jueves. 27.01.2022 |
El tiempo
jueves. 27.01.2022
El tiempo

"Paseino moi ben facendo dobraxe; prefiro iso á escola, pero hai que facer todo"

Lucía Serén, xunto a Valentina, na preestrea na Coruña. EP
Lucía Serén, xunto a Valentina, na preestrea na Coruña. EP
A lucense Lucía Serén púxolle voz á protagonista de "Valentina", filme animado candidato aos Goya que racha estereotipos do colectivo Down

A Lucía Serén gustaríalle ser cantante, aínda que sexa na ficción, na súa próxima película. Moita xente non a recoñecerá a primeira vista, pero se a escoitan falar descubrirán que ela é a voz tras a protagonista de Valentina, candidata aos premios Goya a mellor filme de animación. Lugo suma así unha nova estrela.

Á casa de Lucía chegou un día unha chamada da Asociación Down Lugo, á que pertencen, e comentáronlles que a cineasta Chelo Loureiro andaba á busca dunha nena con síndrome de Down para darlle vida a Valentina.

"Ela é moi decidida, moi botada para diante, non dubidou en presentarse", comenta Cristina, nai da rapaza.

Ambas asistiron onte á prestrea nacional de Valentina no Teatro Colón da Coruña. Lucía sentiuse como "nunha alfombra vermella" e puido saborear os froitos dun traballo difícil e ben feito.

"Paseino moi ben facendo dobraxe. Prefiro isto á escola, pero hai que facelo todo. O cole tamén está ben", afirma Lucía, que cando comezou a dobraxe tiña 12 anos e agora suma 14.

A lucense encaixoulle desde un primeiro momento a Chelo Loureiro e Lúa Testa, coguionista. Axiña se uniu ao equipo de Valentina xunto a Pepa Lockhart, a outra nena con síndrome de Down que dobra ao castelán.

E así chegou a primeira incursión de Lucía na industria audiovisual, provocando "moita ilusión na súa casa" e moitas viaxes, porque nesta aventura Cristina quere ser clara: "Todo o traballo foi de Lucía, todo o esforzo, nós fomos taxistas só".

As gravacións tiveron lugar en Cambre nun prazo de dúas semanas, no que as estrofas e frases se repetían ao mínimo erro.

"Non se trataba de ler ou memorizar, había que darlle entoación, cambiar o ton cando era preciso. Interpretar. Dobraxe tal cual", explica Cristina. "O proceso foi canso, pero moi satisfactorio".

A peor parte para Lucía era ter que repetir o texto, repasalo e volver a comezar o proceso. Recorda especialmente "unha das estrofas, a segunda» e sabe que se tocaba repetir era porque o texto «era moi difícil".

Lucía Serén califica ela mesma a película de Valentina como "moi necesaria" e asegura que Chelo Loureiro "me axudou moito".

"Todo o equipo foi encantador, moi profesional. Chelo Loureiro é unha persoa auténtica", afirmou Cristina.

Lucía falou con Lúa Testa da súa seguinte colaboración, porque quedou moi contenta do seu traballo, e xa que en Valentina non puido cantar, encantaríalle facelo no futuro. "A ver se para a seguinte", dixo rindo.

"Valentina" conta a historia dunha nena que soña con ser trapecista, aínda que ela cre que nunca poderá conseguilo por ter síndrome de Down.

Unha viaxe máxica descubriralle todo aquilo do que é capaz. A súa avoa, compañeira de xogos, aprendizaxes e cancións, asegúralle que, se as orugas conseguen converterse en bolboretas, nada é imposible. Tamén lle ensinará que nunca debemos perder a ilusión nin as ganas de aprender, as mesmas que ela pon, aínda á súa idade, no seu afán por converterse en directora de orquestra.

Goya. Na 36ª edición dos premios Goya, Valentina competirá por conseguir o seu "cabezón" contra Salvar el árbol, Mironins e Gora Automatikoa, unha categoría que mistura tanto a público infantil e preescolar con animación para adultos.

Ao agora xa famoso nome de Lucía Serén, súmaselle o de Emilio Aragón, autor da canción Eres especial para a banda sonora orixinal da película, e o de Andrés Suárez, que dobra e canta en Valentina. O deseño das personaxes correu a cargo do artista gráfico David Pintor.

O filme de Loureiro non procura poñer o foco no síndrome de Down, senón facer del unha característica máis das persoas, como a color de cabelo. Prefire pensar a cinesta en capacidades que suman en non que restan.

"Era necesario ver una película como esta, llevaba años buscando a alguien que quisiera hacerla", afirma Loureiro, que logrou así a súa oitava candidatura aos Goya, do que xa ten un exemplar.

"Paseino moi ben facendo dobraxe; prefiro iso á escola, pero hai...
Comentarios