El IES de Guitiriz perpetúa con un libro y una ruta en O Vilariño a Díaz Castro

'Brinca o río' e 'A aldea do neno Pepe' son froito do traballo desenvolvido o curso pasado
Aguiar, Outeiro, Pena e Xoán Cuba, no salón de actos onde se presentou 'Brinca o río' ante o alumnado.
photo_camera Aguiar, Outeiro, Pena e Xoán Cuba, no salón de actos onde se presentou 'Brinca o río' ante o alumnado.

O IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz quere honrar ao poeta que lle dá nome ao centro e, sobre todo, perpetualo máis alá das efemérides. Por iso, veñen de presentar un libro de fotos e un roteiro didáctico na aldea do Vilariño, elaborados polo alumnado e o profesorado do centro, cos que se prolonga o proxecto ‘A lus do mundo’ desenvolvido o pasado curso.

O primeiro foi testar '‘A aldea do neno Pepe'’, un roteiro que pretende ser un recurso para dar a coñecer e pór en valor o rural. Con Díaz Castro como escusa e o seu lugar de nacemento como escenario, serán os propios alumnos os que se convertan nos guías de futuras visitas -unha proposta que comezará a funcionar o próximo curso- e amosen, a través de cinco actividades, «como vivía, como xogaba e como aprendía un neno hai cen anos». Os xogos populares, a arquitectura tradicional, a escolarización da época, a poesía e a paisaxe son os eixes sobre os que xira esta novidosa proposta.

A xornada completouse coa presentación, no salón de actos do centro, do libro '‘Brinca o río'’, unha colección de imaxes, combinadas con versos de Díaz Castro, xurdidas do obradoiro de fotografía desenvolvido o curso pasado polos alumnos de cuarto de secundaria, da man do fotógrafo Vari Caramés e da profesora de Plástica, Nuria Pena.

Ao acto asistiu Mario Outeiro, responsable da área de cultura da Deputación, que patrocina a publicación da obra. «Este é un magnífico traballo que se publica só», asegurou Outeiro, destacando o «proxecto ambicioso» posto en marcha polo centro, que permitiu «traballar co noso poeta dunha maneira multidisciplinar». «Sentídevos privilexados de ter participado nesta experiencia», concluíu.

Nuria Pena lembrou que o «primeiro que viu a beleza deste sitio foi Díaz Castro, co que nós dialogamos a través da fotografía», e aproveitou para destacar a relevancia das ensinanzas artísticas, mentres que tres alumnos, Fran, Andrea e Agustín, compartiron a súa experiencia no proceso de elaboración do libro.

Pola súa banda, a directora do instituto, Olga Aguiar, salientou o «intenso traballo» que hai detrás de todas as propostas que leva a cabo o centro.

Comentarios