Los lucenses Manuel María y Xela Arias y Carballo Calero, candidatos a las Letras Galegas

A Real Academia Galega deu a coñecer a terna dos escollidos. O nome do homenaxeado será decidido o día 4

Manuel María, Ricardo Carballo Calero e Xela Arias serán os candidatos entre os que o pleno da Real Academia Galega decidirá ao homenaxeado no Día das Letras Galegas 2016.

A institución académica desvelou as candidaturas que conseguiron os avais onte e anunciou que o plenario se reunirá o próximo día 4 para tomar unha decisión sobre a figura á que dedicará as Letras do próximo ano, e que se fará pública ese mesmo día.

Estas tres figuras xa foron candidatas durante o proceso do que resultou elixido Xosé Filgueira Valverde como homenaxeado de 2015, e que suscitou unha gran polémica.

A vida de Manuel María (Outeiro de Rei, 1929-A Coruña, 2004) caracterizouse tanto por unha extensa obra poética coma polo seu profundo compromiso político co nacionalismo galego e a recuperación da cultura galega na clandestinidade, durante o franquismo. Os temas dos seus textos abordan dende a voz existencialista e o amor, ata o compromiso social e político. Referencia no panorama literario da segunda metade do século XX, pola amplitude dos seus rexistros, das súas propostas e da súa temática: intimismo, paisaxismo, socialrealismo crítico ou satírico, preocupación relixiosa, reivindicación lingüística...

Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910-Santiago, 1990) destacou polo seu carácter polifacético. Licenciado en Dereito e en Filosofía e Letras, primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da USC, secretario do Seminario de Estudos Galegos e defensor do reintegracionismo, estivo dedicado tanto ao ensaio, coma á narrativa, a poesía ou o teatro. Carballo Calero está vinculado a Lugo porque deu clases e dirixiu o Colexio Fingoi durante quince anos, entre os anos 1950 e 1965. Ademais da súa extensísima obra ensaística, cultivou a poesía -‘Vieiros’, 1931; ‘Poemas pendurados dun cabelo’, 1952; ‘Pretérito imperfeito’, 1980; ‘Cantigas de amigo e outros poemas’ 1986; ‘Reticências’, 1990-, o teatro -‘Catro pezas: a sombra de Orfeo’, ‘Farsa das zocas’, ‘A arbre’, ‘Auto do prisioneiro’, 1971; Teatro Completo, 1982- e a narrativa -‘Xente da Barreira’, 1950; ‘Scórpio’, 1987-.

A traxectoria de Xela Arias Castaño (Lugo, 1962-Vigo, 2003), falecida con só 41 anos de idade, estivo marcada pola súa obra poética e tradutora, formando parte do primeiro equipo de Edicións Xerais. Dos seus textos, destaca a edición do seu poemario ‘Tigres coma cabalos’, unha obra que xerou impacto no panorama literario galego no ano 1990.

Comentarios