"Oliver Laxe é cariñoso, non martiriza e non levanta a voz a ninguén"

O fonsagradino Amador Arias e a corguesa Benedicta Sánchez están en Cannes, onde se presenta a última película de Laxe

Amador Arias, Benedicta Sánchez e Oliver Laxe, na rodaxe de 'O que arde'. NUMAX DISTRIBUCIÓN
photo_camera Amador Arias, Benedicta Sánchez e Oliver Laxe, na rodaxe de 'O que arde'. NUMAX DISTRIBUCIÓN

"Vértigo por participar no Festival de Cannes? Nada. Moito cariño, orgullo galego e todas as ganas do mundo. Tentarei de facelo o mellor que poida, ser eu mesmo e xa está. Eu non me poño nervioso, de feito, en situacións así baixanme as pulsacións do corazón, báixame a temperatura do corpo, son un home moi tranquilo que só quere gozar do que fai".

Son as palabras, nada máis aterrar en Niza (Francia), do actor amateur fonsagradino Amador Arias Mon, coprotagonista xunto con Benedicta Sánchez de O que arde, a última película do director Oliver Laxe, e a primeira en galego que participa no festival de cine de Cannes. A cinta, na que tamén participa Santiago Fillol como guionista, proxéctase este martes na sección Un Certain Regard en presenza deles.

"A experiencia de rodar por primeira vez foi fenomenal", di Amador Arias. "Oliver fai que dependas de ti mesmo, non te martiriza, é cariñoso, sabe explicar e non levanta a voz a ninguén. Sabe moi ben o que quere e grazas á súa paciencia todo saíu perfecto".

O actor lugués recoñece que lle encanta "o cine de autor, ese cine que fan os xaponeses das montañas, polo que eu estiven moi cómodo na rodaxe e coa dirección de Oliver, que foi extraordinaria", recoñece o actor lugués.

A oportunidade de participar na súa primeira película chegoulle de casualidade. "Vin o cásting por internet e baixei ata Navia de Suarna, onde falamos, e falamos e falamos ata que ao final logrei o papel, que foi unha grande responsabilidade para min", asegura Amador.

Respecto á experiencia diante das cámaras, Amador subliña que o máis difícil foi "aguantar o clima". "Gravamos nunha época de inverno moi fría e noutra de verán na que non te podías mover, por iso dos aparellos para controlar a luz e o sonido, e fíxose moi duro nalgúns momentos", recorda o protagonista da película.

Xa en Cannes, Amador Arias recoñece que é unha experiencia das que non se olvidan. "É unha anécdota máis, pero sobre todo é única. Vir aquí non pasa todos os días, queda para sempre", di un orgulloso actor que asegura que xa non ve as películas como as veía antes.

"Antes era moi crítico, pero agora cambioume a maneira de ver o cine despois de estar dentro dunha película. Agora non as vexo como un simple espectador, agora penso se puxeron esto, se non utilizaron aquilo... é unha visión máis analista", engade.

Amador Arias colleu este luns un avión en dirección a Francia acompañado pola outra protagonista, a corguesa Benedicta Sánchez -a nai de Amador na ficción-, o director Oliver Laxe e unha das productoras executivas do filme, Andrea Vázquez. "Non sei se será a única vez que participe nunha película, pero o que si que sei e que hai xéneros que non quero facer", di o actor.

"Nas revistas lemos que un grupo de españois presenta unha película en Cannes, pero podería ser un grupo de galegos ou mesmo un grupo de lucenses. Cada un ten a nación donde a mire", asegura. "Agradecido sobre todo a Oliver por esta oportunidade e ao equipo de 50 persoas que participou na rodaxe da película", conclúe.

Reflexión sobre os incendios forestais
O que arde é a terceira longametraxe de Oliver Laxe (París, 1982), un filme rodado nos montes dos Ancares no que se reflexiona sobre a problemática dos incendios forestais que vive Galicia, a piromanía e as relacións veciñais.

A película conta como Amador Coro —Amador Arias— sae de prisión tras ser condenado por provocar un incendio. Regresa ao seu pobo, illado nas montañas, no máis profundo da Galicia rural, onde vive coa súa anciá nai, Benedicta —Benedicta Sánchez—, e tres vacas. As súas vidas transcorren lentamente, ao ritmo da natureza ata o día en que o lume aparece para devastar a zona.

18 películas
Laxe compite na sección Un Certain Regard, que conta con 18 películas, xunto a directores como Albert Serra ( Liberté), Bruno Dumont (Jeanne) ou Christophe Honoré (Chambre 212). O que arde é unha coprodución de España, Francia e Luxemburgo, na que participa a galega Miramemira. Conta co apoio de Agadic, TVG e Deputación de Lugo, entre outras entidades.

 

Comentarios