El inspector Leo Caldas pasa de la novela al cine con Gerardo Herrero

O inspector Leo Caldas pasará de protagonizar as novelas do escritor vigués Domingo Villar a protagonizar a versión cinematográfica de 'A praia dos afogados', o segundo libro da serie. O produtor Gerardo Herrero está volcado neste proxecto a través da súa empresa, Tornasol Films, que conta coa colaboración da coruñesa Milú Films.

O proxecto está na fase de escrita de guión, na que Domingo Villar decidiu manterse á marxe. A rodaxe está prevista nos escenarios que se describen na novela, Vigo e as Rías Baixas.
A novela anterior que protagoniza Caldas, 'Ollos de auga', foi tamén considerada, pero escritor e produtores inclináronse pola seguinte. Domingo Villar recoñece que os personaxes danse a coñecer en 'Ollos de auga', «pero a súa función nesa novela era unicamente  servir para o desenvolvemento da historia; están trazados con pincel gordo, sen entrar en detalles da súa vida», cando si se parou máis en darlle corpo en 'A praia dos afogados'.

O novelista explicou que houbo «unha produtora» que mercou unha opción para comprar os dereitos cinematográficos de 'Ollos de auga', «pero non me apetecía facela», asegura Domingo Villar, «porque ten unhas implicacións que temín non poder controlar e preferín tomalo con calma». O autor segue aínda convencido de que acertou na decisión.

Vaca Films, tamén radicada na Coruña e popular por 'Celda 211' adquirira en 2007 a primeira novela de Villar para a súa adaptación á pantalla coa previsión de que a dirixise Jorge Coira nun guión compartido con Carlos Portela. Ambos os dous traballaron no texto con vistas a filmalo no verán do 2008, pero a produtora acabou renunciando ao proxecto.

Luthería
Domingo Villar está escribindo o terceiro volume da serie protagonizada por Leo Caladas. O novo crime que terá que resolver será cometido na Escola de Artes e Oficios de Vigo, «porque me interesa ese mundo de música e docencia, os obradoiros de luthería». O escritor adiantou que «será moi urbana, pero con viaxes ao Morrazo». A maiores de revisitar os seus escenarios máis queridos, Villar prometeu que o novo texto volverá ter «unha temática intrínsecamente galega»

A diferenza de 'Ollos de auga' e  ao igual ca 'A praia dos afogados', esta terceira novela será «de longo alento». Desvela que non se trata dunha petición editorial, «senón que saen así para poder contar coa fondura precisa».

Como adoita facer «estou escribindo en galego e ao tempo, vou traducindo ao castelán». Cando remate Galaxia e Siruela publicarán a obra e Domingo Villar perderá a conta das edicións vendidas.

Comentarios