Zapatones: 'Pedinlle á Xunta dous traxes pero dixeron que non había orzamento'

Juan Carlos Lema, Zapatones, cun dromedario peregrino. (Foto: AGN)
photo_camera Juan Carlos Lema, Zapatones, cun dromedario peregrino. (Foto: AGN)

Pola praza do Obradoiro de Compostela pasan cada ano millóns de peregrinos, pero só un deles está alí a diario, vestido co atavío de camiñante medieval, deixándose fotografar e informando os turistas sobre todo o que necesitan saber da cidade. Debaixo do seu sombreiro e da mesta barba agóchase Juan Carlos Lema (Camariñas, 1954).

P: Así que o Zapatones non é de Santiago.

R: Pois non. Nacín en Ponte do Porto, en Camariñas, aínda que me abandonaron nun hospicio e non cheguei a coñecer a miña familia.

P: Uns comezos duros...

R: Si, pero non lle gardo rancor a ninguén. A miña nai puido abandonarme en calquera lado, e deste xeito deume a oportunidade de ter unha vida. E primeiro entre as monxas e logo entre os curas cos que estudei, sempre me sentín querido. Ata fun un neno feliz.

P: ¿Entre esa infancia e o Zapatones houbo moita vida por medio?

R
: Logo de deixar o colexio levei unha vida un pouco complicada. Fun o que se podería chamar un raterillo, aínda que nunca me metín en problemas graves; foi como se tivera un anxo da garda; talvez o Apóstolo...

P: ¿Cando decidiu cambiar de vida?

R
: Un día, rezando na catedral mirei para a imaxe de Santiago vestido de peregrino e dixen: ¿por que non podo vestirme así, quedar a vivir en Santiago e facer un labor de axuda aos camiñantes que veñen ata aquí? Se o fago con respecto... Ao principio chamábanme tolo e pallaso, pero van máis de 20 anos e a xente xa se acostumou.

P: ¿E o nome ese de Zapatones? Polo menos hoxe leva chancletas...

R
: Unha amiga de aquí de Santiago púxome ese alcume porque eu andaba sen parar. Foi un día de broma, pero o alcume callou.

P: Seica é vostede amigo do Rei...

R
: Coincidimos na praza no Ano Santo do 93, e desde entón trabamos amizade. Cada vez que vén de visita a Santiago procuramos vernos e polo menos saudarnos. Foi el quen me dixo que eu tiña a sorte de pasar o día na sala de estar máis fermosa de Europa.

P: ¿Hai algún outro personaxe famoso con quen teña relación?

R
: Acaba de estar en Santiago Vicente Fox, o que fora presidente de México, e preguntou por min cando chegou á cidade. Non sei onde oíra falar de min... E Maná, que tocaron aquí hai uns días e aos que lles fixen de cicerone polas rúas de Santiago, dedicáronme unha canción no seu concerto, a min e a todos os peregrinos.

P: ¿Nunca lle ofreceron converter este labor en algo institucional?

R
: Ninguén mo recoñeceu máis alá das boas palabras. Só teño dous traxes: un de inverno e un de verán, e non hai moito solicitei que a Xunta me subvencionara outros novos e a súa resposta foi que non había orzamento para algo así.

P: ¿Ata cando pensa continuar?

R
: Gustaríame seguir ata o Ano Santo do 2010, se o señor Santiago me dá forzas. Despois igual descanso e aproveito para facer o Camiño.

P: Non me dirá que nunca o fixo.

R
: Si, claro que o fixen, en varias ocasións e por diferentes rutas, a última vez polo Camiño portugués e este mesmo ano. Pero gustaríame comezalo desde moi lonxe, aínda non sei desde onde.

En poucas palabras
P: ¿Un personaxe que lembre con cariño?
R: A baronesa Thyssen. Veu a Santiago cando o seu home aínda vivía, e os dous foron moi educados e xenerosos comigo. E Anthony Quinn, Shirley McLane...

P: ¿E outro que lembre polo contrario?
R: Paulo Coelho. Unha decepción

P: ¿Cales son os peregrinos máis educados?
R: Os franceses, sen dúbida, aínda que non se pode xeneralizar

P: ¿Cantas fotos levará feito con eles?
R: Imposible de calcular. Non sei nin as que me fan ao cabo do día

P: ¿Ten vostede un soño?
R: Que algún día se lembren de min para ser o delegado rexio na ofrenda ao Apóstolo

P: ¿Agarda que lle recoñezan o seu labor?
R: Se algún día o fan, gustaríame que fora antes de morrer, non quero que me pase como ás dúas Marías, que lles fixeron unha estatua que elas non puideron ver

P: ¿Cal é o seu lema na vida?
R: Abóndame con erguerme vivo cada mañá, non penso en máis. E cando morra, que sexa unha morte tranquila

P: ¿Unha canción?
R: Resurrección, de Amaral, que fala do Camiño

P: ¿Unha película?
R: Shrek. Dun xeito ou doutro, somos nenos toda a vida

P: ¿E un libro?
R: Os de Matilde Asensi, ambientados na Idade Media, e algún deles na tradición xacobea

P: ¿Unha definición de Galicia?
R: O paraíso na terra

P: ¿E un lugar fóra dela?
R: Bordeos e San Sebastián, dúas cidades preciosas e cheas de xente amable e cordial

Comentarios