A obra 'Elisa e Marcela', a gran triunfadora dos María Casares, chega este venres a Lugo

A montaxe, que se representará ás 20.30 horas no Gustavo Freire, é unha comedia musical sobre o primeiro matrimonio homosexual

Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro son A Panadaría
photo_camera Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro son A Panadaría. EP

Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro son A Panadaría, unha compañía de teatro creada por tres mulleres do treito final dos oitenta tan paradigmáticas do que é a Galicia de hoxe que unha delas naceu no país e, as outras, en Bos Aires e Suíza. A súa máis recente montaxe, Elisa e Marcela, a gran triunfadora este mércores nos premios María Casares do teatro galego, representarase este venres ás 20.30 horas no auditorio Gustavo Freire de Lugo.

Elisa e Marcela, unha aproximación en clave de comedia musical ao primeiro matrimonio homosexual do que se ten rexisto en territorio español, mereceu os galardóns de mellor espectáculo, mellor texto orixinal, mellor dirección e mellor actriz protagonista, para Areta Bolado.

A montaxe está a ser un auténico éxito en todo o país. Mentres tivo onte lugar esta conversa, A Panadaría viña de representar pola mañá no Rosal e estaba a ultimar os detalles para actuar na Guarda. Explica Areta Bolado que teñen datas confirmadas ata final de ano e que, nalgún emprazamento, tiveron que organizar "rebolos", posto que esgotaron as entradas que se puxeran á venda.

Houbo un contacto con A Panadería por parte da contorna de Isabel Coixet. Oxalá puidese achegarse a ver algunha das nosas representacións

Comenta, así mesmo, que é unha ledicia poder por fin representar este espectáculo na cidade de Lugo e asegura que resulta complicado para elas actuar na capital bimileriaria. "Temos ido un monte de veces a Ribadeo, por exemplo, e con Lugo é dificilísimo; a ver se muda a tendencia".

A historia de Elisa Sánchez Loriga e Marcela Gracia Ibeas é a de dúas mozas que namoraron no cambio do século XIX ao XX na Coruña, mentres estudaban na Escuela Normal de Magisterio. Lograron burlar á Igrexa e á Policía e en 1901 casaron na parroquia coruñesa de San Xurxo. Malia que o engano foi descuberto, aquela acta matrimonial nunca foi anulada. Areta Bolado asegura que a aproximación de A Panadaría a esta aventura "é unha road movie con comedia brava". Por riba, incorpora música vocal en directo —"algo moi esixente"—, composta por Ailén Kendelman.

Esta actriz e pedagoga coincide en que a presenza de compañías como A Panadaría, que realizan comedia descarada, supón unha ruptura de paradigma nun mundo escénico no que determinado tipo de humor semellaba que estaba reservado aos homes. "A comedia énos moi acaída para facermos crítica contra o poder, desde a perspectiva que non outorga sermos mulleres, ademais".

Asegura Bolado que moitas persoas desconfiaran, a priori, de que o amor de Elisa e Marcela puidese agochar unha comedia e ten por certo que a aproximación que quere realizar a directora Isabel Coixet en forma de película terá outro ton. "Imaxino que será máis ben un drama de época", aventura.

"Considero moi positivo que máis voces queiran falar de Elisa e Marcela, que son un referente LGTBI en tantos países do mundo; o seu caso tería saído hoxe na ¡Hola! ou na Cuore; foi unha cousa moi mediática", enfatiza, ao tempo que descobre que houbo un contacto con A Panadería por da contorna de Isabel Coixet. "Oxalá puidese achegarse a ver algunha das nosas representacións".

Comentarios