viernes. 23.08.2019 |
El tiempo
viernes. 23.08.2019
El tiempo

"NO SE INVOLUCRÓ EN EL 68 PARISINO"

O día máis feliz da vida de Baldo Pestana

Gabriel García Márquez, fotografado por Baldomero Pestana
Gabriel García Márquez, fotografado por Baldomero Pestana
O día que o ían homenaxear os alumnos do colexio público de Castroverde, decidiu que aquela sería a nova data máis feliz da súa existencia. Este neno labrego pasaba xa dos noventa anos

Carmen Rico Coira e Toño Polín Pérez abríranlle as portas da súa casa de Castroverde a Baldomero Pestana en 2008 e soterrárono este verán no cemiterio do municipio no que nacera e ao que regresou para morrer. O home do sotaque porteño volveu ao galego materno no seu epitafio. ‘Nacemos para correr’, líase o 8 de xullo na esquela, sen cruces, que anunciaba a cerimonia laica da despedida de Baldo, sen máis. El correra o mundo durante 97 anos.

Garda como un tesouro Carmen Rico aquel correo electrónico co que Baldomero Pestana retomaba o contacto co seu familiar máis próximo, o seu primo Toño Polín, o marido dela, hai oito anos. "Era unha carta preciosa, moi ben escrita, e pedía perdón por corenta anos de silencio", lembra Rico Coira, en referencia ás catro décadas sen darlles sinais aos seus familiares. E achegaba motivos da ausencia: "Tenía ganas de devorar el mundo y pasé cuarenta años", cita Carmen Rico de memoria.

Na casa de Toño Polín non esqueceran aquela única visita de Baldo a Castroverde desde que emigrara en 1923. Desta volta ía acompañado da súa esposa, a neta de astorganos Velia Martínez, e era 1967, xusto antes de que a parella deixase Perú por un París no que xa se barruntaba o espírito do 68. "Tíñanos [a Baldo e Velia] idealizados, xente tan culta, tan elegante...".

Aínda que naceu como un neno pobre no lugar de Pozos en 1918, fillo de solteira, que se criou cun tío en Bos Aires que lle aprendeu o oficio de xastre, "o seu hábitat era o dos intelectuais", conta Rico Coira. Na Arxentina viviu coa comunidade galega e con 20 anos, grazas a bolsas e axudas, estuda fotografía para procurar un novo medio de vida.

Una actuación de Dizzy Gillespie en Bos Aires a principios dos 50 supón a primeira proba de lume para o mozo Pestana que quere ser fotógrafo, unha vocación que eclosonaría ao trasladarse coa súa esposa a Perú en 1957.

A xornalista peruana Fietta Jarque, editora dun libro sobre os retratos peruanos de Pestana publicado este verán co gallo dunha grande exposición sobre a súa figura no Museo de Arte Contemporáneo (MAC) de Lima, relata que a parella chegou á capital peruana logo dunha travesía en barco, "entre divertida y desconcertante", xunto á unha ‘troupe’ de espectáculos de variedades. "Se alojan, al igual que ellos, en un hotel del centro, quizás de no muy buena reputación, pero en el que se les trata muy bien y están cómodos".

Unha das dúas cartas de recomendación que portaba Pestana, a que ía dirixida á señora Mocha Graña, "gran impulsora de la vida cultural limeña", surte efecto e o recén chegado conecta cos artistas e intelectuais. Comeza a traballar Pestana en publicidade e reportaxes para a revista do diario oficial El Peruano, que tamén lle abre a porta dos círculos políticos.

É unha idea repetida que Perú cumpre un papel central na biografía artística de Pestana e Jarque concorda. Son, di, "los años centrales en su desarrollo profesional". Neste tempo, colaborou en cabeceiras como Fanal e Caretas e tamén en Esquire, Time ou Life, para Unicef e a Onu, así como en xornais, con instantáneas "que han permanecido hasta ahora en los archivos; esto lo mantuvo vivo en la memoria de los peruanos". Puntualiza Jarque que estamos a falar dunha época, a dos anos 50 e 60 do século pasado, na que non se recoñecía a autoría do traballo dos fotógrafos.

Os peruanos puideron recuperar esta memoria grazas á mostra do MAC e ao libro ‘Retratos peruanos’, da editorial Plibros. Este volume non está á venda en España, máis Fietta Jarque anuncia unha inminente edición electrónica. En Galicia, apenas unha mostra no Museo Provincial de Lugo, outra no Museo do Pobo Galego de Santiago e unha terceira de debuxos en Caixanova en Vigo teñen repasado a obra deste artista especialmente dotado para o branco e negro e luz natural.

Tanto Carmen Rico como Fietta Jarque coinciden en que Pestana distinguía entre as instantáneas do traballo e as do puro pracer. "Fue siempre exigente con su trabajo como fotógrafo al extremo de distinguir claramente cuál era su trabajo artístico y cuál el profesional, en periodismo o publicidad. Hasta el final de sus días se negó a que se publicara ninguna foto que no llenara esta exigencia", afirma Jarque.

As fotografías do pracer eran retratos de xente que admiraba, fundamentalmente escritores e artistas, aínda que Carmen Rico rexeita que se tratase dun afán de "coleccionista" de celebridades. Hai moitas imaxes de "ilustrísimos" que nunca amosou "porque non cría que fosen suficientemente boas". Podía tirar un cento de fotografías, como lle pasou co Gabriel García Márquez que corrixía a tradución ao francés de ‘Cien años de soledad’. "Dicía que non paraba ata que conseguía a dignidade da persoa". E sostiña, tamén, que un bo retrato tiña que gustarlle ao individuo que inmortalizaba.

Un punto de inflexión nesta galería de retratos artísticos, "cos que nunca comerciou", foi o de Ciro Alegría. "Era el escritor más famoso de toda su generación —sinala Jarque—; había vivido en el exilio político en Estados Unidos y en Cuba. [Baldomero Pestana] le hizo esos rectratos en blanco y
negro, tan elegantes, y vio en el retrato de artistas un filón interesante para su trabajo".

Proba que Pestana non era un "coleccionista" o feito de que fose un retrato de José María Arguedas, expoñente da literatura indixenista e nin de lonxe tan coñecido coma outros dos que pasaron por diante da súa Hasselblad ou da súa Linhof, o que el consideraba a súa mellor fotografía. Na súa obra teñen tamén cabida os marxinados e os campesiños de Perú; os mendigos e os refuxiados de París.

Aínda que cazou de tres disparos a Borges mentres paseaba por Lima e chegou a manter certa "cordialidad" con Mario Vargas Llosa, onde Pestana sentou acta gráfica do boom latinoamericano foi en París, unha "meca" para os intelectuais e artistas da América que fala español. "A medida que en América Latina se multiplicaban las dictaduras militares o regímenes que perseguían a los guerrilleros y gente de izquierdas, los que podían se exiliaban y el destino más idealizado fue la capital francesa", contextualiza Fietta Jarque. Alí retratou a García Márquez, Carlos Fuentes e moitos máis, aínda que se lle "escaparon" algúns como Cortázar, "con quien quedó un día para hacerle fotos, pero el escritor no acudió". No arquivo de Pestana están Severo Sarduy ou Mujica Laínez, a quen coñeceu en París, a carón de xentes como Roman Polanski ou Man Ray.

Por que un home semellante é case que un descoñecido para os galegos? Quen o tratou fala dunha mestura de esixencia e de humildade, e Carmen Rico advirte de que, a día de hoxe, só se expuxo unha pequenísima parte dunha obra que Toño Polín se encarga de dixitalizar. Engade Fietta Jarque que quizais lle faltou "autoestima" como artista. "En una de nuestras últimas conversaciones me dijo que si volviera a vivir trataría de difundir mejor su obra".

Un recente documental, ‘A imaxe reb/velada’ (Miramemira), dirixido pola viguesa Andrea Vázquez, que vén de ser estreado en Cineuropa e que se proxectará en Lugo en decembro, aproxímase á figura deste home que pasou en vida practicamente desapercibido para os galegos. Tamén o xornalista e escritor leonés Emilio Gancedo escolleu a Pestana para o seu volume ‘Palabras mayores’ (Pepitas de Calabaza), no que se achega á sabedoría dos anciáns e á memoria das sociedades campesiñas. Gancedo especifica que o de Pestana é un perfil que encaixa de esgueira no seu volume, pero non puido resistirse á súa historia de emigración, "que también es la historia de la Galicia rural".

As viaxes de Pestana foron conformando a súa personalidade creadora. Nos anos de París naceu o Baldo debuxante e pintor. Traballaba con lápis e papel bristol. "Nunca deixou de ser fotógrafo, pero como non existía a fotografía perfecta, empezou a debuxar", avanza Carmen Rico. Baldo deixara de pintar ao enfermar a súa muller, pero Lugo devolveuno aos lápices. En Castroverde pintou ata "o derradeiro ano", ata que rompeu o brazo en outono de 2014.

Malia que xa foron aló máis de catro meses desde o pasamento de Baldo, Carmen Rico e Toño Polín aínda falan del en presente. Non son quen de facer outra cousa. Sinalan que no regreso ao berce Baldo anceiaba ser querido, sobre todo polos veciños de Castroverde. O Concello faríao fillo predilecto o 12 de maio de 2012.

Emilio Gancedo indica que, hai un ano, cando o visitou, atopou un home "en paz, con un aura de armonía, y que amaba Galicia de forma extraordinaria". Entendía a súa vida coma unha parábola, apunta Gancedo: "Decía que había pasado de ser un hijo no deseado, por ser su madre soltera y los estigmas que había en su momento, a ser hijo predilecto de Castroverde, y eso lo hacía inmensamente feliz".

Gancedo apunta que o ancián fotógrafo agoiraba visitas en Bascuas. "Por aquí viene mucha gente, pero luego no vuelven", comentoulle Pestana a este xornalista leonés na despedida. Moitos si que regresaban. Os derradeiros amigos de Baldomero Pestana —amais de Carmen e Toño, a familia reencontrada no inverno da vida—, son convidados do documental ‘A imaxe reb/velada’. Así, no filme escóitase a voz do poeta e tradutor Darío Xohán Cabana, a quen o artista realizou un dos últimos retratos como fotógrafo. Outra persoa especial foi o arquitecto e exalcalde de Santiago Xerardo Estévez, a quen coñeceu co gallo da exposición de Pestana no Museo do Pobo Galego.

Explica Andrea Vázquez que houbo un frechazo entre Baldo e o poeta e mestre lucense Lois Pérez. "Coñecéronse nunha sala de jazz de Lugo [o Clavicémbalo]. A Baldo o monologuista que máis lle gustou foi Lois, porque vía nel referencias literarias". Foi o ancián quen se achegou ao mozo Lois Pérez. Amais de conversas sobre Cortázar, a directora de ‘A imaxe reb/velada’ cre que Lois Pérez é case que un "alter ego" de Baldo. "Mesmo se imitan fisicamente. Eu usei este recurso no documental; utilizar a Lois coma un Baldo máis novo".

Rico Coira non quere parecer soberbia cando di que ela e o seu home cren que é un acto de xenerosidade compartir o legado de Baldomero Pestana. Manteñen intacto o taller —atelier— no que el traballou no lugar de Bascuas ata que finou en xullo. "O seu sería, co tempo, convertelo nun museo; as fotografías de Baldo, os debuxos de Baldo, os libros de Baldo". E sentenza: "Ás veces a vida faiche un agasallo e iso foi Baldo para nós".

O día máis feliz da vida de Baldo Pestana
Comentarios