martes. 19.10.2021 |
El tiempo
martes. 19.10.2021
El tiempo

"O interior de Galicia é toda unha potencia europea en patrimonio literario"

Elba Rei, a viúva de Novoneyra, entre Nieves Neira e Antón Lopo. MARCOS LÓPEZ
Elba Rei, a viúva de Novoneyra, entre Nieves Neira e Antón Lopo. MARCOS LÓPEZ

O poemario 'Os eidos' de Uxío Novoneyra ve a luz nunha nova edición de Chan da Pólvora, que foi presentada no Centrad de Lugo

Está certo Uxío Novoneyra, o fillo do poeta do mesmo nome, que cómpre unha edición de Os eidos, o seminal poemario que o seu pai publicou en 1955, para cada xeración. Os eidos para millennials chega da man da editora Chan da Pólvora do monfortino Antón Lopo, un volume que foi presentado na tarde do venres no Centrad de Lugo.

Esta nova aproximación a Os eidos está integrada na Biblioteca de Mesopotamia, unha colección para autores da contorna que, no caso do texto de Novoneyra, inclúe un prólogo da tamén poeta da Pobra do Brollón Olga Novo, deseño de Manolo Martínez e un glosario, denominado As cores do ucedo, realizado por Emilio Araúxo.

"O seu é un traballo de máis de quince anos de acompañar a Uxío, de recoller as súas opinións e de anotar ideas de lingua sobre conceptos que agora aparecen reflectidos no libro", apunta o fillo.

Os eidos naceu dunha convalecencia de Novoneyra, afectado por unha pleuresía, e constitúe o inicio dunha poética na que o persoal se dilúe no común.

Exemplifica Uxío Novoneyra a conexión do autor e o seu mundo arredor na seguinte listaxe: "A Selva Negra para Heidegger, Dublín para James Joyce, a Terra Chá para Manuel María, Rianxo para Manuel Antonio e o Courel para Uxío Novoneyra". No caso das terras do interior de Lugo, enfatiza, prodúcese asemade unha actividade creadora que cre que non ten parangón. "Neste Ano Europeo do Patrimonio debéramos ter en conta que o patrimonio literario, o número de autores de calidade, do interior de Galicia, o que no sur da provincia de Lugo chamamos a redonda, fai destas terras unha auténtica potencia no continente. Isto, ademais, ten a súa réplica da cidade de Lugo cara ao Norte na Terra Chá. É algo do que deberamos estar orgullosos".

A paisaxe da serra do Courel é protagonista de Os eidos, pero ao igual que o territorio é "un patrimonio antropizado; unha paisaxe humana grandísima", o fillo de Novoneyra considera que a obra de seu pai transcende a "lírica de paisaxes". Os eidos, apunta, soporta "diferentes niveis de lectura. Eu podo comprobalo porque visito moitos institutos e é unha das lecturas do temario de cuarto de Eso e tamén para selectividade. Non é o mesmo ler Os eidos de adolescente que despois de adulto".

A actividade da fundación Uxío Novoneyra, que preside Elba Rei, a viúva do poeta -este venres participante na presentación celebrada en Lugo- concretarase nos vindeiros meses en novas iniciativas como a busca de apoios para a tradución de Os eidos ao inglés.

"Queremos que o faga a autora canadense Erín Moure, que xa verqueu tamén ao inglés A distancia do lobo, a biografía novelada de Novoneyra escrita por Antón Lopo, e Dos soños teimosos. Moure é unha autora que procede das montañas de Canadá e que visita O Courel para entrar no universo de Novoneyra, imbúese nel. Traducir poesía é moi gravoso, porque cada poema supón 25 euros e Os eidos son 240 poemas. Cremos que é unha proposta básica cando se van cumprir os vinte anos do seu pasamento e procuraremos mobilizar os recursos", asegura o fillo.

Na presentación en Lugo, Elba Rei estivo acompañada polo editor, Antón Lopo, e o deseñador, Manolo Martínez, ademais da responsable de Cultura da Deputación de Lugo, Pilar García Porto.

"O interior de Galicia é toda unha potencia europea en patrimonio...
Comentarios