O Museo Efémero de Pontevedra, aberto ata medianoite

As excavacións arqueolóxicas que compoñen o Museo Efémero da Ponte do Burgo abrirán este sábado por primeira vez en horario nocturno. Segundo informou o concello de Pontevedra, con esta medida quérense fomentar as visitas máis lúdicas, “para ver as excavacións arqueolóxicas máis dende os sentidos que dende un punto de vista documental, como sucede durante o día".

Para isto, instalouse unha iluminación especial que mañá se estreará. O museo estará aberto ata as 00:30 horas. Os que prefiran unha visita máis tradicional e se acheguen ao xacemento durante o día, poderán contemplar os traballos de excavación en directo, que continuarán no conxunto arqueolóxico polo menos durante un mes máis.

Arqueoloxía urbana
Na actualidade, os traballos principais deste xacemento ocupan aos arqueólogos na zona existente entre a muralla urbana do século XVI e o malecón portuario "polo que o máximo interese se centra nos impresionantes piares de madeira que sostiñan a plancha portuaria", segundo informa o concello de Pontevedra.

A idea do consistorio para este conxunto arqueolóxico urbano é convertelo nunha área museística permanentemente enmarcada na recuperación da Ponte do Burgo e a reforma do segmento litoral Burgo-A Barca.

Este novo horario do Museo efémero manterase ata o 1 de setembro. De luns a venres permanecerá aberto ao público dende as 9 ás 19 horas, os sábados entre as 12:00-14:00 e as 17:30-00:30; e os domingos de 12:00 a 14:00 horas.

Comentarios