O filme 'Dhogs', de Andrés Goteira, seleccionado no Fright Fest de Londres

O certame inglés adicado ao cinema fantástico e de terror é un dos festivais cinematográficos de máis prestixio e proxección a nivel internacional ► A película é a longametraxe de debut deste director e guionista meirego
Morris, nunha escena da película
photo_camera Morris, nunha escena da película

O filme Dhogs, dirixido polo meirego Andrés Goteira e producido por Gaitafilmes, está de noraboa, pois o 25 de agosto se presentará no festival Fright Fest, que terá lugar en Londres entre os días 24 e 28 do vindeiro mes.

Este certame inglés, encamiñado cara á proxección de cinema fantástico e de terror, goza de gran prestixio a nivel internacional. Polo tanto, será un escenario propicio para presentarlle en primicia ao público europeo esta película rodada en Galicia e Almería, a cal conta con personaxes tan característicos do audiovisual galego como Antonio Durán, 'Morris', Carlos Blanco, María Costas ou a luguesa Melania Cruz.

Dhogs defínese na súa web –Dhogsfilme.com– como unha película 'Made in Galicia', é dicir, composta por xente do rural galego e rodada orixinalmente en lingua galega, aínda que tamén se dobrará a outros idiomas

Os temas que trata Dhogs xiran en torno "a unha sociedade pasiva e allea ao sufrimento ante un mundo perverso e rodeado de crimes", explican desde a produtora. Esta problemática preséntase a través de seis tramas paralelas, como a que envolve a Álex, unha muller que goza nun bar dunha última copa, ignorando namentres os episodios turbios que se desatan fóra. O encontro fugaz cun executivo propiciará unha sucesión de actos violentos ao seu redor, dos cales non será quen de escapar nin controlar.

Goteira: "Estrear en Bos Aires pode abrir portas a outros festivais en Europa. Ata o de agora é difícil saber como vai funcionar a película, pero confío en que á xente lle guste"

Explica Gaitafilmes que esta é unha produción que pesquisa unha reflexión en torno á maldade e á barreira establecida entre amos e escravos. As propias declaracións do director Goteira confirman esta intención: "Dhogs é a miña primeira viaxe como director de cine, e nesta primeira viaxe quixen realizar unha película de xénero, xogar coas narrativas e a partir de aí darlle ao espectador a posibilidade de sacar as súas propias conclusións. Interésanme moito os cambios de perspectiva e as miradas dende diferentes puntos de vista.Quería sinalar os malos e facelos partícipes no filme".

Esta obra cinematográfica está coproducida por Gaitafilmes e PixelFilms e conta coa colaboración de La Planificadora Estudos. Asimesmo, foi financiada a través de micromecenado por máis de 300 pequenos investidores e obtivo subvencións de Agadic e a Deputación de Lugo. Os seus patrocinios veñen da man de Galipizza, Cervexa Áncora e o Concello de Meira, e ademais participan outros concellos como o de Viveiro, A Coruña e Oleiros e a Diputación de Almería. O proceso de recadación de fondos para financiar este filme contou con iniciativas innovadoras, como a da venda da súa propia cervexa, chamada Dhogsbeer.

Por outra banda, esta película xa tivo a súa relevancia fóra de Galicia debido a que o pasado mes de maio foi levada ao Festival Internacional de Cine Independiente de Buenos Aires (Bafici), onde participou dentro da sección de Vanguardia y Género. En declaracións a este xornal nos días previos a súa viaxe, o propio director, Andrés Goteira, afirmaba: "Estrear en Bos Aires pode abrir portas a outros festivais en Europa. Ata o de agora é difícil saber como vai funcionar a película, pero confío en que á xente lle guste".

A traxectoria deste filme continúa agora o seu precorrido internacional e dentro dunhas semanas o realizador meirego poderá presentar o seu proxecto ante o público congregado no Fright Fest de Londres.

Comentarios