A escrita de Paco Martín (1940) trata sobre Lugo, a cidade natal e vivida; aínda que haxa novelas nas que busca o principio lonxe, como acontece con Mr. Smith e a festa murada. Presentouna o venres na Feira do Libro de Lugo, recén saída do forno da editorial Galaxia.
Adianta que "Mister Smith traballa no fondo dunha pastelería de Londres. Tócalle a lotería e cadra con que cerran o negocio". A pesar de que o pasteleiro londinense "ten unha escasa cultura, ten moito lido sobre os exploradores do século XIX", así que "cando se atopa rico" calcula que "pode cumprir o soño de pertencer a un club de gentlemen ingleses e facer unha descuberta", polo que busca "un sitio onde viva xente atrasada á que poder descubrir".
No transcurso desa procura, "contacta cunha galega que lle di que procede dun lugar que ten un muro que cerra a cidade". Daquela, "cítanse nun café, unha cita na que ela lle cobra polo tempo do encontro porque aprendeu dos ingleses que nada é gratis, e na que lle fala da cidade", que é un trasunto de Lugo.
Despois de viaxar á cidade amurada, "ocórrenlle unha serie de cousas e coñece unha bielorrusa, que é moi guapa e ten trato cun policía". Os tres veranse implicados "nun misterio".
Paco Martín seguiu narrando a súa obra indicando que Mr. Smith vese no medio dun grupo de romanos e outro de castrexos "tocando tambores", polo que deduce que "se trata de xente que baixa do monte". Interésalle porque poden ser o obxecto do seu descubrimento, pero sente a decepción de que "lle revelan que están caracterizados para unha festa".
O autor lugués comenta que a idea de Mr. Smith e a festa murada xurdiu de que "cando é o Arde Lucus montan cristos cos tambores", imaxinou que alguén chegado de fóra, que non coñece a cidade, "se atopa no medio de patricios, matrias e centurións". "Pregunteime sobre o que pensaría un inocente coma min, un infeliz coma eu, se se vise nesa situación; menudo susto levaría!". As expedicións atraían a Paco Martín cando era neno como a Mister Smith, "aínda que a el non lle funciona", pero vive unha aventura no sentido de que en Lugo "atopa unha xente, namora, desenamora,..."
Mr. Smith e a festa murada trata do Lugo actual a través dunha visión que o deforma como algo antigo.
"Eu non son melancólico, pero si boto en falta certas persoas, unha forma de ser", sinala.