Jueves. 18.10.2018 |
El tiempo
Jueves. 18.10.2018
El tiempo

"O oficio dos ferreiros desaparece, pero segue habendo moita demanda"

De esquerda a dereita, Paloma Vela, José M. Salgdo e Toño de Manán. MARCOS LÓPEZ
De esquerda a dereita, Paloma Vela, José M. Salgdo e Toño de Manán. MARCOS LÓPEZ

Afundación e o Museo do Pobo Galego presentaron en Lugo a mostra de fotografías 'A Idade do Ferro', do fotoxornalista José M. Salgado, que retrata este oficio nos vales dos ríos Eo e Navia

Afundación, a Obra Social de Abanca, en colaboración co Museo do Pobo Galego, presentou este mércores en Lugo a exposición fotográfica 'A Idade do Ferro', obra do fotoxornalista José M. Salgado. Na rolda de prensa interviñeron o autor das fotografías, José Manuel Salgado; o ferreiro en activo Toño de Manán, e a coordinadora adxunta de Cultura de Afundación, Paloma Vela Garicano.

A mostra poderase visitar ata o vindeiro 14 de xullo na sede Afundación de Lugo,de luns a sábado en horario de 18.00 a 21.00 horas.

Esta exposición é o froito do traballo durante catro anos, entre 2014 e 2018, do fotoxornalista José M. Salgado dentro da área xeográfica das cuncas dos ríos Eo e Navia, tanto na súa vertente lucense como asturiana, na busca dos últimos ferreiros das comarcas da Fonsagrada, Terra de Miranda, Oscos e Taramundi. En calquera caso, o ámbito xeográfico abarcado non se limita a esa zona, xa que a mostra tamén inclúe dous ferreiros de Lugo e O Corgo.

Este ensaio fotográfico leva o espectador para coñecer intimamente as xentes do ferro, os maiores, xa retirados en moitos casos, os traballadores en activo e as novas incorporacións (nalgún caso, como nos Oscos, de xentes foráneas) que dan alento a unha profesión milenaria. Tamén se deixa entrever claramente a influencia dos ferrones vascos e navarros que emigraron ao longo dos séculos XVI, XVII e XVIII desde Euskadi e Navarra a Asturias e Galicia e foron os responsables de boa parte das ferrerías hidráulicas galegas e asturianas.

Na presentación estivo Toño de Manán, un dos ferreiros fotografados por José M. Salgado que protagonizan esta mostra

O traballo de José M. Salgado explora, ademais da paisaxe humana, os escenarios xeográficos e os vestixios industriais da Idade Moderna, cando nesta zona limítrofe os traballadores do ferro se contaban por centenares. Son uns sesenta ferreiros, máis de medio cento de historias persoais na área europea con maior concentración, aínda hoxe, de forxas en activo. O fotógrafo tivo en mente os pioneiros da fotografía etnográfica de hai un século, Ferrer, Suárez, Ruth Mathilda Anderson ou W. Ebeling, quen percorreu igualmente os camiños, as forxas e mazos de Riotorto, así como as correntes contemporáneas do fotodocumentalismo. O que a exposición mostra, a pesar dun verniz aparentemente costumista, é a realidade no momento actual dunha actividade laboral en declive.

Do total dos ferreiros retratados, un bo número seguen en activo, especialmente nos municipios de Riotorto e Taramundi. No primeiro caso, o produto principal foi desde hai décadas as fouces de todo tipo que, ata os anos sesenta, se enviaban en enormes camións ás segas das dúas mesetas. No caso de Taramundi, a auxe do turismo rural na área desde hai trinta anos favoreceu a produción das navallas típicas da zona, que hoxe son a súa icona e lembranza principal.

Cada artesán ten o seu enfoque sobre a tradición. Algúns seguen con producións pequenas e o sistema de forxa tradicional; noutros casos, incorporaron certa mecanización. Un caso particular dentro do conxunto constitúeno os artesáns que actualmente traballan na comarca asturiana de Oscos: un austríaco, Friedric Bramsteidhl; unha xaponesa, Keiko, e o seu esposo José Román Toquero, natural de Valladolid. A súa presenza axuda a manter unha profesión, literalmente, milenaria.

José M. Salgado promove distintas actividades relacionadas coa difusión cultural, comisariado de exposicións ou edición de libros, entre outras. Acumula unha ampla experiencia no eido da documentación etnográfica, unha bagaxe que constituíu un impulso definitivo para esta mostra. "Animoume que non se tivera feito un traballo como este", dixo.

O autor pensa que a mostra "amosa unha comunidade, entre a que hai lazos familiares entre moitos deles. É unha comunidade non moi coñecida que segue habitando o val do Navia e do Eo. Case están un 50% por cento de xente de Lugo, de Riotorto, da Fonsagrada", suliñou.

Na presentación estivo Toño de Manán, un dos ferreiros fotografados por José M. Salgado que protagonizan esta mostra. Dedícase ao ferro a tempo completo, é a súa profesión, o que supón un raio de esperanza para a viabilidade das profesións tradicionais. É herdeiro dun patrimonio presente en Santa Comba (Lugo), a súa zona de orixe, e o seu traballo destaca por seguir producindo pezas como as fouces con técnica de corte, de gran tradición e símbolo dos ferreiros da zona. "Paréceme moi ben este proxecto; é un apoio aos ferreiros, que o merecemos", di.

"Do meu traballo gústame todo. Teño unha filla, pero non quere seguir co oficio; así que mal. No pobo non queda quen aprenda. Pero segue habendo demanda".

"O oficio dos ferreiros desaparece, pero segue habendo moita demanda"
Comentarios