O falecido Paco Souto gaña o certame aRi[t]mar

O poeta e percebeiro fincado en Malpica, que morreu en marzo, foi premiado por 'Terradentro' ► O luso Pedro Craveiro, tamén galardoado
Paco Souto
photo_camera Paco Souto

O poeta galego falecido o pasado mes de marzo cando traballaba como percebeiro, Paco Souto, e o autor luso Pedro Craveiro foron os gañadores do certame aRi[t]mar Galicia e Portugal, organizado pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela.

En concreto, Paco Souto por Terradentro (Caín, Laiovento, 2016) e o portugués Pedro Craveiro por Fui a Bruges esquecer un amor (Avenida Sul, 2016) recibiron máis de 2.000 votos.

Segundo explicou a organización do premio nun comunicado, esta iniciativa conta co patrocinio do Concello de Santiago, da Deputación da Coruña, así como das secretarias de Cultura e Política Lingüística da Xunta. Tamén colabora o Centro Cultural Portugués de Vigo-Instituto Camôes, o Conservatorio de Santiago e a USC, entre outras entidades. 

Paco Souto faleceu o pasado mes de marzo cando exercía o seu traballo de percebeiro na praia de Razo, no municipio coruñés de Carballo. Foi coeditor de Edicións do Dragón e da colección Letras de Cal. Ademais, foi activista social, cultural e político.

Pola súa banda, Pedro Craveiro exerce como profesor axudante de portugués na Universidade de California, onde tamén realiza os seus estudos de doutoramento. Os poemas gañadores serán interpretados nunha gala que terá lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela e serán acompañados da música de Sés e Quinta do Bill. Ademais, haberá un recordo ao autor tamén falecido Fran Pérez, Narf.

Comentarios