Paco Veiga: "A lingua está folclorizada e este é o paso previo á súa desaparición"

O profesor de Lingua e Literatura do Ies Terras de Melide recolle este venres un premio concedido polo Servizo de Normalización Lingüística Terra de Melide polo seu labor na defensa do galego e como promotor de iniciativas culturais. Entre elas, destaca a aposta por lograr que se lle dedique o Día das Letras Galegas ao poeta Avelino Díaz no 2017, coincidindo co 120 aniversario do seu nacemento
Paco Veiga
photo_camera Paco Veiga

O PROFESOR lucense Paco Veiga, natural de Riotorto, recolle este venres, ás 20.30 horas na casa da cultura de Melide, o premio Terra de Melide 2015.

Como se sente un ao recibir este premio?

Enormemente agradecido ás persoas que teñen pensado en min, naturalmente, ao tempo que, para ser francos, tamén un pouco incómodo. É un premio creado para dinamizar a cuestión da lingua na comarca, pero ocorre que hai persoas que participamos disto en razón da nosa propia profesión. O mérito, de existir, é relativo.

Que cre que o fixo merecedor da distinción?

Eu interpreto que fundamentalmente os anos. Son máis de dúas décadas na Terra de Melide, cun traballo colectivo no Ies Melide e tamén na armazón cultural da comarca. Pero interésame destacar que todos os proxectos foron colectivos, non derivados do que pensase nun momento dado unha única persoa, como puidese desprenderse, erroneamente, do premio en si.

É un premio á defensa do galego, estase a facer o necesario?

Rotundamente non, nin moito menos. A lingua está claramente folclorizada, e a folclorización é o paso previo á súa desaparición. No mundo actual só se tolera o que é útil, e non estamos facendo útil a lingua. Cal é a razón? Todo hai que velo nun proceso de aculturación global, sen que existan nin políticas nin iniciativas concretas para poñer en valor que somos, máis alá das convicións políticas de cadaquén. O malo é que nunca seremos de Valladolid, porque xa os vallisoletanos son de alí. Non se pode ser cidadán do mundo desde ningures e iso é algo que debemos aprender a ter claro. Só cando sexamos nós mesmos poderemos estar no mundo, con orgullo de nós propios e facéndonos respectar. Mentres tanto, andaremos coa pucha ao estilo de Neymar todo o día e escoitaremos música enlatada noutras terras, que realmente dirá pouco de nós. Os meus alumnos tiñan nos seus aparellos por primeira vez música galega cando Xurxo Souto dirixía o seu programa de radio diario na Radio Galega, pero desapareceu. Sirva só de exemplo.

Tamén é un galardón á dinamización social e cultural, como valora o papel das asociacións?

As asociacións de base son as que de verdade moven o país, día a día e cos pés no chan. E todo isto, a pesar dos escasísimos medios cos que traballan e dos seus altos e baixos ao longo dos anos. Ás veces ten moita máis transcendencia unha pequena acción que unha decisión política en teoría de amplísimo alcance. O mundo constrúese aos poucos, sen dúbida.

Preside a asociación de Avelino Díaz, que cre que o fai merecedor de ser homenaxeado o 17 de maio?

A súa condición de grande poeta, sen dúbida, pero tamén a súa condición de activista cultural e de loitador pola identidade galega. Calquera que se poña a pescudar na biografía de Avelino darase conta de que estamos diante dun intelectual de primeira fila, a pesar de ser, esencialmente, autodidacta. Que sexa un grande poeta non é xa unha afirmación nosa, senón que puidemos contrastala debidamente. Un Día das Letras faría un pouco de xustiza con el.

Que lección aprendeu do Poeta de Meira nesta andaina?

Moitas. Sobre Avelino estamos aprendendo día a día. Cando comezamos movíanos sobre todo o noso afán de veciños, pero despois fomos reafirmándonos na idea de que se trata dun grande poeta. Se algo importante aprendín foi a partir do seu periplo vital, non tanto do que hai escrito sobre el, senón das testemuñas directas, da súa familia, por exemplo. O importante é ser persoa, e a figura de Avelino transcende o estritamente literario.

Pode ser que non se consiga, pero aínda así, deixan moito traballo feito. Con que se quedaría?

Pode ser que non se consiga, naturalmente, pero iso para nós non é o fundamental. Estamos contribuíndo á divulgación da súa vida e da súa obra, e iso é o importante en primeiro lugar. Quedaríame co grupo de persoas e entidades tan plural que logramos formar. Xente de todas as condicións. Avelino sacaría, con orgullo, a súa eterna pucha para saudar o procedemento en si. O demais, case debe ser secundario.

Canta xente está implicada?

Eu diría que practicamente todo Meira e todo Riotorto participan de algún modo. Existe unha asociación, naturalmente, pero tamén hai grupos musicais preparando versións de poemas de Avelino, artistas concibindo obras a partir deles, políticos facendo xestións para conseguir medios, persoas negociando coas editoriais para lograr a reedicións das obras...

Tamén traballa a prol da posta en valor dos xogos tradicionais. Os nenos de hoxe saben xogar?

Os xogos tradicionais infantís non desapareceron nunca, aínda que minguasen na súa vixencia pola proliferación dos xoguetes modernos. Pero isto sucedeu sempre ao longo da historia da humanidade. Os nenos e nenas de hoxe saben xogar, claro que si, e saben xogar aos xogos de sempre tamén, pero as súas circunstancias vitais cambiaron moito, e diso habería que falar con calma. Un neno non pode estar metido todo o día en actividades regradas, sexan a aula en si ou as chamadas extraescolares. A vida debe ser algo máis natural e no mundo hai moito que aprender e que experimentar.

Comentarios