantís non eran moitas porque eran moi caras, sobre todo imprimilas en cor. Hoxe iso cambiou. Hai moitas editoriais, abaratáronse moitísimo os custes de imprenta e isto facilita as cousas. De todas maneiras, atravesamos unha crise moi dura e iso tamén afectou. Aínda así penso que os tempos son moito mellores que cando eu comecei nisto.

É moi complicado competir no mercado da banda deseñada con obras en galego?
O libro galego, en xeral, ten moitísimos problemas. Lese moi pouco, e en galego aínda se le menos. Ademais, a promoción que se fai do libro en galego nos escaparates das librarías é mínima, ao igual que a presenza dos autores nos medios de comunicación. Sempre estamos xogando como en terceira división. Coa banda deseñada é aínda máis complicado, porque ten un público aínda máis reducido. Editar banda deseñada é máis caro e non é nada rendible para os autores, porque un best seller en Galicia vende 300 exemplares.

Nas obras para nenos non teñen cabida o humor negro ou a retranca. Bótaos de menos cando debuxa para os máis pequenos?
Eu creo que certo humor negro na dose adecuada é moi ben recibido polos nenos. A eles gústanlle as cousas tétricas, coma os zombis ou esqueletes, que están en moitas series. Pero todo ten que ser tratado segundo as idades. Hai temas que son demasiado duros.
 

Pepe Carreiro: "Os autores en galego estamos sempre como xogando en...
Comentarios