sábado. 31.10.2020 |
El tiempo
sábado. 31.10.2020
El tiempo

Pacodíaz: "Un cento de artistas define a Díaz Pardo con 'Ensambleisaac"

Presentación en O Vello Cárcere do libro. SEBAS SENANDE
Presentación en O Vello Cárcere do libro. SEBAS SENANDE
O creador lucense deu a coñecer un libro que recolle un proxecto multidisciplinar de homenaxe ao cofundador de Sargadelos

Pacodíaz coñece de sempre a Isaac Díaz Pardo, cofundador de Sargadelos. "O meu pai era curmán do seu. Isaac sempre estivo presente na miña casa. Cando xantaba con el era un estar e non estar porque, segundo remataba, xa se estaba despedindo para ir traballar".

A admiración do pintor lucense asentado en Brión polo ceramista foi medrando ata que se decidiu recoñecerlle publicamente a valía. "A orixe de Ensambleisaac está nos problemas que Díaz Pardo empezou a ter cos seus socios de Sargadelos", cando perde o control da empresa nunha "tremenda inxustiza". A intención de Pacodíaz era "pagar a débeda con Isaac, que é impagable" a través de "cariño e afectos" expresados por un cento de artistas que buscan "definir a personalidade" de Díaz Pardo.

Pacodíaz solicitou a creadores de plástica, a música e a literatura unha obra relacionada co homenaxeado. "Cada un participou no proxecto sen saber do outro", indicou o promotor.

A dimensión é internacional porque Antonio Díaz Teijeiro andou na Arxentina indagando na etapa no país austral do artista.

A base de Ensambleisaac é a cerámica, pois era a disciplina "máis importante para el". Pacodíaz pediu 14 aneis a sendos ceramistas facendo un percorrido dende a máis tradicional (Bonxe, Oleiros) ata a máis vangardista (Carme Romero). Todas eles van encaixados conformando unha columna de dous metros.

A partir de aí o proxecto abrangue outras disciplinas. Unha trintena de escritores —Helena Villar Janeiro, Pedro Feijoo ou Antonio Reigosa, entre outros— e unha vintena de artistas —como Guerreiro, Miguel Anxo Macía ou Morquecho— achegan obra.

O plano musical está composto por unha fusión de Negra sombra e Lela feita por Juan Durán.

Todos os materiais que se foron entregando están exposto de xeito permanente no Castelo de Santa Cruz de Oleiros (A Coruña) ao tempo que foron plasmados no libro Ensambleisaac, que foi presentado onte ao serán no Vello Cárcere de Lugo polos seus participipantes.

O limiar do volume foi escrito por Luz Pozo Garza "desde as súas 96 primaveras". Son varios poemas. "Un deles escribiuno diante de min. Foi un privilexio", indica Pacodíaz.

Pacodíaz: "Un cento de artistas define a Díaz Pardo con...
Comentarios