Pedra a pedra e letra a letra

O conselleiro de Educación e Cultura, Jesús Vázquez, presidiu hoxe no Museo Centro Gaiás a inauguración da V Bienal Literaria ‘De pedra e de palabra’. No acto de apertura estiveron presentes o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o presidente do Centro PEN de Galicia, Luís González Tosar, e o director do PEN Galicia, Xavier Castro, entro outros. A continuación Alfredo Conde presentou ao invitado de honor, o escritor e académico da Real Academia Española, Luís Mateo Díez, que pronunciou a charla ‘Contar la vida’.

Vázquez Abad lembrou a importancia literaria da cidade de Santiago, “a emoción da palabra perante a pedra, a testemuña dos que ata aquí viñeron e dos que por aquí pasaron”. E destacou, así mesmo, o labor do International PEN, “unha prestixiosa organización mundial que –en palabras do conselleiro– loita pola liberdade de expresión e promove a literatura, en calquera das linguas do planeta, como vínculo de paz e de concordia.”

O conselleiro de Cultura e Educación rematou a súa intervención trasladando o seu agradecemento “a todos os que participan nesta V Bienal, singularmente aos convidados que nos traen as súas experiencias e as súas palabras desde outros ámbitos.” “Asegúrolles que saberemos aproveitalas, porque a nosa tradición literaria –por certo, unha das máis antigas de Europa– aséntase en valores como a tolerancia, o respecto e a pluralidade”, engadiu.

O Centro PEN de Galicia, coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación, celebra por primeira vez no Museo Centro Gaiás a V Bienal Literaria ‘De pedra e de palabra’. Un evento no que a literatura é a protagonista indiscutible e que achega á Cidade da Cultura a escritores galegos de recoñecido prestixio como Ramón Nicolás, Diego Ameixeiras ou Xosé Mª Álvarez Cáccamo, e de fóra das nosas fronteiras como Luis Mateo Díez, Clara Usón ou Massimo Saltafuso.

 

Programa da Bienal

Na mañá de hoxe, os afamados críticos e escritores Ramón Nicolás e Román Raña foron os encargados de realizar a apertura de ‘De pedra e de palabra’. Logo da súa intervención, Manuel Outeiriño presentou ao profesor Massimo Saltafuso, que pronunciou a conferencia ‘In cammino fra le pietre della letteratura italiana’. A xornada concluíu cunha visita á exposición Gallaecia Petrea, que constitúe parte do tópico sobre o que xira a actual edición da bienal. Na quenda de tarde da Bienal, o Museo Centro Gaiás contou coa presenza da escritora barcelonesa Clara Usón e dos galegos Bieito Iglesias e Diego Ameixeiras, que compartiron unha mesa de lecturas titulada ‘Contan as pedras?’, a moderadora neste caso foi Inma López-Silva.

Presentación da antoloxía Sinfonía Atlántica

Na xornada do sábado terá lugar a presentación-recital de Sinfonía Atlántica, antoloxía xeral da poesía galega, editada por Eneida. A obra será introducida por Carlos Clementson e Miro Villar. No recital participarán algunhas das principais voces da poesía galega actual, autores clásicos da literatura de nós como son Xosé Mª Álvarez Cáccamo, Marica Campo, Manuel Forcadela, Luís González Tosar, Xulio L. Valcárcel, Cesáreo Sánchez Iglesias e Xavier Seoane.

Nas dúas xornadas de ‘De pedra e palabra’ participan un total de cincuenta escritores, xornalistas, críticos, profesores editores e demais axentes que forman parte do proceso da escritura creativa, da industria do libro e da promoción da lectura.

 

Comentarios