martes. 20.10.2020 |
El tiempo
martes. 20.10.2020
El tiempo

Olga Novo: "O libro é o encontro da miña filla co meu pai"

A escritora brollonesa gañou o Premio da Crítica Española por 'Feliz idade'

Olga Novo sentiu "un fogonazo". Soubo que sería nai. Naceu Lúa. Contouno na casa. "O pai ancestral e a filla posmoderna" falaron "baixo unha pereira" sobre o significado da vida, desa vida. O pai enfermou dunha doenza que o devolvía dende os 84 anos á infancia. Jaime lembraba os seus xogos de cativo e ensináballos a Lúa. "Volvíase neno cando xogaba con ela. Ese encontro entre unha vida que empeza e outra que se vai, esa felicidade de estar xuntos, está na orixe de Feliz idade", o libro que foi galardoado este domingo co Premio da Crítica Española como mellor libro de poesía en galego.

[Olga Novo. ANA MOSQUERA (LUZES)]

Olga Novo. ANA MOSQUERA (LUZES). JPG

Sendo un labrego, Jaime dende sempre empezou a comunicarse coa filla, Olga, na sinxela e expresiva lingua dos "paxariños", a través de xestos e caricias.

O ciclo de Feliz idade empezou hai sete anos coa vinda ao mundo de Lúa, seguiu coa enfermidade de Jaime e pechouse coa publicación de Feliz idade -primeiro, en Kalandraka; agora, traducido, en Olifante-. Olga Novo destaca que ser recoñecida pola Asociación Española de Críticos Literarios «é unha felizidade, coma o título», pero quere manter esa alegría fóra da cadea que formaron a neta e o avó con ela mesma como nexo. O libro é o rexistro desa ledicia que se transmitiu "dunha xeración a outra como testemuña da vida do rural", que os tres protagonistas compartiron en Vilarmao (A Pobra de Brollón).

O nacemento da filla, Lúa, que se cruza co pasamento do seu pai, motivou esta obra

"Na escrita evoquei ese momento falando baixo a pereira co meu pai, que para min era un tótem da cultura labrega", comenta Olga Novo, profesora de ensino medio en Monforte.

Aínda que laboralmente está na docencia, "continúo vinculada a este mundo", comentaba onte dende o lugar onde naceu no ano 1975. Insiste en transmitilo nunha poesía que equipara "os elementos do mundo labrego cos elementos da vida académica", o tractor do pai con Borges.

Esa mestura foi servéndolle para escribir Feliz idade ao longo de 7 anos, «que é un número simbólico. Sete anos forman un ciclo de vida e o libro ten sete partes», que rematou canda o loito. Olga Novo dálle alma a ese período cun limiar que abre o poemario, onde lle explica a Lúa o sentido de que escriba eses poemas.

"Ese encontro dunha vida que empeza e outra que se vai está na orixe", sinala a autora

"Escribo por necesidade de facelo, non por unha cuestión estética ou editorial; escribo sobre momentos esenciais da miña vida". Nesa necesidade estaba implícita a lembranza do pai finado. "Dediqueille unha parte chamada Zona tigre. Pensei en dedicarlle unha elexía, pero non puiden escribila.Unha elexía é algo triste e o meu pai era vitalista. Non lle gustaría que o recordase con tristeza, así que non me deixou escribir a elexía".

A enerxía que percorre o poemario é a felicidade, que Olga Novo define como "os momentos que compartimos coas persoas que queremos". Ese cariño xenera unha harmonía que a poeta conecta coa «harmonía fractal», que explica como o equilibrio "do universo enteiro", que ela atopa en elementos abundantes e comúns coma os fentos. "Os fentos teñen unha estrutura que se repite", unha harmonía feliz.

Olga Novo: "O libro é o encontro da miña filla co meu pai"
Comentarios