Pepe Barxa: "La idea es organizar un certamen de arte flotante en los ríos Miño y Sil"

A Ribeira Sacra é unha terra fértil e dela viviron varias xeracións. Hoxe, o despoboamento e o descontento colectivo fai dela un lugar con dúas caras, a da beleza na súa paisaxe e a da decadencia na falta de expectativas. Pepe Barxa coñece ben o entorno da ribeira do Miño.
Pepe Barxa
photo_camera Pepe Barxa

A RIBEIRA SACRA é para Pepe Barxa un paraíso agónico. O artista, que naceu en Belesar (O Saviñao) no 1961, é crítico co futuro e situación do rural no sur lucense e por iso, a través dunha intervención artística no río Miño, quixo facer reflexionar a veciños e visitantes sobre o porvir destas terras. ‘Paraísos agónicos’ é o nome da intervención que está formada por catro esculturas flotantes.

Que pretende con esta intervención artística? En principio ideeina co obxectivo de facer da arte contemporánea un axente de dinamización cultural. Pretendo levar a quen a observe a reflexionar sobre o porvir da zona, o turismo que se quere na Ribeira Sacra. Busco evocar ese pesimismo sobre o futuro, sobre ese mañá que non existe nun lugar coma este.

Como xorde a idea de creala?

Hai un ano, durante a primeira exposición colectiva de artistas da Ribeira Sacra que se fixo en Monforte, falamos de levar a cabo unha iniciativa conxunta para ver se movemos isto. Falouse de realizar unha balsa con obras de artistas. Esta iría na liña da intervención das figuras flotantes, xa que a miña mostra no Miño funciona coma unha proba para valorar as oportunidades, coñecer o resultado e a repercusión.

Por que '‘Paraíso agónico’'?

Foi un pouco en alusión ao estado de pesimismo colectivo no que estamos a vivir, ao despoboamento. Todo isto dentro dun paraíso que é o entorno no que habitamos.

Cando comezou a traballar na colección?

No Nadal pasado empecei a definir a linguaxe e as liñas a seguir e nos tres últimos meses antes de expor elaborei as pezas.

A súa intervención no río Miño está repartida entre A Cova e Portotide e algunhas esculturas xa sufriron agresións.

Sempre penso na reacción que poden xerar as pezas que fago, pero nunca pensei nunha tan salvaxe. O pantalán oratorio era a peza que lle daba sentido á colección e foi a máis afectada. Coa intervención pretendía que quen as vise reaccionara, dun xeito ou doutro, pero xamais supuxen que sería así. É normal que susciten curiosidade e que as persoas queiran achegarse a elas, pero non ese uso lúdico salvaxe.

As persoas somos pouco civilizadas?

É o capital humano que impera.

Dende cando flotan no Miño?

Rematei de colocalas o día 22 de agosto. Pouco duraron, pero aínda así ten unha lectura positiva porque ao acontecer este acto salvaxe contra as pezas deuse unha repercusión importante nas redes sociais en canto ao tema. O problema é que a exposición destacou pola evolución do proxecto e non pola calidade deste.

Volvendo ás novas iniciativas, que pode contar do proxecto das balsas con pezas de artistas?

É unha idea xerminal que hai que definir e que ten a súa complexidade. Estamos valorando a posibilidade de repetir para o vindeiro ano unha intervención semellante a ‘Paraíso agónico’, pero ampliado a toda a Ribeira Sacra. A idea é facer un certame de arte flotante no Miño e no Sil.

Só con artistas da Ribeira Sacra?

Sería máis interesante se fose máis amplo. Aínda así, na Ribeira Sacra están proliferando moitos novos artistas con experiencia na xestión da arte e isto é imprescindible para este tipo de proxectos.Hai moitas cousas por organizar aínda. Sería nunhas localizacións determinadas, pero sempre no contexto do río. Hai que decidir que tipo de intervencións: escultura, pintura... e que materiais se empregarían.

Ademais da escultura, Barxa é pintor, fai ilustración e traballos de deseño e conservación.

Neste eido hai que adicarse a moitas disciplinas para vivir. Non é un feito voluntario, son traballos que se nos piden no taller no que traballo xunto a Santiago Cobelo.

E no eido creativo, en que proxectos anda metido?

Agora estou facendo a dixestión desta última intervención e axiña teño que comezar con outras obras que xa teño comprometidas de pintura e de escultura.

Que pintura fai?

Son diverso. Emprego unha linguaxe figurativa, xeralmente. Expresionista. As etiquetas pechadas penso que non me definen. É coma se tivera varias personalidades. Na ilustración uso trazos esquemáticos, máis lineais.

E na escultura?

Na escultura depende. Traballo unha escultura mixta en canto aos materiais que utilizo. De feito, ás veces son os materiais os que marcan o inicio do proxecto. O máis común é que use madeira, pero tamén emprego metal, pedra, vidro ou cristal. Ao tocar diversas ramas na restauración acaban influíndo tamén no eido creativo.

Comentarios