Pancho Campos: "Ribadeo foi terra de nobres e aí están as familias que o atestiguan"

Chámome Francisco Campos Dorado, pero todos me chaman Pancho. Crieime a camiño de San Miguel, Ribadeo e Vidal e adiquei gran parte da miña vida á mariña mercante, coa que percorrín o mundo enteiro. Agora estou xubilado e leo moito e estudo varias cousas, entre elas a miña árbore xenealóxica ou mesmo a heráldica de Ribadeo

Pancho Campos realizou un estudo dos escudos heráldicos do concello de Ribadeo. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Pancho Campos. JOSÉ Mª ÁLVEZ

PERANTE MOITOS meses os lectores do semanario ribadense La Comarca del Eo, un dos dous que queda vivo na provincia e que forma parte do Grupo El Progreso, puideron formarse nada menos que en heráldica gracias á colección de artigos publicados por Pancho Campos, un labor ao que lle adicou anos enteiros.

Non é unha afección común, como lle deu por aí?
Eu non sabía nada de heráldica. Comecei porque estaba facendo a miña árbore xenealóxica dende había dez anos. Pasei cinco no arquivo da catedral de Mondoñedo buscando distintos apelidos da miña familia, que vén de San Adriano, Piñeira, San Miguel, San Juan de Ove... Atopei cousas relevantes e empecei a mirar temas vencellados á heráldica. Foi entón cando vin que en Ribadeo estaba moi estendida e pouco estudada, polo que fixen un total de 38 artigos de 48 escudos que investiguei. Todos os que atopei.

Tivo que ser un traballo inxente e moi dificultoso.
Foron tres anos de traballo, máis ou menos un de investigación e dous de investigación e escribir. E por certo, quero agradecer a colaboración de La Comarca del Eo para ir publicándoos e que puidesen ir vendo a luz.

Houbo moitísimo fidalgo e creo que máis que en case calquera outro sitio, porque por exemplo en Mondoñedo os escudos veñen máis ben dos bispos que tiveron

A heráldica non é algo precisamente sinxelo nin que estea ao alcance de todo o mundo. Sendo vostede profano na materia, como se formou para poder interpretar os escudos que tiña que ir estudando?
Realmente o que fixen foi empezar a mercar libros e cheguei ata 70 ou así para poder ir documentándome. Fíxenme co de José Santiago del Poco Crespo, que é un documento magnífico. As Leyes Heráldicas del Blasón, do Marqués de Avilés; Ciencia del Blasón, de 1858, de Modesto Costa y Turrel; Compendio de Heráldica, de Pedro Aldarzábal, de 1775; Diccionario Heráldico, de Francisco González... Tamén me fixen con moito libro de historia, porque a heráldica realmente é un estudo profundo dun dato histórico ou dunha fazaña histórica dun cabaleiro ao que lle deron un título por ela, que é o blasón que se ve nos escudos.

Pero hai miles, que tipo de contexto se necesita coñecer para poder ir interpretándoos?
Hai cousas moi claras que che dan pistas inmediatamente, pero basicamente o que hai é que se outorga un título a unha familia que pasa a ser da nobleza cos seus descendentes.

Logo iso foise perdendo...
Si, a partir do século XVIII a nobreza fíxose vaidosa, porque ata entón entendíanse, incluidos eles a si mesmos, como xente honesta, honrada e cabal que quería facer unha achega á súa civilización. Co tempo iso foise desvirtuando, como ben se pode ver hoxe en día.

E Ribadeo é rico en heráldica?
Moito. Houbo moitísimo fidalgo e creo que máis que en case calquera outro sitio, porque por exemplo en Mondoñedo os escudos veñen máis ben dos bispos que tiveron. Aquí eran xenuínos. Non quero menosprezar os dos bispos, pero esa é a realidade. E Ribadeo tivo xente moi poderosa.

Vemos en Arxentina, Cuba, Uruguay... moitos ribadenses ou familias oriundas que eran nobres e conectaron con esas terras polo noso peirao

Viralle de aí a Ribadeo esa sona de "vila de señoritos"?
Eu non comparto esa afirmación polo que ten de despectiva. Pero si que Ribadeo foi terra de nobres, iso non se pode negar. Hai que pensar que en Ribadeo hai 48 escudos, a razón de catro blasóns por escudo iso fai 196 blasóns. Se lle pos unha media de tres persoas por familia dáche unhas 500 persoas. O padrón de 1700 fala de 700 habitantes. Segundo iso case todos eran nobres que non podían traballar coas súas mans. Como é posible iso? Pois porque entendo que o padrón estaba mal feito ou doutro xeito sería imposible, pero si que é unha demostración do poderío dos señores de Ribadeo e de como se conformaron aquí familias moi importantes.

O peirao tivo moito que ver niso?
Por suposto. De aí entrou moitísimo diñeiro e a xente con moito diñeiro trataba de entrar na nobreza. Os señores do pazo de Vilaousende marcharon a América. Vemos en Arxentina, Cuba, Uruguay... moitos ribadenses ou familias oriundas que eran nobres e conectaron con esas terras polo noso peirao.

Ribadeo aínda conserva moitas desas familias.
Aí están. Os Calvo Sotelo, os Del Pino, os Parga, os Barcia... Son descendentes directos desa xente da que eu falo nos estudos sobre os escudos. Eles fixeron vida en Madrid, e teño que dicir que, en moitos casos, con pouco apego polo despegue económico de Ribadeo, ao que non lle axudaron moito porque non impulsaron unha soa industria, ao mellor por medo a escarallar a súa vila de veraneo.

PERFIL
Inesgotable conversador, da gusto escoitar as aventuras mariñeiras de Pancho Campos que en realidade teñen que ver coa xente e coa vida. Consciente da forza que poden exercer os veciños non evitou empuxar por numerosas causas que considera xustas en favor dos ribadenses, e mesmo traballou para regalar xunto a máis xente un bastón de mando á alcaldesa de Trabada. Ribadense ata a cánula dos ósos, sempre anda argallando entre libros e arquivos dos que logo saca información que soe publicar no semanario local, La Comarca del Eo.

Comentarios