''El futuro del cine pasa por el digital; si no, la televisión le pasará por delante''

Ter hoxe un cine, coa crise que atravesa o sector, ten máis de romanticismo que de negocio. Pero se ademais a sala está no baixo da túa casa, nun lugar como Leiro (1.800 habitantes) e se compra un proxector de tres dimensións (3D) de 90.000 euros, a cousa roza xa o esperpento. Pero a Ernesto Romero García dálle igual. ''É o meu hobby'', afirma.

Pregunta:
Canto tempo ten o Novocine de Leiro?

Resposta:
Ten 27 anos. Estivo pechado algo máis dun ano seguido, pero despois funcionou sempre.

P: E como naceu?

R: Pois montouno meu pai, vendo a afección que tiña eu e as ganas que tiña dunha sala propia.

Cine en 3D
P:
Xa era un cine ben curioso, coas súas 144 butacas e no baixo da casa. Pero como lle deu agora por comprar o proxector dixital?

R: Foi hai mes e medio. Cumprirei 58 anos en abril e pensei... ¡ou agora ou nunca! O cine para min é un hobby. Outros teñen outros. Isto significa que, como todos os hobbys, se gastan cartos sen saber se se recuperarán ou non. Pero era
algo que eu quería ter e, ademais, o futuro do cine vai por aí.

P:
Que proxectou xa en 3D?

R: 'Lluvia de albóndigas' foi a primeira película. Logo tamén 'Cuento de Navidad', 2012 –esta en formato dixital–, e agora 'Avatar'.

P: 'Avatar' será a máis agardada polo público, non?

R:
Si. Temos sesións desde este venres, ás 16:00, 19:00 e 22:30 na fin de semana. Logo unha diaria, ás 20.00, dúas semanas máis.

P: Prezo?

R: Cinco euros.

P:
E as gafas ponas vostede?

R: Si. Pero hai que devolvelas ao final, porque non son as típicas gafas de papel. Estas son boas.

P: É o 3D o futuro do cine?

R:
Eu penso que si. Agora hai moita crise no sector e, se non se buscan estas fórmulas como o dixital e o 3D, a televisión vai pasarlle por diante ao cine. Penso que o camiño pasa por aquí. Pensa que a película normal de 35 mm é algo moi caro, e son as grandes distribuidoras as que fan o negocio. Imaxino que unha cinta dixital é moito máis barata para proxectar, e que se pode gravar por riba despois.

P: Nota un aumento de xente no cine desde que comprou o novo proxector en tres dimensións?

R: No caso do Novocine de Leiro si que aprecio que vén máis público. Quizais non tanto como para recuperar o investimento do proxector, para o que pedín un crédito, pero si que hai máis clientes.

Superviviente romántico
P:
Logo este cine non é un negocio ao uso.

R:
Eu, máis que un traballo en si,véxoo como un hobby. Aquí entra o romanticismo da profesión.

P:
Segue proxectando películas en 35 milímetros?

R: Si. Agora mesmo estou alternando o dixital co convencional.

P:
Pero xa lle gusta máis o sistema novo...

R: O proxector dixital é unha máquina moi boa, hai que recoñecelo. As distribuidoras esixen un aparello bo e só hai cinco marcas para comprar, se non, non che deixan pasar a película. Pero ben, o 35 mm conserva o encanto. ''Cando traballaba no cine en Vigo había 15 empregados para atender a única sala''.

Coleccionista de gramófonos
P:
Por certo. Continúa coa colección de gramófonos?

R: Pois si. Por aquí andan.

P: Cantos ten?

R:
Pois un cento deles. E todos seguen funcionando! Ata teño unha máquina para, por dicilo dalgún xeito, facer discos. E queimóuseme hai pouco. Pero cunha reparación que lle fixen eu mesmo, xa funciona ben.

P: A pregunta máis difícil para un namorado do cine. Película favorita?

R: Ufff. ¡Moitísimas! Teño a sorte de que deixei un proxector de 35 mm para min, que uso de xeito particular, e nunca me canso de ver Casablanca, Lo que el viento se llevó, Psicosis...

P:
Os clásicos non morren...

R: Nunca. Hai pouco acabo de descubrir outro: Extraños en un tren, de Hitchcock. Pareceume unha película boísima.

Comentarios