Oliver Laxe: "Gústame o sensible desta xente"

A casa consistorial de Navia de Suarna encheuse este sábado de aspirantes a actores que quixeron probar sorte para facerse un oco na terceira longametraxe do reputado cineasta Oliver Laxe

Navia de Suarna amencía onte con frío e empapelada coa convocatoria do cásting para a nova película de Oliver Laxe: na porta dos bares, dos comercios e do Concello, onde tivo lugar a selección, que xuntou a un bo número de aspirantes. Xente de toda a provincia –esa é a idea do mozo e reputado cineasta– achegouse ata esta vila da montaña luguesa para probar sorte.

Gandeiros, mestres, desempregados, tendeiras e ata xornalistas. Tamén se deixaron caer pola casa consistorial naviega moitos actores e actrices de teatro afeccionado. Laxe quere traballar con xente da provincia e preferiblemente, ao igual que nos seus anteriores proxectos, con persoas sen bagaxe no cimena.

Neste novo traballo, titulado ‘Aquilo que arde’, o cineasta pon o seu foco nos Ancares lucenses, de onde procede parte da súa familia, incidindo en Navia de Suarna, Becerreá ou Cervantes, pero tamén en lugares como Viveiro. Aínda que non remataron os traballos de localización é posible que se sumen outras comarcas, co que a rodaxe terá lugar practicamente en toda a provincia de Lugo.

Dun xeito encantador, quen este ano acaba que recibir o Grande Premio da Semana da Crítica do Festival de Cannes por ‘Mimosas’ -proxectada en salas de toda España menos en Lugo-, recibía onte a todos os seus convidados no Concello de Navia. E cando se entusiasmaba con algún comentario soltaba un "¡Súper!", como alguén gozando ao grande.

"A verdade, é unha sorpresa. Nótase que isto de facer unha película lles interesa, que se solidarizan, que queren axudar", comentaba Laxe sobre as once da mañá de onte, cando xa había apuntadas unhas vinte personas para as probas, ao tempo que destacaba que recibiran uns 300 correos electrónicos, e tamén daba as grazas ao Concello de Navia pola súa axuda.

"Precisamente o que me gusta da xente de aquí -en referencia á xente da provincia- é o seu carácter introvertido, a súa sensibilidade no interior", suliñaba.

El non está falto tampouco de sensibilidade, de cariño, de bo humor. Notouse onte nun cásting que lonxe de protocolos e formalismos -pero sen perder o rigor que tanto lle presta- foi unha sorte de reencontro con vellos coñecidos aos que incluso invitou a comer, e no que tivo ocasión para chancear como anfitrión. Si, el que parece tan intenso.

"Se me ves por aí e non te recoñezo, avísame", dicíalle a un dos aspirantes de Vila de Mouros, que admitía non ter oído falar del antes da convocatoria que descubrira no Facebook. "Si, si, agora xa sei quen es". Incluso deulles tempo a departir sobre o mal que anda o sector primario, pois a profesión do rapaz, David, é a de gandeiro. "Algúns reforzos xa están vindo", concluía Laxe optimista.

Tamén bromeaba con Elena, por exemplo, unha veciña de Lugo afeccionada ao teatro e que recoñecía que ía "vivir a experiencia" e de paso, "coñecer Navia e comer por aquí". "Pois eu son accionista de todos os restaurantes de Navia", respondíalle Laxe entre risos.

Estrella, de Vilalba, relatou a súa traxectoria no teatro afeccionado e confesou o medo que pasou de camiño á vila, coa xeada e a estrada de montaña. Case unha odisea para ela, que o cineasta agradeceu agarimosamente.

Todos buscaban onte un oco en ‘Aquilo que arde’, a terceira longametraxe do realizador galego, sobre a historia dun pirómano. Unha cinta que se rodará en galego que está coescrita por Laxe e Santiago Fillol, ambos os dous autores tamén do guión de ‘Mimosas’.

‘Aquilo que arde’, que conta co apoio económico de TVG e Agadic, é unha película iniciativa do Máster en Documental de Creación (Idec-Universidad Pompeu Fabra), un referente a nivel internacional na produción de películas como ‘En construcción’, de José Luis Guerín. No caso deste novo proxecto, nove alumnos do máster acompañarán a Laxe durante a estancia nos Ancares, que será a base de operacións dende a que este grupo de cinema desenvolverá o filme.

Comentarios