Pardiñas, parte das "nosas vidas"

O escritor Carlos Meixide destacou no pregón do festival de Guitiriz o "orgullo" que supón para el entrar a formar parte da "lista máis honrosa que pode haber en Galicia"

Carlos Meixide cos seus libros. C. PÉREZ
photo_camera Carlos Meixide cos seus libros. C. PÉREZ

CARLOS MEIXIDE chamoulle Guitiriz a súa última novela, pero tamén podería ter sido Pardiñas, polo cariño especial que o pregoeiro da trixésimonovena edición lle ten a un festival "que forma parte das nosas vidas".

"Cando escribín a novela, quería mostrar Guitiriz e o que é o festival, que é o máis bonito e importante que se pode contar de Guitiriz", indicou, asegurando que para el é "unha satisfacción moi especial porque é un festival moi querido". Son xa tres os lustros que leva asistindo e fortalecendo os seus vínculos coa asociación promotora, Xermolos, en cuxo chigre mesmo ten traballado como voluntario e este ano compartindo posto coa asociación, coa venda directa dos seus libros.

"Xermolos crea vida e crea comunidade, eu quería reflectir eso", di Meixide, salientando especialmente o "espírito" de Alfonso Blanco, quen "forma parte da memoria colectiva de Guitiriz".

O festival é "parte fundamental" da súa novela e, case coma un presaxio, podería dicirse que el vén de converterse en protagonista da mesma, pois nela aparece o pregón do festival.

"É unha satisfacción e un orgullo", indica un agradecido pregoeiro, "un máis no campo" para o que esta elección supón "un mérito en vida". E é que Carlos Meixide considera que acaba de "entrar a forma parte da lista máis honrosa que pode haber en Galicia", tal e como el mesmo explicaba momentos antes de subir a ese escenario ao que nunca se lle pasou polo maxín subir na tarde do domingo "a falar, como fixeron outros con moito prestixo".

Algún deles subiuse de novo a ese mesmo escenario para cumprir con outra das tradicións do festival, participar na entrega de premios do Certame de Creación, que un ano máis recoñeceu aos preto dun cento de autores dos traballos —maioritariamente relato, poesía e debuxo, pero tamén murais, proxectos audiovisuais ou fotografías— distinguidos, procedentes de toda Galicia.

O concurso leva 39 edicións, as mesmas que teñen o festival, a carreira popular e a Mostra de Artesanía, un punto de encontro para numerosos artistas do país, igual que a Mostra de Instrumentos da Música Tradicional, que este ano celebrou as súas vodas de prata ou as incorporacións máis novas, coma o Aberto de Billarda.

Todas son pezas básicas desa gran romaría popular que un ano máis se clausuraba ao ritmo dos ineludibles concertos nocturnos. Airiños da Freba, Xosé Lois Romero & Aliboria, Sin A Deir Si e Turre"s Band despediron o XXXIX Festival de Pardiñas. Comezou xa a conta atrás para un aniversario redondo, o dos 40 agostos da Feira e Festa da Música e da Arte.

Calor
Auga para regar o campo da festa e os asistentes

 
O Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Guitiriz encargouse durante o festival de regar o campo para evitar que se levantase po e reducir riscos, unha práctica que foi moi ben recibida polos festivaleiros ao longo da tarde. A mangueira converteuse nunha ducha inprovisada e tanto nenos coma adultos percorreron o campo seguindo ao operario do GES para refrescarse das altas temperaturas dunha ola de calor á que o Festival de Pardiñas non foi allea, malia a dispoñer de numerosas sombras no contorno do balneario. Estas foron as que aproveitou o numeroso público que asistiu ao ConcertoPunk, un aplaudido espectáculo familiar patrocinado por Deleite como colaboración coa asociación Xermolos.

 

Comentarios