Oliver Laxe programa un cásting para este sábado en Navia de Suarna

O director busca actores non profesionais para a súa nova película, 'Aquilo que arde' ►O filme rodarase este verán na casa dos avós do realizador no propio municipio
Oliver Laxe
photo_camera Oliver Laxe

Oliver Laxe busca actores que non sexan profesionais para a súa nova película, ‘Aquilo que arde’, un filme que ten como trasfondo os incedios forestais. O director coruñés programou un cásting para este sábado na casa consistorial de Navia de Suarna que durará todo o día.

Laxe xa traballou con actores sen experiencia en interpretación en ‘Todos vós sodes capitáns’, con nenos acollidos nun centro de Tánxer. Desta volta procura mulleres de máis de 60 anos e homes 40 anos en diante. Aínda así, a convocatoria sinala que serán benvidos nenos, adolescentes, e xente maior a unhas probas de selección que se farán no salón de plenos do Concello de Navia de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas.

A localización da nova película será na casa dos avós maternos, nun lugar do propio municipio de Navia de Suarna e próximo a Cervantes, ao que conducirá a un grupo de alumnos do Máster en Documental de Creación da Universitat Pompeu Fabra, de Barcelona no próximo verán.

‘Aquilo que arde’ rodarase en galego, coescrita por Laxe e Santiago Fillol, ambos os dous autores tamén do guión de ‘Mimosas’. A fotografía, nesta ocasión, correrá a cargo de Diego Romero, director de fotografía das longametraxes de Roberto Minervini (‘Stop the Pounding Heart’ e ‘The Other Side’), así como de títulos recentes como ‘Sicixia’, de Ignacio Vilar, ou ‘Migas de pan’, de Manane Rodríguez.

A película trata os incendios, pero non quere concienciar, senón tratar de comprender os que lles prenden lume aos montes

O realizador explica o argumento coa sinxeleza de que trata sobre un home que sae da casa e volve, pero esa pequena trama vaille servir para contar o seu interese «polo pirómano que habita en nós».

«Todos temos unha relación estética co lume, todos temos ante el unha relación de fascinación e medo. Unha paixón e hipnose excesiva que pode chegar a ser un estado de embriaguez e de transo. Un dos meus obxectivos á hora de filmar o lume será o de espertar esta pulsión de atracción do espectador ante o lume», asegura o director premiado en Cannes.

Lonxe do «paternalismo» dun proxecto pensado para concienciar, a súa intención pasan por quitar o seu lado «máis provocador», cun achegamento «bastante metafísico e plástico» ao lume. Con ‘Aquilo que arde’ pretende «redimir» a un personaxe «vilipendiado e demonizado».

Comentarios