O Culturgal converte a Pontevedra na capital cultural da comunidade

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, inaugurou a novena edición da Feira das Industrias Culturais de Galicia, que se prolonga ata o domingo

Cunha xornada marcada polos encontros profesionais do sector e pola celebración do espectáculo inaugural a cargo de Sondeseu, no que participarán como convidados Rosa Cedrón e Treixadura, comeza este venres en Pontevedra a novena edición da Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal.

O Recinto Feiral acolleu o acto oficial de inauguración no que participaron o presidente da asociación que organiza a feira, Manuel Bragado; o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo; o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

Trala benvida oficial deron comezo tres días de actividades, cunha programación que inclúe máis de 150 propostas, nun espazo expositivo ocupado por 101 ‘stands’ de 81 entidades.

En palabras do secretario xeral de Cultura, Culturgal "é probablemente unha das citas máis ambiciosas da cultura galega de concepción multidisciplinar". "Libros, artes escénicas, música, audiovisual, programacións infantís, artes plásticas, tecnoloxía... Todo isto está presente como unha oportunidade para o encontro profesional dos distintos axentes das industrias culturais, pero tamén para o coñecemento do público xeral", engadiu.

En liña co lema desta novena edición, Cultura, comunidade, futuro, Anxo Lorenzo defendeu a necesidade de reivindicar o papel das industrias culturais e creativas galegas como o noso "selo de futuro e de proxección internacional como marca de país".

A meirande parte das actividades programadas este ano desenvolveranse arredor dos chamados espazos Foro, Libro, Infantil, Carpa e Cine. O Auditorio do Pazo da Cultura acolle, así mesmo, tres espectáculos especiais protagonizados por SonDeSeu (este venres ás 21.30 horas), Budiño (o sábado ás 21.30 horas.) e María Fumaça (o domingo ás 12.00 horas).

Ademais dos concertos e das presentacións de libros, películas e outros produtos culturais, abertos ao público xeral e cun apartado específico para a oferta infantil, Culturgal conta tamén cunha ampla oferta profesional como escenario para o debate, o diálogo e a procura de acordos. O conxunto das propostas pódese consultar na páxina web da feira: www.culturgal.com. O prezo da entrada ao Recinto será de 2 euros (bono: 3 euros).

Q-FAS. O Concello de Pontevedra anunciou a posta en marcha dunha nova iniciativa durante a celebración do Culturgal. Chámase Q-fas e ten como obxectivo levar ás redes todo o que aconteza no posto do Concello ao longo da feira. "Durante os tres días, difundirá ideas e testemuños de persoas relacionadas coa literatura, as artes plásticas, o deseño, a ilustración, o cinema, o mundo editorial e calquera outra manifestación artística da cidade", explican os promotores da iniciativa.

Comentarios