O Morrazo énchese de folk co Festival Intercéltico

Cartel do Festival Intercéltico 2007
photo_camera Cartel do Festival Intercéltico 2007

O XXIII Festival Intercéltico do Morrazo arrinca hoxe no concello pontevedrés de Moaña con obradoiros, teatro, danza e pasarrúas. Dende hoxe e ata o 4 de agosto mestres recoñecidos do folclore impartirán obradoiros de instrumentos de baile tradicional.

Así, Iván Costa se encargará das clases de gaita, Alberto Costas da percusión, e Sergo Cobos de baile galego, mentres que Mercedes Prieto se encargará das danzas europeas.

O xoves haberá contacontos a partir das 20.30 horas con 'As Penekas'. Unha hora máis tarde, o trío Mala-Herba ofrecerá a primeira actuación musical da semana. O venres, Codia e Miolo ofrecerán unha sesión de teatro ás 21.30 horas no Paseo Marítimo, antes dos concertos.

A partir do venres, sucederanse os grandes concertos do festival, aínda que sen esquecer as outras actividades, como o pasarrúas da fin de semana ás 11.30 horas, os malabares previos aos concertos ou a actuación de 'Os Chaneiros' de Marín ás 20.30 horas. O baile tradicional, os malabares e o teatro pecharán as actividades a última hora do domingo.

Concertos de balde
A meirande parte dos concertos do festival, integramente gratuítos, concentraranse entre o venres e o domingo. Os asistentes poderán disfrutar deles e despois descansar de balde na zona de acampada gratuíta habilitada na Xunqueira.

Así, o grupo de folk asturiano Blima, os galegos Serra-lhe aí!!! e os vascos Korrontzi tocarán o venres no campo de fútbol da Xunqueira en Moaña. O sábado predominará a presenza galega, coas actuacións de Pé de Boi, Quempallou e Mercedes Peón. O domingo, Xochilmica e os veteranos Oskorri pecharán a edición máis vasca do festival moañés.

Comentarios